"Sorprenden os conversos, que insultaron por defender a devolución de Meirás e agora atribúense os méritos"

Carlos Babío, nunha imaxe de arquivo © Erik Dobaño

Pode que ninguén mellor para explicar o que supón a devolución ao patrimonio público das Torres de Meirás. Carlos Babío foi, xunto con Manuel Pérez Lorenzo, o autor de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, a maior investigación sobre a fraudulenta adquisición que do inmoble fixo a familia Franco, fundamental no proceso xudicial contra os herdeiros do ditador. E é, tamén, neto dunha veciña de Sada expulsada da súa casa para satisfacer as pretensións expansionistas do ditador darredor do predio que obtivo en plena guerra civil, hai máis de 82 anos. Logo de anos de loita, pescudas e reivindicación, Babío séntese satisfeito tras a "xornada de xustiza histórica" do pasado 10 de decembro, pero non esquece a "tardanza", as eivas dun longo percorrido e as tarefas pendentes.  

"Houbo que convencer moita xente de moitas cousas, tamén de que a expropiación non era a vía xusta para o Pazo de Meirás"

Como se sente un despois da devolución do Pazo ao patrimonio público?

Sinto moita satisfacción. Sinto que, dalgunha maneira, vólvese a unha normalidade que fora truncada pola historia, unha normalidade democrática, e sinto que se viviu un día histórico o pasado 10 de decembro. Foron moitos anos de traballo vinculados a esta reivindicación e, aínda que a devolución non sexa definitiva, o acontecido foi unha xornada de xustiza histórica. 

Nos últimos anos, a devolución do Pazo semellaba perto pero non daba chegado...

En todo este proceso houbo que convencer moita xente de moitas cousas, entre outras de que a vía expropiatoria non era a xusta para o Pazo de Meirás. Aínda hai dous anos atrás, na esquerda defendíase que a única maneira de devolver as Torres ao patrimonio público era a través da expropiación, poñendo ao Pazo un prezo, o que significaría que os Franco se beneficiasen del por dúas veces. Así non só non se faría xustiza, senón que se afondaría na impunidade. 

Manuel P. Lorenzo e Carlos Babío, declarando no xuízo do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Faltaba información?

Sempre o atribuín ao descoñecemento, porque o franquismo encargouse de tapar toda a verdade histórica do que acontecera co Pazo de Meirás, non só o espolio entre 1938 e principios dos anos 40, senón todo o que se dá con posterioridade. Eu era consciente, polo volume documental que había e consultara, dos abusos que se cometeran; e consciente tamén de que tiña que ser posible, pola vía xudicial, unha devolución do Pazo de Meirás se realmente existía a xustiza. 

En que momento se decata de que esa devolución é factible?

Cando nos damos de conta de que non só hai un volume documental moi amplo que dá conta das irregularidades e do espolio cometido, senón que toda esa documentación serve para demostrar ese espolio e esas irregularidades.

"Queda moito por saber do que os Franco fixeron en Meirás; manexaron o Pazo ao seu libre albedrío durante máis de 80 anos"

Quedan cousas por saber doutros espolios, artimañas ou irregularidades cometidas polos Franco en Meirás?

Si, claro que queda. Fomos capaces de rescatar moito do que ten que ver co espoliado, pero hai documentación sobre os 37 anos nos que Franco veraneou alí, no Arquivo do Palacio Real en Madrid, que é moi abundante, tremenda. Non puidemos acceder a toda, pero si ao suficiente número de documentos como para demostrar unha dinámica e o feito clave de que as Torres eran unha residencia oficial do xefe de Estado que se pagaba con fondos públicos; foi unha escolma documental que demostraba todo aquilo, pero existe moito máis. Ademais, queda por facer un inventario axeitado daqueles elementos patrimoniais que pasaron polo Pazo de Meirás e que os Franco manexaron durante máis de 80 anos ao seu libre albedrío... E algúns deses bens van ser moi difíciles de inventariar. 

O inventario xa realizado non é suficiente?

O inventario fai unha simple descrición de elementos, pero quedan cousas por facer e é importante facelas. 

Entende que haberá bens de importante valor que os Franco levaron e que nunca máis aparecerán...

Por suposto. Non hai máis que reparar no incendio de 1978, sobre o que hai máis sombras que luces. A Administración, daquela, non investigou o que realmente pasara no Pazo. Naquel ano, como nos contaban moitas persoas coñecedoras do inmoble, as Torres estaban cheas de bens patrimoniais de alto valor, pero só os Franco coñecían o que alí había con detalle. Na memoria colectiva quedou a idea de que o motivo real que había detrás daquel incendio era espoliar novamente o Pazo de Meirás a través do que contiña.

