A Fiscalía arxentina reclama visitar 'in situ' as fosas comúns do franquismo en Galicia

Exhumación dos restos de Perfecto de Dios, en Ávila © ARMH

A Fiscalía arxentina solicita á xuíza María Servini de Cubría, instrutora da causa que se desenvolve desde ese país contra os crimes do franquismo, visitar as fosas comúns de Galicia onde permanecen os corpos de moreas de asasinados durante a guerra civil e a ditadura. Nun extenso ditame ao que tivo acceso Praza, o fiscal federal Ramiro González exhorta a xuíza para que "avalíe a pertinencia de concorrer in situ á Comunidade Autónoma de Galicia, visitar as fosas comúns e o campo de concentración de Camposancos", en referencia ao antigo colexio dos xesuítas da Guarda que serviu de cárcere e lugar de torturas para o fascismo.

O fiscal pide á xuíza que "avalíe a pertinencia de concorrer 'in situ' a Galicia a visitar as fosas comúns e o campo de concentración de Camposancos"

Foi neste mesmo ditame da Fiscalía no que se baseou a maxistrada para aumentar as ordes de detención e solicitar a extradición hai dúas semanas de vinte dirixentes e altos funcionarios franquistas, entre eles a do ex vicepresidente do Goberno e comisionado para a catástrofe do Prestige, Rodolfo Martín Villa. Tal e como advertiu en Praza unha das impulsoras desta querela, Inés García Holgado, o detallado informe -de 309 páxinas- fixo que a xuíza tomase estas novas medidas, que é moi probable que se aumenten nos vindeiros meses atendendo ás peticións do Ministerio Fiscal, entre as que se inclúen a da comprobación no terreo da situación das fosas comúns que hai en Galicia e en base ás numerosas denuncias de galegos vítimas da represión.

A Fiscalía constitúe a acusación pública dentro dun proceso penal, a diferenza coa querela, que representa a acusación privada das vítimas do franquismo. O fiscal pretende velar pola "legalidade do proceso, o respecto aos dereitos humanos e a garantía de todas as partes". Para iso, reclama unha serie de medidas á xuíza Servini de Cubría, entre as que se inclúen varias que afectan a Galicia logo de analizar con detalle os milleiros de casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados que se foron engadindo á causa e que no seu documento se describen con precisión, individualizando unhas 4.500 vitimas tras as denuncias de máis de 150 querelantes.

A Fiscalía pide máis medidas na causa contra o franquismo, entre elas a extradición de vinte dirixentes franquistas, xa solicitada pola xuíza

Logo de que o verán pasado a xuíza e o fiscal visitaran vítimas en Euskadi, Andalucía e Madrid -onde recolleron declaracións e probas de crimes do franquismo-, Galicia podería ser a seguinte terra onde a causa arxentina apañase datos e testemuños sobre os delitos cometidos pola ditadura, no caso de que maxistrada acepte a petición do Ministerio Público. 

Entre esas medidas que reclama o fiscal inclúese tamén a petición aos arcebispados españois de "toda a documentación que obre nos seus rexistros relativa á Igrexa Católica e o Estado español, entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, e especificamente os referentes aos relixiosos católicos que foron obxecto por parte do devandito Estado de persecución, sanción, cárcere e tortura". Ademais, pide tamén á maxistrada que "avalíe a pertinencia de exhumar os restos do antifascista galego Perfecto de Dios Fernández en Chaherrero (Ávila) e que xa foron recuperados no pasado verán grazas á achega dun sindicato noruegués, pero non pola colaboración nin a axuda de administración ningunha.

O Ministerio Público reclama unha entrevista televisiva na que Fraga recoñece que a represión en Vitoria en 1976 foi "premeditada"

Tamén se solicita que "se obteña a entrevista televisiva á que fai referencia Agustín María Plaza Fernández [un dos denunciantes] que terían ofrecido Manuel Fraga Iribarne e Adolfo Suárez, na que, segundo o querelante, o ex presidente da Xunta e ex ministro franquista "terían manifestado" que os actos da represión levada a cabo en Vitoria en 1976 contra unha protesta obreira, e que causou varios mortos, "foron premeditados, en virtude de que temían que o conflito se estendese ao resto de España".

O ex presidente galego sae varias veces referido entre os denunciantes, que lembran que era "autoridade en exercicio" da ditadura franquista en varios casos de represión ou torturas no País Vasco ou "responsable" de feitos como os cometidos en Gasteiz.

 

"Plan sistemático de terror"

Ademais, Ramiro González tamén suxire que se lle solicite ao Vaticano "toda a información nos seus rexistros respecto da participación da Igrexa española na creación da cárcere de Zamora" ou que as autoridades españolas remitan "toda a documentación, tanto os arquivos oficiais como os reservados, existente respecto da detención, torura e fusilamento do ex presidente da Generalitat, Lluís Companys i Jover".

Alén disto, tamén reclama "a posibilidade de concorrer in situ" á cárcere Modelo de Barcelona, onde estiveron detidos Companys e o anarquista Salvador Puig Antich, e ás fosas comúns de Avilés, así como que se proceda á exhumacións de restos, apertura doutras fosas e celebración de novas audiencias de testemuñas mediante vídeoconferencias. O Arquivo Histórico Nacional, o Centro Documental da Memoria Histórica e o Arquivo Histórico Provincial de Málaga tamén deberían entregar, segundo o fiscal, toda a información sobre as vítimas mencionadas na causa.

O fiscal conclúe que os acontecementos investigados son "feitos atroces de lesa humanidade e xenocidio"

O fiscal arxentino tamén recomenda á maxistrada que determine "a existencia de procesos no Reino de España onde se investiguen os feitos por substración, retención e ocultación de menores que fosen denunciados nos autos". No seu resumo, Ramiro González conclúe que "os acontecementos materia de investigación consisten feitos atroces de leas humanidade/xenocidio entre os que se atopan torturas, homicidios, desaparicións forzdas de persoas e substación de menores, privación ilegal da liberdade cualificada pola imposición de torturas e demais ilícitos que se desrpenden das presentacións efectuadas".

Xa por último, considera que "houbo un plan sistemático, xeralizado, deliberado e planificado de aterrorizar españois paratidarios da forma representantiva de Goberno, a través da eliminación física dos seus máis representantivos expoñentes en territorio español".

Foi o galego Darío Rivas, xunto a Inés García Holgado foi, quen promoveu a querela presentada o 14 de abril de 2010 contra a ditadura franquista. Nela pedíase que se procurasen os nomes e enderezos dos membros dos gobernos existentes entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, así como dos mandos militares, da Garda Civil, de Seguridade e da Falanxe no mesmo período. Consideraba a demanda que os seus delitos son imprescritibles baixo o criterio de xustiza universal e a pesar da lei de Amnistía de 1977. O Goberno español, malia os requirimento de extradición de varios dirixentes da ditadura, non responde ás peticións da xustiza e continúa atrancando a causa aberta en Bos Aires.

Traballos de exhumación no Amenal © ARMH
Botas do galego Perfecto de Dios, na exhumación en Ávila © ARMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.