0 Gardados para despois

"Non se pode seguir enarborando a Transición para frear a querela contra os crimes do franquismo"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"O máis importante é non perder a fe e a esperanza, senón eu non aguantaría seis anos máis así, escoitando todas estas historias de sufrimento". Quen así fala é Ana Messuti (Buenos Aires, 1946), unha das avogadas da querela arxentina contra os crimes do franquismo. Doutora en Dereito e ex-funcionaria da ONU, reside en Madrid e desde España leva media ducia de anos loitando polo recoñecemento das vítimas da ditadura fascista e por acabar co "hermetismo" dunha Administración española que non fai máis que poñer atrancos nas continuas solicitudes de colaboración, non só da xuíza Servini, que leva o caso, senón de numerosos organismos internacionais. "Parece que para o Estado non existisen nin a ONU nin os dereitos humanos universais", di nesta entrevista, pouco antes de ofrecer unha conferencia na Coruña xunto ao ex-maxistrado do TSXG, Carlos López Keller.

Todo comezou con Darío Rivas, o fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937...

É moi fermoso que unha persoa maior, cuns 90 anos, dese inicio a todo isto. E tivo que ser el, un galego, a cuxa comunidade é á que estamos máis vinculados na Arxentina. O notable no seu caso é que el xa non buscaba nada concreto porque xa conseguira a exhumación de seu pai, pero recorreu á xustiza arxentina porque precisamente buscaba iso. Non quere nada máis que xustiza. A súa figura virou en emblemática e converteuse nun portavoz da causa e da querela. Comezamos hai seis anos e un dos logros é continuar, perseverar, seguir recibindo querelas... Mesmo até a semana pasada recibimos máis. Entre todas elas hai moitas de cidadáns galegos. 

Cantas persoas acudiron ao proceso en Arxentina para reivindicar xustiza?

Hai que diferenciar: as querelas fanse a través dos avogados, refírense a familiares directos e son máis detalladas, requiren máis esixencias. Deste tipo haberá unhas 320. Logo está a posibilidade de denunciar calquera feito, sen necesidade de ser familiar, ante calquera consulado da Arxentina para que se traslade directamente ao xulgado. Neste caso é máis difícil facer o cálculo porque se poden facer en calquera país; de feito, algunhas foron interpostas no Reino Unido ou en Chile. En todo caso, haberá máis dun cento de denuncias. 

"Precísase moito tempo, mesmo que pase unha xeración ou máis, para superar o medo e o trauma e ir denunciar"

Tivo que ser Darío Rivas, con 90 anos e residente na Arxentina, quen impulsase un proceso xudicial desta importancia. Non é iso un síntoma de que algo segue a fallar?

Pero moitos seguiron o exemplo de Darío. Desas máis de 300 querelas, moitísimas son impulsadas por netos de represaliados ou asasinados e, logo dun recurso ante a xuíza, mesmo se aumentaron as facilidades para os querelantes, precisamente por ser crimes de lesa humanidade desde os que teñen transcorrido moito tempo. Non estamos falando dun delito ordinario e ás veces precísase moito tempo para que a xente se repoña dos crimes sufridos e se decida a querelarse. Mesmo fai falta que pase unha xeración ou máis para poder superar o medo e o trauma e ir denunciar. 

"O medo na sociedade española vaise superando; onde si parece haber medo aínda é na xustiza española"

Segue habendo medo na sociedade española?

Creo que se vai superando e niso axudan moito as asociacións pola recuperación da memoria histórica, todas elas. A xente así non se sente soa. Onde si parece que hai medo é na xustiza española. 

Que é o que falla na xustiza española, por que este desleixo?

Todo inflúe para que na xustiza se impida facer xustiza. A administración de xustiza pode transformarse na administración da inxustiza. O problema é que os atrancos e as barreiras púxoos a xustiza española recentemente, desde 2012 co xuízo a Garzón. Antes, a xustiza española era o paradigma da aplicación da xustiza universal porque os procesos contra a ditadura arxentina chegaron grazas a que se comezou aquí. 

Pero aplicou a xustiza universal fóra e non no seu Estado...

Foi un exemplo menos co propio, o cal é terrible. 

Falou algunha vez co Ministerio de Xustiza, a Fiscalía ou cargos da xudicatura para abordar todas estas eivas?

