A inacción e desleixo do Estado, en plena democracia e durante máis de 40 anos, en todo o que tivo que ver co Pazo de Meirás provoca que agora os Franco poidan ser indemnizados pola Administración e mesmo vexan reforzadas algunhas das súas teses. Son expulsados, pero cobrando. Malia que no esencial a Xustiza vén de ratificar que as Torres son patrimonio público, a resposta da Audiencia Provincial da Coruña ao recurso dos herdeiros do ditador supón tamén unha emenda ás políticas de memoria e restitución en España tras a Transición.
"A reivindicación da propiedade [do Pazo de Meirás] é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira", lembran os xuíces
"A reivindicación da propiedade [do Pazo de Meirás] é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira", advirten os xuíces da Audiencia Provincial para xustificar que os Franco non tivesen por que considerar de "mala fe" a súa adquisición --como destacaba a sentenza de primeira instancia-- ou nin tan sequera crer que houbese algo irregular nela. Por que ían facelo se gozaron da propiedade do inmoble sen impedimento nin atranco ningún durante case 45 anos tras a morte do ditador? Esa é a pregunta que se fai a Audiencia Provincial.
"A Administración nunca os requiriu para que entregasen a propiedade dun inmoble que agora se considera de dominio público”, insisten os xuíces, que lembran tamén que os herdeiros de Franco “levan máis de catro décadas utilizando o Pazo de forma pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos”.
A advertencia da Audiencia sobre o desleixo e inacción do Estado coincide coa argumentación dos Franco para reivindicar a propiedade do Pazo
A advertencia da Audiencia coincide, de feito, coa que os Franco deron no seu escrito de contestación á demanda presentada polo Estado para a recuperación de Meirás e logo no seu recurso para reivindicar a propiedade. Daquela lembraron que a iniciativa para a recuperación do inmoble puido terse realizado moito antes, xa mesmo en democracia, e que chegou cun atraso de varias décadas nas que “as administracións públicas efectuaron explícitos recoñecementos de que a propiedade correspondía a Franco e aos seus sucesores”.
Os seus argumentos, daquela e no xuízo, insistiron nese “atraso desleal” no “exercicio dun pretendido dereito" e destacaron que se mantivo “un comportamento que razoablemente levaba a pensar que o cuestionamento da súa propiedade que agora se fai non era algo que xamais se fose formular”. Unha argumentación que deixa en evidencia ao Estado e que foi compartida desta vez pola Audiencia Provincial.
Os maxistrados van máis alá na estimación de parte do recurso dos Franco, ao recoñecer o seu dereito a seren resarcidos nos gastos necesarios en que incorreron para a conservación do Pazo, por teren realizado “múltiples obras de rehabilitación e mantemento” e “múltiples reparacións” tras o incendio de 1978. Os xuíces entenden que é “obvio” que se o edificio estivese abandonado durante 45 anos “o seu estado actual sería ruinoso”.
Outra vez máis, unha alusión ao tempo que pasou en democracia sen que o Estado se interesase polas Torres, permitindo aos herdeiros do ditador non só gozar delas senón presumir. Se agora hai que indemnizar, é tamén porque nunca antes se lles reclamou a propiedade, argumentano os xuíces.
Segundo o avogado dos Franco, tal e como asegurou en varias entrevistas, o gasto mínimo da familia do ditador no Pazo foi de 800.000 euros. Segundo Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, na súa obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, o ditador gastara perto de 4 millóns de euros en obras sufragadas con fondos públicos.
Os maxistrados lembran que as administracións trataron como "donos" do Pazo aso Franco durante décadas
Mentres en primeira instancia a xuíza Marta Canales desbotaba explicar aos Franco por que non debían ser indemnizados e aludía á "mala fe" na adquisión do Pazo, a Audiencia Provincial lembra que aínda que a devandita "mala fe" fose certificada no caso do ditador, esta "non necesariamente se transmite aos seus herdeiros". E volve destacar que o silencio da Administración do Estado respecto da propiedade das Torres durante tantos anos avala a súa posición. Non só a inacción, senón o feito de que "como tales donos" do inmoble foran tratados por parte dos poderes públicos.
O propio avogado do Estado, durante o xuízo celebrado na Coruña, recoñece que os herdeiros exerceron unha "posesión tolerada" do Pazo, aínda que "viciada" por ser adquirido polo ditador a través dunha "fraude".
Alén disto, o ditame da Audiencia Provincial tamén bota abaixo outras das argumentacións da Administración estatal na súa demanda, así como as levadas a cabo pola xuíza Canales na sentenza do pasado mes de setembro. A xuíza concluía daquela que a abondosa documentación achegada polo Estado e as sucesivas investigacións históricas demostran que a Junta pro Pazo del Caudillo lle regalou o inmoble a Franco na súa calidade de autoproclamado xefe do Estado e non a título persoal.
A Audiencia Provincial, en contra da Administración e da sentenza en primeira instancia, considera que a Junta Pro Pazo doou as Torres á persoa e non ao Xefe do Estado
A Audiencia Provincial considera que a proba practicada “acredita que a intención final do Junta Pro Pazo del Caudillo foi doarlle as Torres de Meirás á persoa de Francisco Franco, non ao Xefe do Estado, nin ao Estado”. Entende que foi “un agasallo persoal ao xeneral que estaba a gañar a guerra e cuxos favores pretendían granxear os promotores”.
Con todo, os xuíces advirten que esa intención “nunca chegou a ser efectiva” xuridicamente pola forma en que se doou, xa que nunca se outorgou unha escritura pública. “A intención era doar á persoa, pero nunca se chegou a doar a ninguén”, conclúen, aludindo a un defecto de forma, e non ao fondo, para desbotar a propiedade privada das Torres.
A Audiencia mesmo mostra dúbidas sobre quen exerceu desde 1940 ata 1974 como dono do Pazo, se o Estado ou Francisco Franco a título persoal, poñendo en cuestión a argumentación da Administración xeral e da xuíza Marta Canales, que na súa sentenza asegura que o inmoble foi xestionado e administrado como residencia oficial do Xefe de Estado, polo que afirma que “o Pazo de Meirás xestionábase de forma idéntica ao Palacio de El Pardo”.
No que non ten dúbidas a Audiencia Provincial é na cerna da cuestión: coa escritura pública de compravenda de 1941 “non se vende nada" porque é "unha mera aparencia dun negocio inexistente”. Subliña que esa escritura é “unha fantasía total” que se outorga ante notario “para crear unha ficción, plasmar un negocio xurídico non existente, pero logrando un título aparente que si se pode presentar ante o Rexistro da Propiedade”.
Sada pide un recurso conxunto contra a indemnización
Por outra banda, o Concello de Sada pide que Estado, Xunta, Deputación e Concello da Coruña presenten recurso contra a liquidación de estado posesorio aos Franco "como posuidores de boa fe" do Pazo, algo que fará o consistorio sadense.
O goberno municipal destaca que o ditame do pasado venres é “unha setenza histórica acadada desde Galicia, polo que supón o paso ao patrimonio público dun inmoble conseguido coa represión do Estado fascista, a ditadura e o totalitarismo de Franco” pero "discrepa de fundamentos contidos na sentenza".