"A do Pazo de Meirás é a historia da corrupción política dun réxime, pero vai moitísimo máis aló dese inmoble e dos seus terreos; foi un macroespolio, a gran vergonza do Estado aínda sen resolver". Teno claro Carlos Babío, impulsor xunto ao historiador sadense Manuel Pérez Lourenzo da primeira grande investigación sobre aquela e outras "usurpacións á cidadanía" que o franquismo, en colaboración coas elites coruñesas, levou a cabo durante a ditadura nas Mariñas para beneficio da familia do ditador e doutras ben recoñecidas na comarca.
Babío e Pérez Lourenzo investigan o "espolio" que os Franco acometeron en Meirás e noutras zonas coa axuda das elites coruñesas
Logo de anos de traballo, os dous investigadores adiantan algunhas das conclusións dun traballo que aspira a ser publicado no vindeiro verán e que deita luz sobre un "espolio" que callou na ditadura pero que "continuou tamén despois dela". Unhas pescudas que Babío iniciou por unha historia persoal. "Á miña avoa roubáranlle unha casa, pero ese era un tema tabú e que implicaba moita dor", lembra quen se puxo a investigar "que pasara" con aquelas propiedades, algo que "sabía" que "estaba ligado ao que ocorrera co Pazo de Meirás":
Neto e fillo dunha das familias labregas da zona que foron obrigadas a ceder as súas propiedades para ampliar o agasallo a Franco en plena guerra civil, desde que morreu o ditador foi descubrindo como unha das casas que quedan dentro do muro do Pazo lle fora substraída á súa avoa. Como tantos outros terreos doutros tantos veciños.
"Os Franco aumetaron en 80.000 metros cadrados as súas propiedades fóra dos muros do Pazo de Meirás mediante fondos públicos"
"Ademais de todas as ampliacións que fixeron dentro dos muros, os Franco chegaron a ampliar ata en 80.000 metros cadrados as súas propiedades fóra destes valos mediante fondos públicos, para logo enriquecerse a familia tras a morte do ditador", explica Babío respecto dunha práctica coa que os herdeiros do ditador apañaron unha enorme fortuna. "Temos nove hectáreas de terreo onde non entrou a democracia, onde manteñen os privilexios dos usurpadores, dos que abusaron da poboación", engade. Ao tempo, en plena posguerra, as administracións públicas do réxime gastaban cartos a esgalla en obras nas xa propiedades do xeneral fascista coa inestimable axuda das diferentes corporacións municipais coruñesas.
O ditador escolle Bastiagueiro para outra residencia e ordena construír unha casa, que sería vendida pola súa familia tras a súa morte
Pero Franco non quería só o Pazo, antiga mansión de Emilia Pardo-Bazán. O ditador viña por moito máis. "En 1939 chega a Meirás con varias intencións", di Babío. Ademais de vixiar e controlar todo o que se facía na que sería a súa residencia de verán, "fai un percorrido por diferentes praias da costa para escoller unha, ata que se decide pola de Bastiagueiro". "Alí ordena que se lle compre unha propiedade para construír unha casa", engade o que fora concelleiro en Sada. Adquírenlle un terreo e constrúe unha residencia, todo pagado "con fondos públicos". Á morte do ditador, a súa familia vende as propiedades e saca un enorme beneficio. Negocio redondo. E así con moitos máis.
No poder dos Franco continúan algunhas propiedades, algúns terreos que non puideron vender "ao non ser urbanisticamente apetecibles e estar protexidos". Do resto na zona desfixéronse nos anos 80, "moitas veces con recualificacións por medio das que sacaron tamén importantes beneficios". E exemplos hai a moreas, como o dun acuartalmento de tropas para a vixilancia dos Franco, construído con fondos públicos nunha parcela roubada e posta a nome do ditador. "Logo especulouse a través dun pelotazo urbanístico... Non se lle pode sacar máis rendemento a un roubo", advirte Babío.
En todas as operacións de espolio, Franco valíase da axuda das elites: "Era unha trama de favores mutuos a conta do erario público"
En todas estas operacións durante a ditadura, a familia do ditador valíase da axuda das elites franquistas da Coruña e arredores. "Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites", engade o investigador, que aclara que "o Pazo de Meirás serviu como oportunidade de negocio para a burguesía". Tamén para que Franco cumprise cos seus caprichos, como a Casa Cornide, na zona vella da cidade. Foi adquirida por Pedro Barrié de la Maza nunha poxa en 1962 á que só asistiran el e o xefe do Movemento e pagando menos de 45.000 pesetas. Logo, acabou en mans do ditador grazas á intervención do conde de Fenosa, un dos persoeiros da época que formaron parte da denominada Junta Pro Pazo –grupo encargado de expropialo e recadar fondos para as súas obras–, xunto a José María Marchessi, Joanquín Barcia, José Casteleiro Varela ou o alcalde Alfonso Molina.
"Alfonso Molina converteu o Concello da Coruña nunha empresa ao servizo do ditador"
"Barrié e Molina foron dúas personaxes fundamentais en todas estas operacións de espolio", insiste Babío, que advirte que se o alcalde non o foi máis foi "pola súa morte en 1958". "Converteu o Concello da Coruña nunha empresa ao servizo do ditador que logo continuaron os seus sucesores no cargo coa mesma forma de actuar que instauraran Franco, o seu réxime e os seus aduladores", engade.
A Solana e o Finisterre
"Todo segue bastante vixente e estas historias dannos moitas respostas sobre o que acontece hoxe en día", aclara o investigador, que lembra a relación entre os terreos da Solana e o Hotel Finisterre na Coruña, que a Autoridade Portuaria teima en poñer á venda para financiar o porto exterior ante a mobilización cidadán pola súa reversión a terreos públicos.
O réxime 'outorgou' a Solana a un coñecido militante fascista da cidade e facilitou que Barrié de la Maza adquirise o Hotel Finisterre
"Os protagonistas que acaban beneficiándose daqueles terreos teñen moito que ver con todas estas tramas e favores dos que falamos e están intimamente relacionados co réxime e co espolio", conta. É Armando Casteleiro Varela o impulsor da construción do complexo da Solana na que era a antiga praia do Parrote. Recibe a autorización das administracións en 1941 e abre as súas portas pouco máis dun ano despois. O empresario e nadador é irmán de José Casteleiro Varela, membro do colectivo que pulou pola expropiación de terreos e a adquisición do Pazo en Meirás e, ambos os dous, recoñecidos militantes fascistas na represión.
"Toda esta historia tapouse; o silencio non foi algo casual, senón determinado polos protagonistas do espolio"
Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiao Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, banco que comandaba Pedro Barrié de la Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionaista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e a Solana.
Son, e foron, familias que seguen a acumular moreas de propiedades coas que as beneficiou o réxime e Franco, cuxa familia mantén a propiedade do Pazo de Meirás, que nin tan sequera cumpre coa obriga da apertura pública un mínimo de catro veces ao mes. "Todas estas historias tapáronse porque non interesaban que fosen descubertas; o silencio non foi algo casual senón determinado polos protagonistas do espolio", remata Babío, que xunto a Pérez Lourenzo procuran xa apoios para editar unha obra que pretende deitar moita luz.