Nunca. Falei con xente do mundo da xustiza que está a favor dunha apertura nestes casos, pero nunca tiven a oportunidade de facelo con quen insiste en manter esta situación. Faríao con sumo pracer... Ben, con sumo pracer non sei, pero si con moito interese polo menos. 

"Non se pode seguir enarborando a Transición para frear o progreso do Dereito internacional"

Como explicaría que a xustiza española comece un proceso contra Pinochet por xenocidio mentres no Estado hai máis de 100.000 persoas enterradas en fosas e nunca se xulgou ningún crime franquista? 

Aquí sempre se enarborou o asunto da Transición, da Lei de Amnistía... Moitos falan daquel período como un gran logro, algo modélico e exemplar... Non me quero meter moito no tema, pero non podo comprender como se pode enarborar unha lei interna dun Estado para frear a aplicación das normas internacionais. Máis cando hai un tratado subscrito, o de Viena, no que se di explicitamente que unha norma estatal non pode prevalecer sobre as normas internacionais. Estase facendo unha utilización do Dereito interno que bloquea a aplicación do Dereito internacional. Aquilo que se deu na Transición, por máis que naquel momento tivese as súas vantaxes históricas, non se pode seguir enarborando para frear algo que significa un progreso do Dereito mundial. 

Cre que o mito da Transición prexudica o proceso contra os crimes franquistas?

A forma no que o están utilizando si que está prexudicando o proceso para que se faga xustiza. 

Non hai maneira de sancionar un Estado por incumprir reiteradamente tratados internacionais, como no caso de España? 

Non, non existe ningunha maneira, nada que poida impoñer a un Estado algo máis aló do seu Dereito interno. Si pode haber métodos indirectos e hai instrumentos internacionais que falan da responsabilidade internacional sobre 'feitos internacionalmente ilícitos', un aspecto no que se traballou durante anos na Comisión de Dereito Internacional das Nacións Unidas. Malia isto, non se ten moi en conta pero prevé moreas de sancións que poden aplicar os Estados para obrigar os demais Estados a reparar estes 'feitos internacionalmente ilícitos'. A denegación de xustiza ás vítimas do franquismo en España pode considerarse un deses feitos. 

"Hai mecanismos para sancionar a España por denegar xustiza ás vítimas do franquismo; pódese impedir que ingrese en organizacións internacionais"

E aquí aparecen a diplomacia e as complicadas relacións internacionais...

Claro, pero neste instrumento están previstas posibildades como que os Estados non ingresen en determinadas organizacións internacionais. E hai algunhas nas que os países teñen moito interese, como a Organización Mundial do Comercio, por poñer só un exemplo. 

Nunca se optou por unha iniciativa deste tipo contra un Estado?

Non.

Nin se prevé...

Pois non.

"Os xuíces tomaron a iniciativa de chamar a declarar cando a xuíza Servini xa non estaba e iso dános moita esperanza"

En que momento se atopa o proceso xudicial?

Estamos nun momento un pouco delicado pero iso non significa en absoluto que se teña paralizado. A semana pasada aínda recibín querelas e para a vindeira hai prevista unha declaración nun xulgado do País Vasco. Chegamos a un punto moi interesante: a xuíza Servini tomou declaración a varias vítimas do franquismo aquí en España pero non puido facelo con todas; deixou  un exhorto para que se lles tomase declaración en varios xulgados e, malia que a xuíza xa non estaba, os xuíces tomaron a iniciativa de chamar a declarar cando non tiñan obrigación de facelo. E fixérono igual. Iso dá moito esperanza aínda que, no fondo, sexa cumprir cun tratado de cooperación que está vixente desde 1987 entre a Arxentina e España. Todo isto fíxonos pensar que podiamos aproveitar esta liña tomada polos maxistrados españois sen que viaxase a xuíza. 

Pero di que o momento é delicado, por que?

Si, declararon polo menos 20 persoas sen a presenza da xuíza Servini en varios xulgados de España [un destes casos é o do galego neto do tenente de alcalde da Cañiza], pero o pasado mes de outubro acudimos con Gerardo Iglesias para que el tamén declarase e o xuíz impediuno. Foi un golpe bastante forte e máis cando averiguamos por que. A Fiscalía Xeral do Estado enviara unha comunicación aos fiscais para que recomendaran aos xuíces non colaborar coa querela arxentina, lembrándolles o que lle pasara a Garzón. 

Supón isto un atranco importante no camiño da querela arxentina?

