A xuíza do caso Meirás desbota explicar aos Franco por que non deben ser indemnizados polo "mantemento" do pazo

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Os herdeiros do ditador van litigar ata onde poidan para evitar ter que devolver ao Estado o Pazo de Meirás, tal e como ordenou a pasada semana a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no marco da demanda interposta polo Estado. Pouco despois de ser notificada, o avogado dos Franco xa anunciou a súa intención de interpoñer todos os recursos posibles. Pero antes, solicitou á xuíza unha aclaración que vén de ser desbotada.

A xuíza non cre preciso aclarar o sinalado na sentenza, na que conclúe que o Pazo de Meirás foi incorporado "de mala fe" ao patrimonio da familia Franco cunha compravenda "simulada" para poñer o recinto ao nome do xeneral golpista

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os avogados dos Franco "solicitaban que a xuíza detallase a súa decisión de negar aos herdeiros do ditador o dereito á liquidación do estado posesorio". É dicir, que aclarase por que non lles concede dereito a seren indemnizados "polos gastos de mantemento do pazo nos que incorresen".

Para a xuíza, a sentenza é "clara e motivada ao respecto" e non cómpre aclaración ningunha a maiores. Entende a xuíza Marta Canales que os Franco non teñen ese dereito porque o Pazo de Meirás foi incorporado "de mala fe" ao patrimonio da familia. Esa "mala fe", abonda, materializouse o 24 de maio 1941, cando Francisco Franco, tras aceptar en 1938 a suposta "doazón" do pazo "na súa calidade de xefe do Estado", rubricou unha escritura pública no Rexistro da Propiedade "sen mediar prezo ningún" coa "soa finalidade de inscribir o ben ao seu nome".

Imaxe propagandística de Franco, a súa dona e a súa filla datada en 1938, tras quedaren con Meirás, sobre unha imaxe do Pazo CC-BY-SA Foto Meirás: Turismo de Galicia | Imaxe dos Franco: Dominio Público

A este feito engádese outro, detalla a xuíza: que o Estado "asumiu todos os gastos" da que foi residencia estival do xeneral golpista nas súas catro décadas no poder. Meirás foi "xestionada e administrada como residencia oficial do xefe do Estado, xestionábase de forma idéntica ao Palacio de El Pardo", en Madrid. Por todo isto, concluíu, os herdeiros non teñen dereito a compensación económica ningunha e non cómpre aclaración adicional ningunha.

O avogado dos herdeiros do ditador xa confirmou a súa intención de recorrer a sentenza en todas as instancias posibles

Este é o primeiro revés para os Franco tras a sentenza, na que a xuíza conclúe que a abondosa documentación achegada polo Estado e as sucesivas investigacións históricas demostran que a Junta pro Pazo del Caudillo lle regalou o inmoble na súa calidade de autoproclamado xefe do Estado e non a título persoal. Tras esa doazón, detalla o ditame xudicial, organizouse unha "simulación de compravenda". "O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o Pazo e Franco nada paga", resume a sentenza.

Como informou Praza.gal, a sentenza recoñece tamén o relevante papel dos "movementos civís e políticos" para que os Franco non desen legalizado a súa ocupación. "Nunca podería alegarse polos herdeiros unha posesión pacífica, porque os movementos civís e reivindicativos con relación ao Pazo de Meirás constan acreditados, ademais de ser notorios", di a xuíza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.