"Na Transición radica o problema de Meirás; que tardásemos tanto en recuperar o Pazo demostra que distou moito de ser modélica" 

Que os Franco estivesen máis tempo en posesión do Pazo en democracia que en ditadura, a que reflexión leva?

O que demostra esa tardanza é que a Transición, que é onde radica este problema, dista moito daquel apelido de "modélica" que sempre se lle puxo. A Transición española tivo moito que ver coa impunidade e a amnesia, que non son síntomas democráticos senón impropios dunha democracia consolidada. Aí está a razón de que tardásemos tanto, aquel "atado e ben atado" que era a característica dunha Transición ordenada por Franco no seu testamento político e que só a teimosía da sociedade, a loita e a reclamación puideron rachar no que ten que ver con Meirás. Por iso me sorprendeu moito nestes días que o Estado se atribuíse en exclusividade a devolución e mesmo a reconstrución documental do espolio, cando iso non o fixo o Estado. E a través dun discurso, en voz da avogada do Estado, cunha carga política moi importante. 

Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío, ante o Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNG

Acabou o Estado por recoller os froitos dun traballo externo?

O Estado utiliza a reconstrución documental feita por membros da sociedade, e unha das características desta anormalidade democrática é que o Estado non reconstruíu nin investigou nada do que ten que ver co espolio franquista, senón que utilizou o que fixeron persoas a título individual cos seus propios recursos e cos seus propios medios. 

"É unha anormalidade democrática que o Estado non investigase nunca o espolio franquista en Meirás; utilizou o que fixeron outras persoas a título individual"

No acto do 10 de decembro en Meirás, botou en falta un recoñecemento a esa sociedade civil que loitou e traballou pola recuperación do Pazo?

Nese día, todos quixemos poñer a mirada e o enfoque na importancia da xornada, na devolución do Pazo, porque o resto era secundario. Agora ben, o Estado non elixiu a posta en escena axeitada, nin os discursos nin as razóns que se atribuíu. Novamente, o Estado optou por afondar na impunidade ao non facer recoñecemento a toda a investigación histórica e ao traballo feito pola cidadanía do común, como no meu caso e noutros, para rescatar a verdade histórica sobre Meirás. Iso é un síntoma de anormalidade democrática porque lle correspondía á Administración facelo. Por iso, posiblemente, o que pretendeu o Estado foi ocultar esa eiva democrática. 

"No acto de devolución do Pazo sobraron determinadas postas en escena e relatos a quen non lle corresponden os éxitos; faltou recoñecemento á sociedade"

Non foi o acto que agardaba?

Sobraron determinadas postas en escena e relatos a quen non lle corresponden os éxitos, e faltou máis recoñecemento á sociedade no seu conxunto, non a min nin a ninguén en particular, senón a todos os que traballaron nisto. Ninguén pon en cuestión o traballo magnífico da Avogacía do Estado, pero a Avogacía do Estado non chegaría xamais a presentar a demanda contra os Franco sen outros actores que forneceron esa demanda de documentos e de relato. E só hai que ler a sentenza da xuíza Canales para entendelo. A Transición puxo un velo e tapou todo o relato real para converter a versión franquista no relato verdadeiro. Ata hai dous días, como quen di, a versión oficial sobre o Pazo de Meirás era que fora unha doazón, un agasallo do pobo da Coruña ao ditador. 

A Xunta tamén se atribúe o liderado do proceso e este mesmo luns Feijóo asegurou que o seu Goberno "liderou a recuperación do Pazo"...

Os que máis me sorprenderon estes días foron os conversos, sobre todo os conversos de hai pouco. Hai persoas que hai moi poucos anos mesmo me insultaron a min e a outros que sempre defendemos a devolución do Pazo ao patrimonio público como estratexia. Esas mesmas persoas atribúense agora, practicamente en solitario, os méritos do que aconteceu o pasado día 10, méritos que non lles corresponden. En realidade, alégrome moito disto, de que a sociedade avanzase e conseguísemos convencer aqueles que estaban nunha posición de bloqueo para sumarse a este proceso, ás causas nobres e xustas. Poderíamos mesmo establecer un ránking destes persoeiros, destes conversos que agora fan estes discursos e están todos os días nos platós e nas radios atribuíndose os méritos. 

