As visitas a Meirás, de exaltar o ditador a recibir as súas vítimas na reapertura como patrimonio público

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público, este 1 de xullo © Goberno de España

No ano 2006, a Consellería de Cultura do Goberno de coalición de PSdeG e BNG iniciou os trámites para iniciar a declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC). O obxectivo era forzar a familia de Franco a abrir o histórico recinto ás visitas, situando no horizonte a súa recuperación para o patrimonio público, tal e como viñan reivindicando movementos de recuperación da memoria histórica e o Concello de Sada -onde se atopa-, entre outras entidades.

Tras múltiples atrancos e coa seguridade financiada por máis de 50.000 euros da Xunta no seu inicio, os Franco accederan a abrir o pazo cun réxime de visitas que converteran nunha oda ao ditador entre ataques aos movementos para recuperar o recinto como patrimonio público

O proceso foi lento, con múltiples atrancos por parte dos herdeiros do ditador e tamén receos públicos do daquela líder do PP na oposición, Alberto Núñez Feijóo. A declaración BIC acabaría chegando en 2008 e, co cambio de Goberno na primavera de 2009, correspondeulle ao Executivo do PP executar a apertura ás visitas. Os populares optaron pola "negociación" coa "propiedade" (os Franco) ata que deron en abrir en marzo de 2011. Durante os dous anos seguintes, para incentivar que os Franco cumprisen coa lei, a Xunta chegou a gastar 53.713 euros para cubrir os custos do servizo de seguridade das visitas e un seguro para eventuais danos.

Anos despois, mentres continuaba a mobilización das entidades memorialistas e os Franco teimaban nos incumprimentos do réxime de aperturas, a familia do xeneral golpista encomendou as visitas á Fundación Francisco Franco. Fíxoo a través dun guía que convertía cada visita nunha oda ao ditador salferida de ataques a calquera movemento político e social a prol da recuperación das Torres de Meirás para o patrimonio público.

Explicación do historiador Manuel Pérez, xunto a Carlos Babío, na visita a Meirás de vítimas do franquismo e entidades de defensa da memoria histórica este 1 de xullo © Concello de Sada

Este foi o pano de fondo co que transcorreu o arduo proceso político e xudicial que derivou, o outono do pasado ano, na sentenza que declara Meirás como propiedade do Estado. Mentres a batalla legal continúa con derivadas como a centrada nos bens do interior do pazo, este xoves, 1 de xullo de 2021 a recuperación daba un paso máis coa primeira apertura ao público do recinto (aínda con limitacións físicas, polas reformas no interior). 

Este 1 de xullo, xa co pazo como patrimonio público e a entrada xestionada polo Concello de Sada, Meirás abriu e tivo como primeiras visitas a vítimas da ditadura e membros de entidades memorialistas, cos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez como guías

As visitas, que antes xestionaba a fundación dedicada a exaltar a Franco e agora están nas mans do Concello de Sada -en virtude do acordo dos gobernos local, galego e español-, foron estreadas por vítimas da ditadura e representantes de entidades de defensa da memoria histórica. Persoas que foron presas políticas durante o franquismo como Xan Castro, Xesús Díaz ou Manuel Villares; familiares de represaliados como Amalia Bóveda, Camilo Díaz ou Flor Baena e membros de diversas asociacións memorialistas de todo o país puideron cumprir, aínda que con demora a súa reivindicación de entrar nun Pazo de Meirás sen os Franco.

Cambia a propiedade, cambia a xestión das visitas e muda tamén o relato. Onde antes estaba un apoloxista da ditadura e da extrema dereita estiveron este xoves os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, a maior investigación sobre o proceso que levou á incautación forzada dun Pazo por parte dos golpistas e dos seus cómplices. A súa axuda foi tamén clave para a preparación e éxito do proceso legal para a recuperación de Meirás.

O Concello de Sada destaca que recibiu unhas 300 solicitudes para visitar Meirás en apenas catro días e o Goberno de España avanza que ultima a celebración no recinto "dun acto institucional no que o movemento memorialista será o gran protagonista"

Este venres continúan as visitas a Meirás por parte de entidades de defensa da memoria e familiares de vítimas e o sábado estarán no recinto edís que formaron parte da corporación municipal de Sada dende 2007. Non en van, lembra o Concello, "a declaración BIC de 2008 tivo como antecedente, entre outros, un acordo do pleno da corporación" presidida por Abel López Soto (BNG) "no que se instaba a Xunta" a iniciar o proceso, como así sucedeu. 

O actual alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría), que destaca que o Concello recibiu 300 solicitudes en apenas 4 días para visitar Meirás, estivo tamén presente xunto a outros membros do goberno local nesta primeira visita xunto á subdelegada do Goberno de España na Coruña, María Rivas. Rivas avanza que, "unha vez iniciadas as visitas aos exteriores de Meirás, o Goberno traballa na celebración dun acto institucional no que o movemento memorialista será o gran protagonista".

Guía editada polo Concello de Sada e elaborada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo para a visita a Meirás como patrimonio público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.