"Como pode España estar na UE sen cumprir a lei internacional coa querela contra o franquismo?"

Inés García Holgado Dominio Público Praza Pública

Inés García Holgado foi, xunto ao galego Darío Rivas, unha das promotoras da querela que o 14 de abril de 2010 se presentou en Arxentina contra a ditadura franquista por xenocidio e crimes de lesa humanidade e ante a nulidade e falta de progreso das causas abertos contra o fascismo en España. Nela pedíase que se procurasen os nomes e enderezos dos membros dos gobernos existentes entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, así como dos mandos militares, da Garda Civil, de Seguridade e da Falanxe no mesmo período. Consideraba a demanda que os seus delitos son imprescritibles baixo o criterio de xustiza universal e a pesar da lei de Amnistía de 1977.

A causa foi medrando e acumulando milleiros de casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados durante o franquismo, tamén moitos desde Galicia. A pasada semana, a xuíza María Servini de Cubría ditou unha orde de detención, con solicitude de extradición, de vinte dirixentes e altos funcioarios franquistas, entre eles o ex vicepresidente do Goberno e comisionado para a catástrofe do Prestige, Rodolfo Martín Villa.

Inés García Holgado, que se atopa en Galicia para dar unha conferencia sobre esta querela convidada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, cre que, "coma sempre", España non cumprirá a lei, obviará os mandatos internacionais e evitará extraditar os reclamados. Sobriña e sobriña-neta de tres asasinados polo franquismo -concelleiro e alcalde incluídos-, advirte que tanto ela como o galego Darío Rivas -fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937- seguirán "loitando ata a morte" para dignificar a memoria dos seus familiares e levar ante a xustiza os responsables de milleiros de mortes.

Fará caso o Goberno español da orde de extradición ou repetirá o que fixo nos casos anteriores?

A Interpol xa ten as ordes de arresto e España xa tería que ter detido estas vinte persoas, pero como fai sempre, non cumpre e temo que non cumprirá. Foi un novo informe do fiscal federal Ramiro González o que propiciou estas novas ordes de detención e iso xa é importante, porque o detallado do texto fixo que a xuíza tomase estas medidas. É clave porque nomea todos os denunciantes e querelantes e reclama outras medidas que a maxistrada podería solicitar no futuro.

"O informe achegado polo fiscal é moi importante porque reclama máis medidas que a xuíza podería solicitar no futuro"

Que máis medidas podería solicitar Servini de Cubría?

No caso de Galicia, por exemplo, ver in situ as fosas comúns, así como as que hai noutros lugares de España. Ademais, o fiscal solicita varias exhumacións e toda a documentación que se posúa sobre os denunciados e a súa extradición, e tamén que se solicite ao Vaticano e aos arcebispados españois para que remitan á causa toda a documentación que consta nos seus arquivos relativa á colaboración da Igrexa española coa ditadura franquista. Tamén se piden datos ao Goberno e á Generalitat sobre a detención e o fusilamento de Lluís Companys.

Tan importante é este novo informe do fiscal?

É importante por todo o que poida supoñer no futuro para esta causa, pero tamén porque por primeira vez moita xente ve reflectida a súa denuncia e o seu caso nun documento oficial xudicial. Unha persoa de Galicia buscou o seu nome no documento, puido ler alí a súa historia e emocionouse e iso é algo fundamental tamén.

"Unha vítima galega puido ler a súa historia no informe do fiscal e emociouse; iso tamén é algo fundamental"

Tanto esforzo e sufrimento para que o Goberno español non acate as ordes de extradición? Paga a pena todo o que se está a lograr se España non colabora?

É algo totalmente incrible. En principio, e como mínimo, debería haber unha presión en todo o mundo de organismos internacionais para que España cumpra e colabore coa xustiza. Iso sería algo moi importante, pero o máis importante aínda sería atopar cun xuíz que sexa coma a xente, que cmpra a lei, faga o que teña que facer e acate o Dereito internacional. O que pasou en España foi un xenocidio, houbo delitos de lesa humanidade... Pero o Tribunal Supremo segue a dicir que son crimes comúns, o que é totalmente incoherente coa súa xurisprudencia respecto de Guatemala ou da propia Arxentina. Antes, incluso, poderían facerse outras moitas cousas a prol das vítimas e dos represaliados.

Como que?

Facer unha lei dunha vez que nulifique os sumarios polo que os nosos familiares seguen a ser considerados uns delincuentes. Que se anulen todos eses sumarios porque non é moi difícil facelo.

"O que pasa en España é algo incrible; como mínimo, debería haber unha presión de organismos internacionais para que colabore coa xustiza"

Coñece algún caso dun Estado que actúe así ante unha denuncia por crimes contra a humanidade?

Non vexo nada igual, desde logo en Europa non. Que un membro da UE se comporte deste xeito é algo inaudito e incoherente con todos os tratados internacionais que ten asinado sobre dereitos humanos. Como pode España seguir sendo membro da UE sen cumprir coa lexislación internacional? Neste Estado hai unhas 140.000 persoas desaparecidas e fosas comúns nas que aínda hai 4.000 cadáveres soterrados. Como pode ser?! É arrepiante.

"Como pode España estar na UE sen cumprir coa lexislación internacional? É algo inaudito e incoherente cos tratados que asina"

Non sente impotencia? Non cansa de bater contra un muro?

Algunhas veces sinto unha gran tristura. É entón cando os querelantes nos apoiamos e entre todos seguimos adiante, porque imos loitar ata o final das nosas vidas. Pero para que todo isto funcione tamén é moi importante a educación nas escolas. En Arxentina damos conferencias nos colexios e explicamos o que foi a República ou o que veu despois, pero iso non se fai en España porque nin tan sequera se inclúe este tema nos programas educativos. É triste que alá se explique máis desa historia que aquí. É terrible.

Cre que a querela contra o franquismo conseguirá o seu obxectivo?

Creo que si, para iso comezamos coa querela. Seguiremos ata o final, ata que morramos, e se non conseguimos o que buscabamos, terán que vir novas xeracións a logralo, pero os nosos será reivindicados sempre. Ata o final.

"Seguiremos reivindicando os nosos ata o final, ata que morramos; se non conseguimos nada, terán que vir outras xeracións a logralo"

Polo momento, non parece que España vaia extraditar os vinte novos reclamados...

Pois non, parece que non o vai facer... Non obstante, que sexan chamados a declarar, que lles retiren o pasaporte e que teñan ordes internacionais de detención é algo que molesta e incomoda e cando menos conseguimos iso. Se esta xente sae de España, serán detidos de inmediato. O terrible é que aquí non poidan ser detidos porque, como dicía o letrado Carlos Slepoy, España é o paraíso da impunidade.

Inés García Holgado Dominio Público Praza Pública
Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.