"Os fiscais e xuíces españois están noutra sintonía; falamos outro idioma". Así de contundente se amosou Máximo Castex o pasado xoves durante a conferencia que ofreceu nas xornadas Memoria e Democracia que se desenvolveron na Universidade da Coruña. Este avogado arxentino é un dos letrados -xunto a Ana Messuti- que hai sete anos iniciou a querela arxentina aberta contra os crimes do franquismo e continúa "na loita" pola reparación das vítimas malia os "atrancos continuos" que pon España. Impulsada polo galego Darío Rivas, a devandita querela segue, malia todo, adiante. E impúlsase agora na última advertencia da ONU ao Estado para avanzar entre as numerosas trabas impostas. "Nunca debemos perder a esperanza; imos seguir porque ese é o noso compromiso", advirte en conversa con Praza.gal.
"Os fiscais e xuíces españois están noutra sintonía; falamos outro idioma", di Castex, avogado da querela arxentina
O proceso xudicial contra o franquismo -o único aberto no mundo- acumula máis de 20.000 folios nos xulgados arxentinos, arredor de 400 querelas e centos de denuncias. Investígase un "plan sistemático de anquilación dunha parte da poboación" por parte do réxime fascista e lógranse, a pesar de todos os atrancos, "vitorias en pequenas batallas" que é o que anima os avogados a continuar. "Ver que algo impensable se logre, como que se levase a cabo unha exhumación pedida por unha xuíza de instrución na Arxentina, é moi gratificante e o que nos fai ver que todo ten sentido", explica Castex, en referencia á recuperación dos restos de Timoteo Mendienta tras a loita da súa filla, que pasa xa dos 80 anos.
Son os triunfos que serven de gasolina a un proceso tantas veces torpedeado pola xustiza e o Goberno español. A negativa a aplicar a xustiza universal, o rexeitamento da Fiscalía ás declaracións xudiciais, as negativas ante a cada petición desde Bos Aires de extradición, a apelación á lei de Amnistía, a suposta prescrición de delitos ou os oídos xordos ás reclamacións das Nacións Unidas parecen demasiado, pero Castex advirte. "Cando na Arxentina os primeiros avogados presentaban as querelas contra os golpistas e o seu réxime, a todo o mundo lle parecía unha loucura sen posibilidades, pero hoxe en día xa foron emitidas as sentenzas; España está lonxe de empezar esa camiña, pero esta querela foi sempre pensada como unha forma de lograr que a investigación se levase a cabo en España e non fóra", explica.
A ONU deu en setembro noventa días a España para executar medidas concretas a favor dos familiares dos represaliados
A última -entre as incontables- reprimenda a España chegou da ONU. O Grupo de Traballo sobre Desaparicións Forzadas esixiu ao Estado que acelere a busca de desaparecidos durante o franquismo, censurou a actitude do Goberno coas vítimas e pediulle que en noventa días entregase un plan de traballo para executar medidas concretas a favor dos familiares dos represaliados.
A este documento agárrase o avogado, que vén de reiterar algúns dos pedidos levados a cabo desde Arxentina e que foran rexeitados hai máis dun ano pola Fiscalía, que suspendera as declaracións de vítimas e cargos franquistas e actuou como barreira nos xulgados españois. "Foi unha mensaxe de extorsión aos maxistrados", advirte Castex. Agora, reclama exhumacións, declaracións e máis datos nun exhorto que acompaña do documento da ONU. "Os xuíces terán que decidir e non todos actúan igual", advirte quen aclara que, malia as instrucións do Ministerio Fiscal, "algún xulgado de Euskadi e Catalunya si levaron a cabo as testificais solicitadas neste setembro".
"Enténdese a querela como a posta en risco da Transición; parte daquel pacto foi a colocación de familias franquistas na cúpula da xustiza"
Logo de tantos anos de traballo coa querela, Castex entende que, "desde o outro lado", o proceso aberto "percíbese como algo que pon en risco institucións e momentos históricos sagrados como a Transición, que sería posta en dúbida cando non é para nada así". "Insístese en que isto reabre feridas cando é todo o contrario, péchaas", engade quen asegura que "un Estado democrático ten que facilitar a investigación e xulgar a responsabilidade criminal que poidan ter as persoas nos crimes" que, como lembrou no seu relatorio, "son de lesa humanidade e acóllense aos principios de xustiza universal". "Parte daquel pacto da Transición foi a colocación de familias franquistas na cúpula da xustiza española", advertiu como clave para entender todas as trabas.
"A conclusión é que España é un Estado que ampara criminais e prioriza iso á reparación das vítimas"
Castex, testemuña directa de todos eses atrancos que España pon á xustiza, cre que "a conclusión" que queda de todo o proceso da querela arxentina polo momento é que "España é un Estado que ampara criminais". "Un pode sacar tranquilamente esa conclusión e tamén que se prioriza ese amparo á reparación das vítimas", insiste en conversa con este diario.
"Se non queren ou non poden xulgar e investigar os crimes franquistas, polo menos non obstaculicen o proceso", reclamou na conferencia tras pedir aos familiares das vítimas seguir "na loita" e lembrar que se esa pelexa "non a continúan os fillos e os netos" dos represaliados, o proceso irá "a contrarreloxo". "Imos continuar, custe o que custe", rematou.