Hai unha expectativa coas declaracións anteriores que está frustrada con esta petición da Fiscalía. No entanto, esta petición é de obrigado cumprimento para os fiscais pero non para os xuíces, polo que o maxistrado pode facer o que considere aínda que teña que axustarse á posibilidade de apelación do fiscal. Sabemos que hai xuíces que convocaron persoas para declarar malia estas recomendacións. É un momento delicado pero non de parálise, nin moito menos. 

"Para o Estado español parece que non existisen nin a ONU nin os dereitos humanos universais; é hermético"

Hai algunha novidade respecto ás peticións de extradición dos cargos franquistas imputados?

Ningunha. Foi denegada xa en dúas ocasións e en varias fases. Logo hai 17 imputacións nas que directamente se negou a extradición a través da resolución do Consello de Ministros. Ante isto houbo unha reacción en contra do Consello de Dereitos Humanos da ONU na que catro relatores criticaron isto pero para España parece que non existisen nin as Nacións Unidas, nin os dereitos humanos universais... Con respecto aos crimes do franquismo, a actitude da Administración española é hermética. Isto non quere dicir que non haxa posibilidades e interese en presentar querelas nos xulgados españois, que é algo que hai que facer na medida do posible. 

"O verdadeiro cambio no proceso será cando declare un imputado"

Que suporía un avance?

Mentres se trate de declaracións de vítimas, a continuación do proceso está asegurada, pero o verdadeiro cambio será cando haxa a declaración dun imputado, cando sexa unha declaración indagatoria. Iso permitirá á xuíza elevar o proceso á segunda fase, á do tribunal oral. 

Chegarán esas declaracións de imputados?

Non teño bóla de cristal pero confío en que chegará, en que haberá un cambio porque xa vin un cambio de actitude coas tomas de declaración por parte dos xuíces. Confío en que se vaian presentando querelas na xustiza española e se estimule a acción dos xuíces. Todos os camiños poden ser positivos. 

"España ten un problema democrático porque se está a silenciar as vítimas"

Hai unha eiva democrática en España?

Se nos referimos a dar voz, España ten un problema democrático porque se está a silenciar as vítimas, como obrigándoas a que non se lembren do que pasou pero a xente si que lembra. 

Pode chegar a haber compensacións económicas para as vítimas? Está contemplado?

Por suposto. Está previsto nos instrumentos internacionais. Estamos falando de crimes universais, por moito que se cometesen en España, por españois e contra españois. E sono porque pola súa gravidade interesan a toda a comunidade internacional. 

"O máis importante é non perder a fe e a esperanza e valorar a satisfacción das vítimas con cada cousa que se logra"

Cre que a sociedade española está suficientemente informada sobre a historia da guerra civil e do réxime franquista?

Deberían estalo máis pero comezan a estalo, sobre todo grazas ao traballo das asociacións de memoria histórica. A proba é que son moitos os mozos que presentan denuncias ou querelas. A vitimización transmítese de xeración en xeración, pero a culpa non. Que morrese o verdugo non significa que non se cometese un crime, o crime existe. O medo é algo presente na xeración dos fillos daqueles que sufriron, pero non está nos netos daqueles e é importante que estes saiban que houbo unha xeración silenciada polo medo. 

"Hai que ir aos poucos, logrando o que non se logrou en 40 anos; mentres haxa quen pida xustiza, isto non vai rematar"

Ponse algún prazo para conseguir que o Estado dea resposta ás demandas da xustiza arxentina?

Pódese e débese empezar a intentar que este proceso contra a represión franquista se leve a cabo na xustiza española, pero os prazos dependen moito das vítimas, da colaboración da xustiza española... O máis importante é non perder a fe e a esperanza, senón eu non aguantaría seis anos máis así, escoitando todas estas historias de sufrimento. É importante valorar a satisfacción da vítima con cada cousa que se vai logrando: ver o valor que lle dá algunha xente a unicamente poder declarar e ser escoitados por un xuíz é moi importante, ter conseguido unha exhumación por orde xudicial tamén é moi importante e ter sentado no banco dos acusados a dúas persoas, aínda que só fose para negar a extradición, tamén é clave. Non podemos esperar a que de súpeto se faga xustiza como se aparecese unha milagre, senón que temos que valorar cada pequeno logro. Ir aos poucos, logrando o que non se logrou en 40 anos. 

O que resite gaña?

Exacto. Mentres haxa quen pida xustiza, isto non vai rematar. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.