A finais do pasado abril, a Audiencia da Coruña estimou un recurso dos herdeiros de Francisco Franco contra o auto dun xulgado da Coruña que, o pasado decembro, nomeou o Estado como depositario de todos os mobles e elementos accesorios do Pazo de Meirás, unha vez recoñecida xudicialmente a propiedade pública das Torres. Os Franco volvían así a beneficiarse nos xulgados das décadas de desleixo oficial sobre os bens acumulados polo ditador.
As esculturas do Mestre Mateo e a biblioteca de Pardo Bazán están protexidas pola figura do ben de interese cultural, pero non sucede o mesmo co resto dos bens que aínda permanecen no interior do pazo mentres a Xustiza dá aos herdeiros do ditador a posibilidade de levalos
En execución desa decisión, esta semana o xulgado concedeu un mes aos Franco para retiraren de Meirás "as cousas, bens ou obxectos" que consideren, agás as que "se atopen nel por ser colocadas" polo Estado tras tomar posesión do complexo. Ao mesmo tempo, concedeu ás partes un prazo de dez días para alegaren contra a petición da familia do xeneral golpista para que "se declare non existente" a "todos os efectos" o inventario sobre os bens do pazo e "se prohiba a súa divulgación".
Nese inventario hai máis de 700 bens. Uns dos máis significativos, as dúas esculturas do Mestre Mateo que formaran parte da composición orixinal do Pórtico da Gloria, están protexidas como Ben de Interese Cultural. Isto implica que non poden ser trasladadas sen permiso expreso da Xunta. A parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que permanece no interior do pazo está en proceso de ser declarada BIC, polo que igualmente os Franco non poden levar os volumes sen permiso.
Pero o resto dos bens non están atinxidos por estas declaracións BIC nin pola que protexe o propio edificio dende o ano 2008 por iniciativa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta. E a Xunta non contempla extendelas aos bens do interior do edificio.
Fontes xurídicas consultadas por Praza.gal confirman que a incoación dun expediente de declaración dos bens mobles do pazo como ben de interese cultural sería a vía máis útil e áxil -dado que o inventario xa está realizado- para frear un posible traslado dos bens. Máis aínda tendo en conta que, dende o momento en que o inicio do proceso é publicado no Diario Oficial de Galicia, os bens afectados non poden moverse sen permiso expreso do Goberno galego.
A Xunta confirma que non prevé emprender unha nova declaración BIC e traslada a posible responsabilidade ao Goberno de España
Esa é a reclamación formulada tamén esta mesma semana polo Concello de Sada, que ademais decidiu acollerse á posibilidade de recorrer o permiso outorgado aos Franco para o traslado dos bens. "Nin un minuto máis de pasividade ante as manobras dos herdeiros do ditador", reclama o alcalde sadense, Benito Portela, para esixir a incoación inmediata do expediente. Tamén o BNG e o PSdeG reiteraron á Xunta esta petición dende o Parlamento nos últimos días.
Pero a Xunta non considera que a pelota estea no seu tellado. Este sábado, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, confirmaba a preguntas da prensa que os Franco xa iniciaron os trámites para tentaren obter o permiso de traslado dos bens que si están protexidos -as esculturas e a biblioteca- e que os servizos xudíricos do Goberno galego están a abordar a petición. Pero ratificaba tamén que a Xunta non vai iniciar unha nova declaración BIC. "Ten que ser o Estado" quen o faga, defende o conselleiro.
No entanto, as mesmas fontes xurídicas consultadas subliñan que o Estado non incoa estes expedientes dende que, a principios dos anos 90, unha sentenza do Tribunal Constitucional delimitou con máis precisión as competencias ao respecto. Dende aquela, a única mudanza significativa foi a recuperación, en 2015, da competencia estatal para declarar BIC determinados bens inmaterais. Pero, polo demais, a execución destas competencias sobre bens materiais segue sendo autonómica.