A Audiencia Provincial da Coruña revoga o depósito do mobiliario do Pazo de Meirás a favor do Estado porque só reclamou o predio. A sección terceira do tribunal vén de revogar o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 do pasado 4 de decembro no que nomeaba a Administración estatal despositaria de todos os mobles e elementos accesorios das Torres, acollendo así o recurso interposto pola familia Franco e deixando sen efecto as medidas cautelares.
A Audiencia Provincial revoga o auto que nomeaba o Estado depositario de todos os mobles e bens do Pazo
Ademais, a Audiencia condena o Estado a indemnizar a familia do ditador polos danos e perdas que que lles ocasionase a orde agora anulada. No seu auto, os maxistrados aclaran que neste momento procesual --no da execución provisional da sentenza que outorga a titularidade do Pazo ao Estado-- non procede a discusión sobre a quen lle pertence o mobiliario, xa que a Administración non o reclamou na súa demanda inicial.
A Audiencia abre a porta a que o Estado demande noutro preito a titularidade dos mobles que considere propiedade de Patrimonio Nacional
Con todo, o tribunal deixa aberta a posibilidade de que a Administración poida demandar noutro preito a titularidade dos mobles que considere propiedade de Patrimonio Nacional asignado ao uso do xefe do Estado. “Ese argumento non pode ser tido en consideración neste trámite. Estase a executar unha sentenza, polo que só se pode entrar no que di a parte dispositiva da resolución xudicial. Eses argumentos poderá utilizalos, se fose o caso, como fundamento dunha demanda en que reivindique o mobiliario”, indica a Audiencia.
Na resolución, contra a que non cabe interpoñer recurso, os maxistrados explican que “unicamente se demandou, e así se estimou, un dereito de propiedade sobre unha parcela catastral”, polo que consideran “evidente” que o concepto de “inmoble por incorporación” nunca podería estenderse “a mesas, cadeiras, vaixelas, alfombras ou cadros”.
O inventario do Pazo levado a cabo por técnicos de Patrimonio incluíu arredor de 700 bens, entre os que destacaban mobles e obxectos "de índole marcadamente institucional" e que pertenceron á familia real.
Agora, os xuíces da Audiencia lembran que, de acordo coa Lei de axuizamento civil, quen está obrigado a entregar a posesión dun inmoble ten dereito a retirar os mobles non comprendidos na executoria da sentenza, tal e como reclamaran os Franco, que en declaracións a Europa Press aseguran que se "fixo xustiza".
Os xuíces advirten que o Estado puido solicitar que unha comisión xudicial supervisase a retirada do mobiliario para evitar que se levasen bens que son parte do Pazo
No auto do xulgado do pasado decembro, advertíase que a decisión de prohibir retirar bens do recinto sen informar previamente aos Franco respondera “a unha situación de urxencia patente”, pois os herdeiros do ditador contrataran vehículos para levalos, ou cando menos así o afirmaron nunha entrevista concedida ao xornal La Razón a comezos do mes de novembro.
“Se a finalidade do Estado era evitar que se puidesen esgazar elementos arquitectónicos que se deben considerar parte do inmoble, nada obstaba a que solicitase que estivese presente a comisión xudicial cando se procedese á retirada do mobiliario”, destaca o tribunal, quen engade que outra opción sería promover anticipadamente un incidente de execución “a fin de determinar que elementos deben considerarse inseparables, como podería ser a discusión sobre un cruceiro, un hórreo ou elementos pétreos do xardín, ou un retablo ou outros obxectos, pero non establecer que non pode retirarse ningún moble”.
Esta opción foi reclamada en diversas ocasións polo alcalde de Sada, Benito Portela, que advertira da necesidade de solicitar a incoación dun expediente para incorporar o resultado do inventario á declaración Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo por parte da Xunta. "Independentemente da titularidade de calquera das cousas, deben permanecer dentro porque teñen un interese en conxunto", explicaba.
O auto lembra que a Lei de patrimonio de Galicia “non establece ningunha perda de propiedade civil” por parte dos titulares dos bens declarados BIC
Así, os xuíces lembran ademais que, malia o depósito dos mobles solicitado polo Estado dentro do trámite de execución provisional da sentenza, “en ningún momento a Administración anuncia unha futura demanda para postular a propiedade dese mobiliario”. E o auto aclara que para adoptar unha medida cautelar ten que estar vivo un litixio xudicial (ou manifestar que se presentará a demanda en prazo perentorio), o que non sucede neste caso. Os maxistrados recalcan que na resolución de primeira instancia “non se di que os mobles sexan propiedade do Estado, nin nunca se tocou esa cuestión en todo o litixio”.
No auto, o tribunal advirte que só as dúas estatuas do Mestre Mateo están catalogadas como BIC, á vez que sinala que a Lei de patrimonio de Galicia “non establece ningunha perda de propiedade civil” por parte dos titulares deses bens polo feito de estaren catalogados.
Os xuíces salientan que na demanda non se reivindica “un ben de interese cultural como conxunto formado tanto por bens mobles e inmobles” e indican que “nin existe esa declaración administrativa, nin é o recoñecido en sentenza”.