"Sufriron humillacións como o rapado de pelo, inxesta de aceite de ricino, ademais de ser obrigadas a facer propaganda dunha marca de conservas subidas a unha lancha e vestidas co uniforme falanxista". "Estivo durante 59 días atado de pés e mans, e sometido a torturas, entre outras, introdución de cravos entre as unllas das mans e dos pés". "Atáronlle as mans a unha soga prendida da cola dun cabalo e foi arrastrado durante varios quilómetros ata chegar á entrada do Incio, onde aínda con vida e consciente, foi asasinado, amputándolle un dedo para roubarlle a alianza".
O informe da Fiscalía arxentina relata con detalle as denuncias de moreas de galegos pola represión sufrida durante o franquismo
Son tan só algúns dos duros relatos que varios cidadáns galegos incluíron como denuncia na querela arxentina contra os crimes do franquismo. Un extenso informe da Fiscalía arxentina -ao que tivo acceso Praza- analiza con detalle centos de casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados en Galicia que se foron engadindo á causa. Nel inclúense todos os casos denunciados por cidadáns galegos ata outubro dun total de máis de 150 querelantes que fan referencia a unhas 4.500 vítimas.
O documento é o mesmo no que a Fiscalía solicita á xuíza Servini de Cubría comprobar in situ as fosas comúns do franquismo de Galicia ou no que se baseou a maxistrada para aumentar as ordes de detención e solicitar a extradición hai dúas semanas de vinte dirixentes e altos funcionarios franquistas. Neste mesmo mércores, a Interpol vén de pedir á súa sección española que deteña preventivamente os imputados pola xustiza arxentina, entre os que figuran os ex ministros Martín Villa e Utrera Molina.
Os querelantes relatan torturas e represión durante a guerra civil, pero tamén durante os últimos anos da ditadura
As denuncias, nas que se inclúen crus relatos da represión sufrida, refírense a familiares, amigos ou mesmo colectivos que advirten das torturas ou asasinatos sufridos polos seus achegados nos primeiros anos da ditadura ou durante a guerra civil, pero tamén testemuños de afectados ainda vivos que relatan os danos sufridos nas últimas épocas do franquismo. Como o dun veciño da Coruña, que relata "as torturas dolorosas, humillantes e vexatorias na comisaría de policía da cidade" en diferentes etapas entre 1969 e 1971.
"Detivérono 72 horas e durante todo ese tempo foi sometido pola policía a un exhaustivo interrogatorio que consistía en torturas violentas. Subíano desde o calabozo a un lugar onde tres, catro e ata cinco policías o golpeaban", relata o fiscal, que fai referencia a un tal "Paradela", que segundo o denunciante era quen o ameazaba con "clavar los zapatitos en cada testículo". O mesmo querelante denuncia tamén a desaparición do corpo en xullo de 1937 dunha familiar, "sendo morta por disparos efectuados polos gardas". "O seu corpo apareceu na praia do Orzán da Coruña, aínda que actualmente descóñecese o seu paradoiro".
Entre as denuncias inclúense as de asasinatos de varios cargos públicos galegos, de Moncho Reboiras ou de Alexandre Bóveda
As denuncias son en detalle e revelan as atrocidades cometidas durante a época a través dunha represión que o propio fiscal define como un "plan sistemático, xeralizado, deliberado e planificado de aterrorizar españois paratidarios da forma representantiva de Goberno, a través da eliminación física dos seus máis representantivos expoñentes en territorio español". Na rúa da Torre da Coruña, segundo outra das denuncias, un cadáver apareceu "cos testículos na boca".
E hai moitas máis referidas a Galicia, como o relato dun querelante, que fala das "humillacións" sufridas por unha muller ou do asasinato do irmán desta en Mondoñedo "xunto a outros catro homes". Tamén aparecen as denuncias polos asasinatos e torturas sufridas polos irmáns De Dios, guerrilleiros galegos antifascistas, ou a que impón a sobriña-neta de Manuel Díaz González, primeiro alcalde da República no Incio e que foi "arrastrado durante varios quilómetros prendido a un cabalo" para ser torturado, asasinado e mutilado en público, coa súa propia irmá presente. Tamén hai referencias á execución de Justo Moure Giráldez, que chegan de Cataluña e que relatan o fusilamento do tenente de alcalde da Cañiza nos primeiros meses do golpe de estado fascista.
O galego Darío Rivas, fillo do alcalde asasinado de Castro de Rei, foi o impulsor da querela coa súa primeira denuncia
Denúncianse numerosas desaparicións, encarceramentos ilegais, "os feitos acontecidos en Ferrol o 10 de marzo de 1972" ou os asasinatos de "Moncho Reboiras e Alexandre Bóveda, vítimas do xenocidio franquista e pertencentes ao nacionalismo galego". E cítanse nomes ou alcumes de presuntos torturadores e asasinos falanxistas ou franquistas, como Atracalacano, en Mondoñedo.
Helena Villar Janeiro é outra das querelantes, ao denunciar a persecución sufrida por varios dos seus achegados, ao igual que Manuel Monge, ex concelleiro do BNG na Coruña que foi detido, multado e torturado no País Vasco a finais dos anos 60. Por suposto, inclúese a denuncia levada a cabo por Darío Rivas, galego afincado en Arxentina e impulsor da querela contra o franquismo xunto a Inés García Holgado. Con máis de 90 segue exixindo xustiza para seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar en 2005, case setenta anos despois.
Neste documento do fiscal, clave para as futuras medidas que tome a xuíza Servini de Cubría, tamén hai abondosas referencias ao ex presidente da Xunta e ex ministro franquisa, Manuel Fraga, que sae varias veces citado entre denunciantes, que lembran que era "autoridade en exercicio" da ditadura franquista en varios casos de represión ou torturas no País Vasco ou "responsable" de feitos como os cometidos en Vitoria en 1976.