Feijóo confirmou a súa viraxe total ao respecto do Pazo de Meirás. No mesmo día no que o Estado recibiu as chaves do inmoble, que é xa patrimonio público, o presidente da Xunta insistiu en reclamar a súa xestión para a Xunta de Galicia e en propoñer que os usos e proxecto principal das Torres se centren na figura de Emilia Pardo Bazán, primeira propietaria e impulsora do recinto.
Feijóo teima en que a figura de Pardo Bazán sexa o eixo dos futuros usos do Pazo, mentres o resto de administracións piden resaltar tamén a memoria histórica
"A historia do Pazo é máis que as semanas de verán que pasaba Franco nel", insistiu o xoves Feijóo, que leva días empregando o argumento do escaso tempo que o ditador ou a súa familia gozaban do inmoble para xustificar que o proxecto que alí se impulse estea centrado e dedicado fundamentalmente á escritora e non á recuperación da memoria democrática e na homenaxe ás vítimas do franquismo, tal e como reclaman o resto de administracións implicadas.
Así o manifestaron o pasado mércores na reunión que mantiveron a vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo; Núñez Feijóo; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; ou os rexedores de Sada e da Coruña, Benito Portela e Inés Rey. Todos, agás o presidente da Xunta, incluíron a memoria histórica e o relato da verdade do que o Pazo supuxo en mans dos Franco como un dos piares fundamentais dun futuro plan de usos, ademais da reivindicación tamén da figura de Pardo Bazán.
Feijóo defendeu en solitario na reunión co Estado, a Deputación e os concellos de Sada e A Coruña que Pardo Bazán fose a base fundamental do futuro proxecto
"Feijóo insistía unicamente no legado da escritora e deixou á marxe a memoria histórica", relata unha das persoas asistentes á xuntanza na que, segundo as mesmas fontes, o presidente da Xunta quedou só na súa proposta de minimizar ou diluír a historia franquista e a conseguinte reivindicación da memoria democrática no Pazo.
Confirmouno logo nas súas declaracións públicas. Fronte a un González Formoso que pediu que "a recuperación da memoria democrática xogue un papel fundamental" nos futuros usos do Pazo e a unha Carmen Calvo que advertiu de que o público atopará en Meirás "a historia e a verdade do ocorrido, coa presenza de Franco pero con unha ollada propia da memoria democrática", Feijóo teimou na súa idea.
"A memoria de Meirás está ligada á súa lexítima propietaria, Emilia Pardo Bazán, e por iso o proxecto emblemático debe poñer en valor a súa obra e legado como precursora da igualdade, unproxecto de memoria completa, de queno construíu e posuíu", dixo, tras matizar que, "por suposto, sen ocultar que alí pasou varias semanas ao ano o ditador Franco durante 40 anos e a súa familia ata este xoves".
"A historia do Pazo é máis que as semanas de verán que pasaba Franco", argumenta Feijóo sobre un inmoble onde o ditador ou a familia veraneou 80 anos
O Pazo de Meirás foi ordenado construír pola escritora en 1893 e alí pasou varios meses ao ano Pardo Bazán, ata que morreu en 1921, 28 anos despois. O ditador Franco veraneou na Torres, onde celebraba consellos de ministros, desde 1938 e ata a súa morte, case 40 anos, mentres que a súa familia mantivo ese costume ata este mesmo ano.
Feijóo impulsa agora en Meirás un "faro da igualdade de España e de Europa" co que a Xunta pretendería "potenciar a imaxe da muller, da súa creación intelectual, aproveitando o legado incuestionable de Pardo Bazán". E reclama a xestión para o Goberno galego, cando non hai tantos anos cuestionaba mesmo que o Pazo fose un pazo.
En 2007, xa como líder do PPdeG, Núñez Feijóo rexeitaba mesmo obrigar aos Franco a abrir o inmoble catro días ao mes e, xa que logo, a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) porque o predio "non é un pazo" senón "unha torre". Para o daquela líder da oposición, o goberno de coalición de PSdeG e BNG ía "mal" se "nin tan sequera desde a Consellería de Cultura se sabe cales son os pazos de Galicia".
"Se se queren recuperar patrimonios, que se recuperen os que correspodnen a Galicia", insistía Feijóo entre duros reproches á conselleira de Cultura naquela altura, Ánxela Bugallo, que ironizara con contratar a Feijóo como "técnico de Patrimonio".
Feijóo alegou en 2007 que a Xunta non podía obrigar aos Franco a abrir Meirás porque "non é un pazo" senón "unha torre"
Desde aquela, Feijóo foi completando a viraxe que incluíu que o seu goberno dende 2009 e ata 2013, optase pola vía do acordo cos Franco para cumprir coa apertura ao público derivada da declaración BIC: a Xunta chegou a pagar ata 50.000 euros para financiar os gastos de seguridade das visitas.
Xa en 2017, o PP valérase da súa maioría absoluta para impedir que o Parlamento galego, a instancias de En Marea e co apoio de BNG e PSdeG, reclamase ao Congreso "a recuperación para o público" das Torres. Logo, no verán desde mesmo ano, a Fundación Francisco Franco, encargada da xestión do Pazo, anunciaba que utilizaría o inmoble para facer apoloxía da ditadura e "gabar" a figura de Franco, como así fixo.
En 2017, o PP rexeitou no Parlamento reclamar "a recuperación para o público do Pazo" e Feijóo rexeitou expropialo porque sería aplicar "mecanismos franquistas"
Aínda así, Feijóo rexeitou en setembro expropiar o predio á familia do ditador porque sería, dixo, aplicar "mecanismos franquistas". Pero algo xa mudara. A apoloxía do fascismo no Pazo e o clamor social ante os privilexios e o espolio que amosaban as diferentes investigacións históricas eran xa moi sonoros. A viraxe do presidente da Xunta non cesou.
O PP votou si en 2018 ao acordo unánime do Parlamento que instaba o Estado a recuperar Meirás e Feijóo pasou a presumir de que fora o seu Executivo quen liderara o proceso para a recuperación do inmoble, como dixo esta mesma semana. Agora, 13 anos despois de que negase que o Pazo fose un pazo e a necesidade de obrigar aos Franco a abrir o inmoble, reclama a xestión para a Xunta pero diluíndo a memoria histórica no seu proxecto de usos.