Unha semana duroulle á Xunta a súa insistencia en priorizar a figura de Pardo Bazán sobre a memoria histórica no futuro do Pazo de Meirás. Poucos días despois de presentar, o pasado venres, as súas "bases" do plan de usos e diluír as referencias ao pasado franquista e a homenaxe ás vítimas, o Goberno galego asumiu este mércores as teses do resto de administracións implicadas no debate tras quedar só nunha idea fortemente contestada.
A Xunta asume as teses do resto de administracións respecto dos futuros usos do Pazo e recúa na súa idea de priorizar Pardo Bazán sobre a memoria histórica
Goberno central, Xunta, Deputación da Coruña e os concellos de Sada e da Coruña chegaron este martes a un acordo básico na primeira comisión técnica para abordar o futuro do Pazo e asina un convenio interadministrativo para a xestión provisional. As Torres contarán "toda a historia", desde a época de Emilia Pardo Bazán ata hoxe, pero sen desmerecer ningunha e destacando tamén o xeito no que foron adquiridas, con achegas forzosas en plena represión, e o feito de que fose residencia oficial dun ditador durante case catro décadas.
A Xunta atribuíu a un malentendido ou confusión as informacións que advertiron da súa idea de diluír a memoria histórica nas Torres
"Debe ofrecer outro relato, que non sexa o enaltecemento do ditador que se observa agora nada máis entrar", asegurou Fernando Martínez, secretario de Estado de Memoria Democrática, que insistiu na idea, compartida polo resto de administracións, de que o Pazo sexa un referente na memoria histórica e democrática, ademais de ter en conta tamén o legado da escritora.
Segundo puido saber Praza.gal, nin un reproche ao proxecto futuro por parte da Xunta, que atribuíu a un malentendido ou confusión as informacións que advertiron da prioridade que quixo dar a Emilia Pardo Bazán nunhas bases de plan de usos presentado en solitario e antes desta primeira reunión de traballo.
Así, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presente na reunión, celebrou á saída a "coincidencia xeral" sobre os usos "máis aló de cuestións específicas e porcentuais". Hai só uns días, apostaba por "profundizar" na figura de Pardo Bazán porque "é máis interesante falar do Pazo de Pardo Bazán que do Pazo de Franco".
Tras as críticas á súa proposta por parte da Deputación, o Concello de Sada ou investigadores claves na recuperación do Pazo, como Carlos Babío, a Xunta recúa e acepta que a memoria histórica teña, como mínimo, o mesmo peso que Pardo Bazán no futuro das Torres. O pasado venres, o Goberno galego apostaba por catro eixos e reservaba un "espazo para a memoria e reflexión sobre a ditadura" aos xardíns.
O Estado advirte dos graves desperfectos e da deterioración do interior do Pazo, o que atrasará a súa apertura
Precisamente, Babío será un dos expertos que, xunto con Manuel Pérez Lorenzo, Xosé Manuel Núñez Seixas e Emilio Grandío, participen nestes traballos para establecer un novo relato no Pazo, que se prevé que poida abrir, polo menos os seus exteriores, o vindeiro 25 de xaneiro.
O interior tardará un pouco máis. O secretario de Estado de Memoria Democrática advertiu dos "graves" desperfectos e da deterioración do Pazo, o que atrasará a súa apertura ao público.
Cando chegue, a idea é poñer en valor as catro etapas polas que pasou o Pazo de Meirás, desde o encargo da construción de Emilia Pardo Bazán ata o veraneo da familia do ditador, pasando pola súa etapa como residencia oficial do xefe de Estado e outra, menos coñecida: a que transcorreu desde a morte da escritora e ata a adquisición forzosa por parte do xeneral fascista, unha época sobre a que se busca deitar máis luz.