O Pazo de Meirás abrirá por fin ao público sen que sexan os Franco os que abran as portas. Logo de máis de 80 anos, e tras o proceso xudicial que entregou ao Estado unha propiedade en mans da familia do ditador desde hai décadas, os seus xardíns poderán ser visitados pola cidadanía desde o vindeiro xoves 1 de xullo.
Os xardíns do Pazo poderán ser visitados pola cidadanía desde o vindeiro 1 de xullo
Será, como anuncia o Concello de Sada --administración que xestionará as visitas-- cun percorrido guiado dunha hora e media de duración que durante os tres primeiros días irá destinado aos colectivos e entidades galegas de memoria histórica. A partir do día 4, e previa reserva, calquera cidadán poderá visitar os xardíns.
É, polo momento, unha apertura parcial que chega logo do acto oficial de sinatura do protocolo xeral de coordinación temporal de actuacións nas Torres de Meirás, "símbolo agora de liberdade e democracia", ao que acudiu a vicepresidenta do Goberno de España, Carmen Calvo, ademais do secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da Deputación, Valentín González; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e mais o rexedor de Sada, Benito Portela.
Carmen Calvo destaca que se pon fin a unha "ignonimia" que durou 80 anos pero aclara que "queda moito traballo por facer" en Meirás
Con este paso, dixo Calvo, remata unha "ignonimia" que durou 80 anos aínda que, aclarou, "queda moito traballo por facer". "Tamén no interior, que debemos devolver con solvencia e esplendor á recuperación do patrimonio histórico e á visita", dixo.
Asegurouno logo de dirixirse á vintena de manifestantes que esixen a devolución do Pazo ao pobo e a creación dun centro de homenaxe ás vítimas da ditadura nel, así como ampliar a protección a todos os bens do inmoble para evitar que os Franco poidan apropiarse de máis cousas.
Entre os concentrados, Carlos Babío, investigador, autor de Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio e figura clave nas pescudas que facilitaron o proceso xudicial aberto contra os Franco, ou Manuel Monge, activista e ex-presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Calvo agradece a "loita" e "impulso" das entidades de memoria histórica, que lle recrimina á vicepresidenta que veña "facerse unha foto"
Calvo agradeceulles a súa "loita" e "impulso" que facilitou "todos os pasos dados" polo Goberno central "para que o Pazo sexa patrimonio público". Un labor, insistitu, "sen o que non tería sido posible todo o conseguido". "Menos fotos, máis memoria e máis feitos", pedían os concentrados.
"Esta é unha foto; vides aquí facervos unha foto, no segundo acto de Estado", recriminoulle Babío. "Móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós nos movemos hai unha semana. Se paramos, vostedes paran", insistiulle, mentres a vicepresidenta negaba que o acto tivese carácter propagandístico. "Trátase de manter aquí a verdadeira memoria; en tres anos exhumamos o ditador e conseguimos que isto sexa patrimonio público; en moi mpouco tempo estamos avanzando", defendeu Calvo ante uns colectivos aínda molestos pola actitude do Executivo central de impedirlles, o pasado sábado, manifestarse nos xardíns.
O Goberno central reclama ás administracións unha xestión do Pazo "leal" e "eficiente" para narrar de forma "fidedigna" a historia
"Non temos noticia de que se teña producido anuncio oficial ningún en relación ás demandas que desde o movemento memorialístico galego: ampliar a protección de todos os bens do Pazo diante do novo intento de rapina dos Franco, desenvolver un acto en memoria das vítimas do fascismo e da represión franquista en Meirás, converter o espazo de memoria histórica e participación das asociacións de memoria na xestión dese futuro espazo", aclarou logo nun comunicado o colectivo Defende Meirás.
Xa tras o acto oficial, Carmen Calvo pediu ás administracións xestionar o Pazo de forma "leal" e "eficiente" para así narrar de forma "fidedigna" a historia. Así, insistiu en que para "proxectar a memoria democrática cara ao futuro" é preciso "ter acreditada a verdade do pasado" e amosou a súa esperanza de deixarlles aos máis novos o legado da "dignidade".
"Este é o lugar no que transitou unha parte importante da vida dun ditador, de Franco, e onde moitos españois virán atopar o relato da verdade do acontecido", advertiu Calvo no discurso oficial.
"O acto significa a presenza do Estado nunha propiedade que é pública, de todos os españois e, particularmente, dos galegos e galegas"
Antes, aclarou que España "xa non ten un lugar en termos de propiedade privada do ditador do que queremos afastarnos". Ademais, asegurou que a imaxe da apertura deste sábado "vale máis que todo despois de tantas décadas". "Significa a presenza do Estado nunha propiedade que é pública, de todos os españois e, particularmente, dos galegos e galegas", engadiu tras reprochar a ausencia do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, porque o acto é froito tamén "do intento traballo desde Galicia de familias, asociacións e especialistas".
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destaco que os galegos deben sentirse "tremendamente orgullosos dos consensos en Meirás" e referiuse a este sábado como "un gran día para Galicia".
Agora, e tras a apertura dos xardíns, Estado e Xunta, xunto cos Concellos da Coruña e Sada, deberán definir o contido e os usos para a futura apertura do interior das Torres. Malia que todas as administracións coinciden en que sexa un lugar de recuperación da memoria e homenaxe ás vítimas da ditadura e tamén de lembranza de Emilia Pardo Bazán, o Goberno galego insistiu sempre en priorizar a figura da escritora en contra do criterio do Executivo central ou das entidades de memoria histórica e colectivos que levan anos pulando pola recuperación das Torres.
O propio plan de usos que a Xunta propuxo para o Pazo de Meirás, tal e como adiantara Praza.gal, dedicaba apenas seis liñas á memoria e obviaba calquera alusión a como chegou o inmoble ás mans do ditador Franco.
Visitas previa reserva de martes a domingo
Nas visitas polos xardíns, segundo explica o Concello de Sada, ofrecerase unha explicación xeral sobre a orixe e evolución do predio, cos dous momentos importantes: a época de Pardo Bazán coa construción das torres e a partir de 1938 como uso de residencia de verán de Franco.
O percorrido deterase nas fachadas principais das Torres, o vestíbulo, a capela, a granxa de Meirás, así como a árbore senlleira (cocotero de Chile), o bosque de bambús, o paseo dos magnolios ata chegar chega á casa de Xosefa Portela, acabando a visita no monolito conmemorativo da visita dos Reis en 1927. Tamén haberá tempo para uns minutos de visita libre. Todo seguindo todas as medidas de prevención ante a COVID.
As visitas guiadas realizaranse en grupos de 20 persoas como máximo previa reserva no correo electrónico reservaspazodemeiras@sada.gal ou a través dos teléfonos 981620075(Ext 264) ou 638421054. Os grupos completos (excursións organizadas) deberán facer obrigatoriamente a reserva por correo electrónico.
O horario provisional para o verán é de martes a domingos. Martes, mércores e xoves polas tardes de 16 a 18 e de 18 a 20 horas; venres e sábados todo día con catro pases (de 10 a 12, de 12 a 14, de 16 a 18 e de 18 a 20h), e os domingos só polas mañás, de 10 a 12 e de 12 a 14 horas.