A Xunta aposta por priorizar a figura de Pardo Bazán por riba da memoria histórica no futuro proxecto para o Pazo de Meirás, logo de que este xoves pasase ao patrimonio público tras 82 anos en posesión dos Franco. Así o ratificou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nun acto que presentou as "bases" do Plan de usos das Torres e no que deixou clara a intención de diluír as referencias ao pasado franquista e a homenaxe ás vítimas da ditadura para priorizar o legado da escritora.
A Xunta aposta por "profundizar" na figura da escritora: "Cómpre máis falar do Pazo de Pardo Bazán que do Pazo de Franco"
Tal e como xa adiantara Feijóo na reunión mantida entre varias administracións para debater o futuro uso do Pazo, a Xunta teima nunha idea contraria ao do Goberno central, Deputación da Coruña ou Concello de Sada, que apostan por reivindicar a figura de Pardo Bazán pero tamén, cando menos á mesma altura, utilizar o inmoble como espazo reivindicativo da memoria histórica e democrática e das vítimas da ditadura.
"Que quede claro que non queremos agochar nin branquear nada", advertiu Román Rodríguez, ante as insistentes preguntas sobre a prioridade que a Xunta parece pretender do legado da escritora fronte á memoria histórica. "Debemos apostar e profundizar na figura de Emilia Pardo Bazán; aos galegos cómprenos máis falar das Torres de dona Emilia que do Pazo de Franco", dixera antes o conselleiro, insistindo na intención da Xunta de que o inmoble "recobre a esencia truncada polo franquismo e volva ser o que nunca debeu deixar de ser, sen esquecer que foi residencia do ditador".
"Ten que haber diferenza entre quen construíu, impulsou e viviu no Pazo e quen o ocupou de xeito alegal", advirte Román Rodríguez
"Ten que haber diferenza entre quen construíu, impulsou e viviu no Pazo e quen o ocupou de xeito alegal", asegurou Rodríguez desde a casa-museo Emilia Pardo Bazán, no edificio da Real Academia Galega na Coruña, para xustificar a idea da Xunta de que os novos usos das Torres xiren, fundamentalmente, arredor da figura da escritora e se tornen nun "faro de igualdade e cultura" para reivindicar a súa figura e as súas "pioneiras" ideas de igualdade.
"Para Galicia é máis interesante que sexa o Pazo de Emilia Pardo Bazán e non o Pazo de Franco", insistiu quen avogou por esta "diferenza positiva" en favor da escritora e en "profundizar na aposta pola cultura".
Román Rodríguez volveu reclamar para a Xunta a xestión do Pazo unha vez haxa sentenza definitiva. "Parece lóxico e de xustiza", dixo, tras resumir en catro eixos as bases do plan de usos que xa presentou Feijóo o pasado mércores ao resto de administracións, nunha reunión na que non houbo acordo e na que o Goberno galego desmarcouse cunha proposta que prioriza o legado cultural sobre o da memoria democrática.
A Xunta aposta por catro eixos nas bases do plan de usos e dedica os xardíns ao "espazo para a memoria e reflexión sobre a ditadura"
Así, a Xunta aposta por un "espazo vivo" na que unha das patas sexa a "valorización patrimonial e a apertura á cidadanía" do predio, con actividades académicas, estudantís e literarias. Neste primeiro dos eixos apóstase por un plan "museolóxico", con visitas guiadas e percorridos culturais, tamén para escolares, a un predio que debe "recuperar o sentido orixinal do inmoble deturpado polo franquismo, converténdose nun espazo que resalte a importancia da muller na creación intelectual e o legado da escritora", incluíndo tamén a historia do inmoble e o proceso polo que pasou a ser residencia do ditador.
Como segundo eixo, a Xunta aposta por un "centro de creación artística de oportunidade e apoio ás mulleres artistas" e como terceira pata do proxecto inclúe un espazo de "emprendemento e investigación" nucleados arredor da escritora e do fomento a igualdade.
Por último, e como cuarto eixo, os espazos verdes destinaríanse a "un xardín da liberdade, como auténtico espazo para a memoria e reflexión sobre a ditadura" onde destacar o papel das mulleres na loita contra o franquismo e o "recordo e reparación dos represaliados". O principal lugar para a memoria histórica sería, xa que logo, o exterior do inmoble, centrando o interior en Pardo Bazán aínda que con posibles referencias á ditadura e ao relato democrático.
Preguntado Rodríguez sobre se, vistos os catro eixos, o espazo dedicado á memoria quedaba relegado ao 25% ou basicamente ao espazo exterior do Pazo, o conselleiro negouno. "Non é así exactamente", dixo sobre a posibilidade de que o inmoble sexa exclusivamente dedicado á escritora, xa que, advertiu, tamén aí pode haber "referencias ao pasado franquista" do Pazo.
Deputación, Concello e Estado piden un "papel fundamental" para a memoria histórica
"Buscamos un equilibrio, pero queremos que se identifiquen as Torres como o Pazo da cultura e da igualdade, que sexa o Pazo de Pardo Bazán e non o Pazo de Franco", repetiu o conselleiro, que aclara que a Xunta non pretende "agochar nada", pero que si quere "fixar unha referencia" que identifique o inmoble fundamentalmente coa escritora. "Isto non é cuestión de procentaxes, pero non é igual quen ocupou o Pazo que quen o construíu", rematou, tras advertir de que, en todo caso, o futuro das Torres será discutido co resto de administracións e con todo tipo de colectivos que se queiran sumar, tamén aqueles que durante anos loitaron pola recuperación do inmoble para o patrimonio público.
Precisamente, o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, avogou este venres en TVE por dar un uso ao Pazo de tipo cultural e de memoria ao tratarse dun lugar cun valor de recuperación para a democracia. Ademais, o alcalde de Sada, Benito Portela, insistiu en que tanto a figura de Pardo Bazán como a homenaxe e reivindicación das vítimas do franquismo deben estar presentes, mentres que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso apostara xa por un "papel fundamental" para "a recuperación da memoria democrática".
"A Xunta vai na dirección errada; a memoria histórica non é un xardín", denuncia o Concello de Sada, que "rexeita" o plan de usos do Goberno galego
Nun comunicado, o Concello de Sada di "rexeitar" o plan de usos e acusa a Xunta de "ir na dirección errada, tanto no fondo como na forma". "O Pazo, xa desde o Decreto BIC do 2008 ata agora, integra dúas referencias históricas, a de Pardo Bazán e a do ditador Franco. As dúas forman parte indisociable do Pazo, da súa historia, dos seus antecedentes e dos futuros usos", destaca.
Segundo o alcalde de Sada, Benito Portela, “Feijóo quere que só se fale de Pardo Bazán xa que lle molesta a memoria, sobre todo a histórica e democrática, do franquismo, da ditadura, da represión, o que supón unha didáctica parcial e interesada do Pazo". "A memoria non é un xardín”, dixo.
“Sen a referencia do franquismo, do que foi e representou a ditadura, e en particular do propio Pazo como símbolo e resultado do franquismo, estariase dando unha interpretación parcial e fraudulenta do Pazo de Meirás”, engadiu Portela, que criticou que a Xunta anunciase de maneira "unilateral" a súa proposta para as Torres.