"Os que máis me sorprenden son os conversos; persoas que hai pouco insultaban a quen defendía a devolución do Pazo atribúense agora os méritos"

Pode facer ese ránking se quere...

Non porque non beneficiaría en nada á causa que perseguimos. Ademais, repito que aínda que estas cousas me sorprendan, no fondo alégrome porque conseguimos convencer toda unha sociedade, incluída a dereita, que historicamente viña defendendo un relato que non mudaba nada. Prefiro quedarme con iso. Criticar en profundidade persoas que mudaron a súa postura non achega nada, deixemos a sociedade que xulgue. 

O que si é evidente foi a viraxe da Xunta e do PPdeG respecto de Meirás nos últimos tempos, cre que o clamor social pola devolución e a apoloxía da ditadura recoñecida no Pazo foron os detonantes?

Nos últimos anos, conseguimos documentar de maneira minuciosa o espolio e as irregularidades cometidas e iso deixou moi pouca marxe de manobra a quen está na postura de non tocar nada. A sociedade abre os ollos ante estas evidencias e logo está esoutro detonante, cando a Fundación Francisco Franco anuncia que vai utilizar as visitas ao Pazo para enaltecer o franquismo e a ditadura. É aí onde hai ese salto da rúa ás institucións e cando a Deputación da Coruña crea a Xunta pro Devolución do Pazo. A partir dese momento vén todo o demais. 

Fachada principal do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta quere priorizar a figura de Pardo Bazán sobre a memoria histórica nos futuros usos do Pazo fronte á opinión do resto de administracións. Que lle parece esta liorta política?

É unha pelexa política interesada do PP para crear un relato falso. O propio franquismo manipulou a figura de Pardo Bazán no seu propio interese. A escritora múdase ás Torres en 1907 e morre en 1921, e o franquismo aseguraba que as súas grandes obras foran escritas na torre da Quimera de Meirás, inspirándose no balcón das musas, pero resulta que todas esas grandes obras ás que se facía referencia son do século XIX. Hai unha utilización perversa do franquismo para magnificar a vinculación das Torres a un centro literario que agora o PP parece querer facer tamén, asumindo o relato franquista, o cal é unha contradición coa memoria democrática. 

"O franquismo fixo unha utilización perversa de Pardo Bazán que agora o PP quere facer tamén; é unha pelexa política interesada para crear un relato falso"

A Xunta anunciou ese plan, precisamente, desde a casa-museo que Emilia Pardo Bazán ten na Coruña...

A familia de Pardo Bazán decidiu na década dos 50 que todo o que tivese que ver co arquivo, a memoria, documentación e investigación sobre ela estivese nesa casa da rúa Tabernas, e por iso se creou alí a casa-museo. Significa isto que a escritora non deba ter presenza no Pazo de Meirás? Non, todo o contrario, porque foi a deseñadora e creadora das Torres e iso ten que estar presente, pero na súa xusta medida. O que non se debe facer é utilizar a súa figura para facer unha manipulación histórica ou para poñer un velo, novamente, sobre o que aconteceu en Meirás e volver ao relato da impunidade. Faino, ademais, quen no seu día criticou o proceso de declaración BIC de Meirás negando que fose un pazo e dicindo que era unha torre. Agora quere que sexa un faro, facendo unha proposta totalmente partidaria na que non participa a sociedade civil que investigou a figura de Pardo Bazán ou o que supuxo o Pazo de Meirás no franquismo.

"Nunca fun consultado pola Xunta, nin durante o proceso de recuperación do Pazo nin agora para debater os seus usos futuros"

Foi consultado algunha vez pola Xunta durante todo este longo proceso de recuperación do Pazo?

En absoluto, nin neste proceso para os futuros usos nin antes. A min nunca me chamou un responsable político do Goberno galego para falar deste proceso. O Estado si que o fixo, tanto no proceso inicial como neste debate. Por iso me sorprendeu tanto o discurso da avogada do Estado despois do grao de colaboración que tivéramos coa Avogacía Xeral do Estado. Sorprendéronme certos discursos e actitudes porque sempre estivemos abertos a colaborar. 

Espera que a sociedade civil que traballou e loitou pola recuperación do Pazo teña importancia nese debate sobre os usos futuros do Pazo?

Estamos a disposición do que queira o Estado, a Xunta de Galicia ou calquera institución. Toda a xente que nos pediu colaboración a min e a Manuel Pérez Lorenzo para divulgar, achegar documentación ou debater sempre puido contar con nós. Seguiremos colaborando e opinando onde se nos chame. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.