Apenas seis liñas dedicadas á memoria nun texto de 27 páxinas na que non hai alusión a como Franco se fixo co Pazo. O documento da Xunta sobre as Bases para o plan de usos das Torres de Meirás confirma a intención inicial do Goberno galego de priorizar a figura de Emilia Pardo Bazán sobre a memoria histórica e o recoñecemento ás vítimas da ditadura, unha idea que semella desbotada logo de que o Executivo galego asumise o proxecto do resto de administracións implicadas no debate na primeira das reunións da comisión técnica.
O documento da Xunta ratifica a intención de "revitalizar o espazo arredor da figura da xenial escritora" e convertelo no "faro da igualdade de Galicia e de España"
O documento, que foi presentado o pasado venres pero que non se fixo público --e ao que vén de ter acceso Praza.gal-- resume a "proposta preliminar de usos" para o Pazo de Meirás ideado pola Xunta. Nel, o Goberno galego explica a súa intención de "revitalizar o espazo arredor da figura da xenial escritora" e converter as Torres no "faro da igualdade de Galicia e de España, potenciando a importancia da muller na creación cultural e intelectual".
As 'Bases para o plan de usos das Torres de Meirás' sitúa a figura de Pardo Bazán como "eixo central" do futuro do Pazo
Foi esa, grosso modo, a proposta que o pasado venres explicou en rolda de prensa o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que este pasado martes, na reunión da comisión técnica xunto a Estado, Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña, atribuíu a un malentendido as informacións de que a Xunta pretendía diluír o contido dedicado á memoria histórica, tras as críticas do consistorio sadense ou da institución provincial. Á saída da reunión, celebrou a "coincidencia xeral" sobre estes usos "máis aló de cuestións específicas e porcentuais".
As Bases para o plan de usos das Torres de Meirás, no entanto, afondan nesa clara prioridade á figura de Pardo Bazán, en contra da idea do resto das administracións, que buscan, como mínimo, igualar o legado da escritora á reivindicación da memoria histórica e á explicación do que supuxo o Pazo na época ditatorial.
A Xunta pretende tamén "un espazo de reflexión sobre o franquismo e a ditadura", pero "tomando como eixo vertebrador a figura de Pardo Bazán"
Entre os obxectivos, o documento --manexado nas reunións entre as administracións sobre o futuro do Pazo-- advirte dun "plan de usos que teña como eixo central o papel da muller na creación cultural, referenciado na figura de Emilia Pardo Bazán", así como a "igualdade", o que supón unha "proposta única en España e moi pouco habitual noutros países".
Nas Torres, a Xunta pretende "o desenvolvemento social, cultural e creativo e a valoración da creatividade feminina en Galicia" e tamén "un espazo de reflexión sobre o franquismo e a ditadura", pero "tomando como eixo vertebrador a figura de dona Emilia Pardo Bazán".
É esta referencia ao réxime ditatorial unha das poucas que fai o documento, que propón tamén a "promoción dos valores democráticos" e unha alusión á ditadura "a través do período de uso franquista" das Torres de Meirás. A Xunta dedica unicamente a última páxina destas Bases ao ámbito específico da memoria histórica, ao que pretende dedicar o "xardín da liberdade".
En catro liñas, a Xunta promove "a creación dun espazo para a memoria e reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e a actual democracia e que sirva como recordo e reparación daquelas persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia".
Son, xa que logo, unhas seis liñas en total as dedicadas á memoria histórica nun documento baseado fundamentalmente na figura de Pardo Bazán, na súa creación literaria, no seu "feminismo" e loita pola igualdade ou nas súas ideas, que "combinaron equilibradamente a súa visión española consciente, ao tempo que cosmopolita, pero cun centro imaxinario, emocional e intelectual radicado sempre en Galicia".
O documento non fai referencia ao xeito no que as elites franquistas adquiriron o inmoble para o ditador nin ao espolio de bens denunciado
Ademais, e no espazo dedicado á historia do Pazo, non aparece ningunha referencia ao xeito no que as elites franquistas adquiriron o inmoble para o ditador, nin á compravenda simulada recoñecida pola Xustiza nin ao "espolio" de numerosos bens denunciado por numerosos investigadores. "Desde abril de 1938, o Estado ocupa o inmoble e iníciase a preparación para albergar a sede estival da Xefatura do Estado", resume o documento nunha liña do tempo sobre as Torres. "Súmanse ao conxunto novas propiedades e vaise completando con pezas de valor histórico-artístico de diferentes orixes e abundantes actuacións", di sobre o aprovisionamento feito por Franco no predio.
En canto á etapa da ditadura, o documento da Xunta explica que "o inmoble histórico funcionou como residencia de verán de Francisco Franco" e que, á súa morte, "os seus herdeiros quedaron coa propiedade, cuestión que causou unha gran controversia social e foi orixe de accións xudiciais arredor de cuestións como a titularidade ou as estatuas do Mestre Mateo". De épocas posteriores, tamén pasa por riba do papel da Xunta na declaración BIC do inmoble.
As Bases para o plan de usos das Torres de Meirás explican tamén as intencións de "uso cultural" do Pazo, as visitas guiadas, o "plan museolóxico", o impulso de residencias literarias ou a creación dun "espazo de emprendemento e investigación para o fomento da igualdade da muller en Galicia".