Galicia segue a sumar denuncias contra o franquismo á querela arxentina

Varios guerrilleiros galegos © armhmemoria

Máis galegos súmanse á querela arxentina contra o franquismo. Foron oito os que este martes denunciaron na Coruña 17 casos de desaparición e torturas durante a ditadura fascista contra os seus familiares. Fixérono -e asinaron as denuncias- ante o cónsul de Arxentina en Vigo, Roberto Gudiño, que agora trasladará os casos ao proceso mediante o que a xuíza María Servini investiga os crimes contra a humanidade cometidos polo réxime de Franco nunha causa iniciada por outro galego, Darío Rivas, afincado en Suramérica e fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937.

Oito persoas relataron os casos de represión e torturas sufridos polos seus familiares antes de asinar a denuncia ante o cónsul arxentino

Os denunciantes, entre os que había investigadores da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), relataron os casos de represión e torturas sufridos polos seus familiares da Coruña, Ribadeo ou Becerreá para logo incorporar á querela as súas denuncias, que se unen ás xa presentadas pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), a Fundación Galega contra a Impunidade, Nova Esquerda Socialista ou a Federación de Sociedades Gallegas en Argentina. Todas elas pretenden servir de "impulso" para que máis familiares se sumen á causa achegando as súas denuncias, que poden presentarse no consultado arxentino e cuxas declaracións ante a xuíza poden facerse por vídeoconferencia.

As denuncias únense ás xa presentadas por outras asociacións de memoria histórica e diferentes colectivos galegos

Carmen García-Rodeja,  unha das denunciantes e voluntaria da ARMH, insiste en que actos coma este teñen tamén o obxectivo de "animar outras vítimas a denunciar" e unirse así á querela e lembra que o colectivo ao que representa vén de "dar o paso" para seguir fomentando a presentación de demandas.

"É un traballo difícil porque hai que falar con xente que se ve obrigada a lembrar cousas horribles e temos que animalos ou axudalos a conseguir documentación que, en moitos casos, é complicada de apañar", engade quen cre que moitas das vítimas "seguen a estar estigmatizadas" e continúan escoitando "como hai quen lles di que deben seguir calados". "Non buscan vinganza nin desquite, pero teñen que aturar, aínda hoxe en día, que representantes das administracións os acusen de reabrir feridas", explica.

Cada  un dos oito familiares que acudiu ao acto levou a cabo unha breve explicación do seu caso para a continuación asinar a denuncia ante o cónsul. Explicaron a represión sufrida por diferentes cidadáns, como os doce asasinados en 1936 (Ovidio Villar Fernández, Julio Sanz Martín, Manuel Díaz Gónzález , Florencio Carballo Novegil, Andrés Vale Blanco, Enrique Navarret García, Bruno Martínez Fernández, Antonio María Martínez López, José Antonio Díaz Álvarez, Jesús Longarela Manciñeiras, Manuel Montes Don e Carlos Montes Babío). Tamén se inclúe na querela o caso de dous membros da guerrilla falecidos en 1946, Obdulio Naves Fernández e Leandro Llorente Navarro, así como o caso de tres persoas que denuncian as torturas e a persecución sufrida durante a ditadura: César Leopoldo Fraguela Celeiro, Celsa Díaz Cabanela e Antolín Montes Babío.

As novas denuncias supoñen tamén un impulso máis a unha querela que evidencia a falta de iniciativa por parte do Estado para xulgar o franquismo e reparar as súas vítimas, algo que foi denunciado pola ONU tras a súa última visita a Galicia, onde escoitou os relatos de numerosas vítimas e tras o que denunciou o esquecemento por parte do Goberno, así como a falta de recursos por parte das administracións para procesos como o de Nomes e Voces.

Varios guerrilleiros galegos © armhmemoria
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.