Un "inmoble singular" ubicado "nun lugar de singular beleza natural", "emblemático", "moi coñecido", "cheo de historia" e inzado de "detalles" como "cadros, recordos de todo tipo, unha magnífica biblioteca". Así presenta o Pazo de Meirás a inmobiliaria Mikeli, unha empresa de Santander especializada na venda de propiedades de luxo á que a familia de Francisco Franco veñen de encomendar a venda do histórico edificio por un prezo inicial de 8 millóns de euros.
Despois de que, ao transcorreren apenas dous meses da morte da filla do ditador, Carmen Franco, os seus herdeiros manifestasen a súa intención de venderen o pazo en plena intensificación dos movementos a prol do seu paso definitivo ao patrimonio público, a inmobiliaria cántabra vén de facer pública a operación tras incorporar o pazo ao seu catálogo. A empresa amosa diversas imaxes do pazo, do seu interior e mais das leiras colindantes e, adicionalmente, divulgou un vídeo no que combina o aspecto actual do recinto con imaxes do NO-DO sobre as estancias de Franco nel.
A inmobiliaria, especializada en propiedades de luxo, defende que ten clientela interesada en "montar hoteis en propiedades históricas", o que sería "unha saída moi boa" para Meirás porque "podería visitalo todo o mundo"
Segundo publica El Diario Montañés, a elección desta inmobiliaria débese á relación persoal dos seus propietarios coa neta maior do ditador, Carmen Martínez-Bordiú Franco, o responsable da empresa, Antonio Avilés, esfórzase en facer ver que os 8 millóns que piden por Meirás "son un bo prezo" que atribúe á vontade da familia de desprenderse da propiedade que o xeneral golpista conseguiu grazas a doazóns forzosas da poboación en 1938. A clientela á que se dirixen, agregan, son "interesados en montar hoteis en propiedades de carácter histórico" que poderían dar unha "saída moi boa" a "este edificio singular polo seu carácter de historia de España" . Así "podería ser visitado por todo o mundo", resolve, ademais de firmar que xa "hai ofertas" que "a familia está valorando".
Nun comunicado difundido pola propia inmobiliaria, Mikeli presenta esta operación como todo un "fito" na súa "selecta carteira de clientes". Congratúlanse, din, por poderen vender "un lugar emblemático e moi coñecido non só en España, senón tamén fóra do noso país" por ser "residencia da célebre escritora galega Emilia Pardo Bazán e de Francisco Franco, xefe do Estado, e da súa familia".
O pazo, no catálogo da inmobiliaria
Sen referencias 'incómodas'
A empresa obvia o xeito en que o ditador espoliou Meirás e todos os movementos sociais e políticos encamiñados a que quede no patrimonio público galego
Nin no seu comunicado sobre a venda nin nas declaracións ofrecidas á prensa local a inmobiliaria Mikeli fai referencia ningunha ao xeito en que Franco espoliou o Pazo de Meirás durante os peores anos da represión tras o golpe de 1936, á súa condición de Ben de Interese Cultural nin tampouco ao feito de que varias Administracións públicas galegas estean a pular por que quede no patrimonio público sen pagamento adicional ningún.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, insta a Xunta a ser "dilixente" e sancionar os Franco por poñer á venda un BIC sen comunicalo formalmente, como fixa a lei
Neste sentido, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, advertía este venres no nome da institución e, por extensión, no da Xunta pro Devolución do Pazo -que agrupa a entidade provincial coruñesa co Concello e organizacións sociais-, da necesidade de que a Xunta sexa "dilixente" ante este anuncio e "faga cumprir a lei de patrimonio cultural", iniciando "de maneira inmediata" o "expediente sancionador por poñer á venda un BIC sen cumprir a obriga de comunicación ao organismo que o tutela", que é a Consellería de Cultura. "De non o facer, estaría a haber conivencia coa descendencia do ditador, e é tempo de rematar coa impunidade", sinala Sanmartín, quen lembra que o vindeiro día 1 a Deputación coruñesa fará públicos os informes legais e históricos que abren "vías legais para que o pazo pase a ser un ben público".
Mentres, dende a Xunta, que legalmente tería unha posición preferente para mercar o pazo, resaltouse en declaracións a Praza.gal que "a vontade política" do Goberno é a manifestada polo acordo parlamentario de setembro do pasado ano, centrdo en "recuperar para o patrimonio público" o Pazo de Meirás "sen que esta incorporación implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu en 1938". "Trátase dun acordo que reflicte o sentir xeral da sociedade galega de non pagarlle a familia Franco por este inmoble", reiterouse dende a Consellería de Cultura e Educación a este diario.