O 13 de agosto Alexandre Bóveda foi xulgado e condenado a morte, acusado de traizón. Catro días máis tarde foi fusilado na Caeira (Poio). Aquel xuízo celebrouse no actual salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra. Ese mesmo lugar serviu este sábado para facer oficial a incorporación dos descendentes de Bóveda á querela arxentina contra os crimes do franquismo, aberta no ano 2010 pola xuíza arxentina María Servini, como xa se anunciara días atrás.
No mesmo salón onde o seu pai foi condenado a morte, Amalia Bóveda sentenciou: "eiquí o futuro nos foi roubado, eiquí o presente comeza a reclamalo"
A adhesión tivo lugar nun acto institucional aberto ao público, no que participaron Amalia Bóveda (filla do político galeguista) e Valentín García Bóveda (neto), no marco das xornadas de memoria histórica 'Na Loita contra a impunidade', organizadas pola Deputación. No acto tamén se incorporou á querela a familia de Amancio Caamaño, asasinado xunto a Bóveda e que chegou a ser Presidente da Deputación de Pontevedra. E, igualmente, tamén o fixeron os descendentes do impresor Ramiro Paz, fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936, e que foi presidente de la Federación Provincial Socialista de Pontevedra.
No mesmo salón onde o seu pai foi condenado a morte, Amalia Bóveda sentenciou: "eiquí o futuro nos foi roubado, eiquí o presente comeza a reclamalo". Unhas palabras que foron completadas por Valentín G. Bóveda, que subliñou que "a memoria é patrimonio cultural e está protexido polo artigo 44 da Constitución", un artigo "que se incumpre taxativamente ao deixar de financiar políticas de Memoria Histórica ou cando nos negan o dereito á recuperación".
Begoña Caamaño denunciou que "ningún goberno na democracia tivo a valentía de anular as sentenzas dos e das condenadas polo Franquismo"
Pola súa banda, Begoña Caamaño denunciou que "ningún goberno na democracia tivo a valentía de anular as sentenzas dos e das condenadas polo Franquismo" e criticou que se permitira "que ese franquismo quedase incrustado na sociedade e na administración española". Finalmente, a familia de Ramiro Paz expresou que "estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza".
A vía xudicial que emprenden agora as tres familias conta coa axuda da Deputación de Pontevedra, que se converte na primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delitos cometidos durante a ditadura. O obxectivo do ente provincial é "animar a outras familias de vítimas a apostar pola vía xudicial para o non esquecemento e o recoñecemento á xustiza, á verdade, e á reparación para a non repetición dos crimes cometidos".
A deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, sinalou: "Non queda máis remedio que seguir facendo presión dende as institucións e a sociedade. Aínda hoxe os xulgados españois poñen trabas e hai que agardar pronunciamentos da xustiza arxentina e internacional"
A Deputación de Pontevedra convértese na primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delitos cometidos durante a ditadura
As xornadas converteron o salón de plenos nun acto de desagravio para as vítimas do franquismo. Nelas participaron os avogados da Coordinadora estatal de apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo (CeaQua), Jacinto Lara e Paloma García. Tamén estivo o seu contacto en Galicia, Jana Calero (representante do grupo Avogados Novos), e o loitador antifranquista Chato Galante, un dos impulsores da querela.
Todos eles e elas explicaron como as familias das vítimas galegas poden proceder para adherirse á causa xudicial arxentina, ou ben para presentar unha querela individual. Neste senso, expuxéronse exemplos sobre algúns casos concretos, como o de Galante, ou tamén o de Miguel Ángel Gómez, ambos querelantes contra Billy El Niño.