O Pazo de Meirás é do Estado. A xustiza vén de ratificar que as Torres e os predios incluídos no recinto son patrimonio público logo de que a Audiencia Provincial da Coruña respondese ao recurso de apelación da familia Franco para confirmar o que xa decretara o Xulgado de Primeira Instancia número 1 na sentenza histórica do mes de setembro.
A Audiencia Provincial ratifica que o Pazo de Meirás é do Estado pero recoñece o dereito dos Franco a seren indemnizados, contra o criterio da sentenza do xulgado
A resolución --contra a que cabe recurso de casación ou ante o Supremo-- ratifícase no esencial e condena os herdeiros do ditador a desaloxar as propiedades de Meirás, “deixándoas libres e ao dispor do Estado español, con liquidación dos gastos útiles e necesarios”, pero engade un matiz relevante: recoñécelles o dereito a seren resarcidos nos gastos en que incorreron desde 1975 para conservar o edificio, algo que a xuíza Marta Canales non aceptara na sentenza de hai só uns meses.
Así, o tribunal declara inexistente a doazón do inmoble realizada en 1938 a Franco e nula por "simulación absoluta" a escritura de compravenda de 1941. Ademais, considera "ineficaz" a partición da herdanza de Franco sobre os terreos e a doazón de varios predios que Carmen Polo doou á súa filla.
O tribunal declara inexistente a doazón do inmoble realizada en 1938 a Franco e nula por "simulación absoluta" a escritura de compravenda de 1941
Outra cousa é o dereito á indemnización. Ante a cuestión aclaratoria que os Franco presentaran tras a sentenza de setembro, a maxistrada fora contundente, asegurando que non cumpría aclaración nin explicación ningunha e que non había dereito a esa indemnización polos gastos ao ser o Pazo incorporado de "mala fe" ao patrimonio da familia.
Agora, os xuíces da Audiencia confirman a sentenza de primeira instancia no relativo á propiedade do Pazo, pero non noutras cuestións como a das indemnizacións, que revogan. Recoñecen aos Franco o seu dereito a seren resarcidos nos gastos necesarios en que incorreron para a conservación do inmoble, pois consideran acreditado que realizaron “múltiples obras de rehabilitación e mantemento” e que, tras o incendio de 1978, executaron “múltiples reparacións”. Os xuíces entenden que é “obvio” que se o edificio estivese abandonado durante 45 anos “o seu estado actual sería ruinoso”.
O argumento dos xuíces coincide en parte co sinalado polos Franco nunha cuestión clave: a inacción e o desleixo do Estado respecto da situación do Pazo de Meirás durante décadas, mesmo en período democrático e tras a fin da ditadura, onde nada se lles reclamou nin pediu. Agora, a cantidade que deberá aboarlles a Administración por eses gastos será definida na fase de execución da sentenza.
A Audiencia non considera probada a "mala fe" dos herdeiros de Franco e advirte de que o Estado tratounos "como donos" do Pazo durante décadas
Así, mentres a sentenza en primeira instancia entendía que non cabía indemnización polos gastos da familia do ditador ao ser incorporado o Pazo ao patrimonio dos Franco de "mala fe", a Audiencia Provincial considera que non hai probas de que os demandados fosen conscientes de que o título de propiedade do seu avó fose inválido.
“Para estes herdeiros, o inicio da súa propiedade é unha inscrición no Rexistro da Propiedade de Betanzos en 1941 dunha escritura de compravenda outorgada ante notario, na cal o seu avó lle compra á nora de dona Emilia Pardo Bazán o pazo. Predio que en 1976 foi adxudicado á súa avoa, posteriormente pasa a ser propiedade da súa nai e, agora, deles. Todo cunha cadea de transmisións aparentemente impecable. Non se albisca a razón pola que debesen ser conscientes dunha suposta irregularidade na súa adquisición”, indica a Audiencia.
Os maxistrados advirten, unha vez máis, do aval que o desleixo do Estado sobre Meirás proporcionou aos Franco ao subliñar que a crenza de que a adquisición era correcta tamén está avalada polo feito de que, tras a morte de Franco en 1975, “levan máis de catro décadas utilizando o pazo de forma pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos”. Xa que logo, sen que a Administración lles dixese nin chío.
O tribunal entende que o uso do Pazo polos Franco "de forma pública, pacífica e ininterrompida" desde 1975 avala a súa teoría sobre a legalidade da adquisición
A Audiencia vai máis aló ao lembrar que "como tales donos" do Pazo foron tratados os Franco ata o de agora pola propia Administración. “Aínda que se dese por certa a mala fe posesoria en Francisco Franco, non necesariamente se transmite aos seus herdeiros. A reivindicación da propiedade é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira. A Administración nunca os requiriu para que entregasen a propiedade dun inmoble que agora se considera de dominio público”, subliñan.
A Audiencia indica que Francisco Franco tentou regularizar a situación do pazo no rexistro porque o pergamiño de doazón “non era documento hábil para obter a inmatriculación ao non ser unha escritura pública” e asegura que buscar unha fórmula para “legalizar” unha propiedade “de ningún xeito supón a mala fe na posesión”, xa que “non necesariamente se fai para ocultar unha posesión de mala fe, senón que se pode tramitar para regularizala de boa fe”.
"A reivindicación da propiedade é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira", lembra a Audiencia Provincial
A Audiencia estima a alegación dos Franco en canto a que a proba practicada “acredita que a intención final do Junta Pro Pazo del Caudillo foi doarlle as Torres de Meirás á persoa de Francisco Franco, non ao Xefe do Estado, nin ao Estado”. Entende que foi “un agasallo persoal ao xeneral que estaba a gañar a guerra e cuxos favores pretendían granxear os promotores”. Pero os xuíces advirten que esa intención “nunca chegou a ser efectiva” xuridicamente pola forma en que se doou, xa que nunca se outorgou unha escritura pública. “A intención era doar á persoa, pero nunca se chegou a doar a ninguén”, conclúen.
O tribunal dá a razón aos herdeiros en que a intención foi doar as Torres a Franco e non ao Xefe do Estado, pero aclara que a intención non foi "efectiva xuridicamente"
A Audiencia chega a amosar as súas dúbidas sobre quen exerceu desde 1940 ata 1974 como dono do Pazo, se o Estado ou Francisco Franco a título persoal, pero subliña que o relevante é que os terreos lindeiros ao edificio son "ocupados polo aparato do Estado desde o primeiro momento, despregando a súa capacidade de exercer a forza sobre os cidadáns”, así como que o Estado é o que realiza as obras de acondicionamento. Conclúe a sala que, ata 1975, “faise cargo da totalidade dos gastos inherentes á propiedade, obras de mellora e mantemento”. Desde 1975 ata a actualidade, segundo a resolución, son os herdeiros os que asumiron eses custos de mantemento, razón pola que a Audiencia lles recoñece o dereito a seren indemnizados.
Respecto da escritura pública de compravenda de 1941, o tribunal é claro ao afirmar que “non se vende nada" e que é "unha mera aparencia dun negocio inexistente”. Subliña que esa escritura é “unha fantasía total” que se outorga ante notario “para crear unha ficción, plasmar un negocio xurídico non existente, pero logrando un título aparente que si se pode presentar ante o Rexistro da Propiedade”.