A Xunta evita responder ao Estado sobre que bens poden retirar os Franco de Meirás

Imaxes dalgúns dos bens do inventario do Pazo de Meirás CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

O Estado propón que os Franco só poidan levar do Pazo de Meirás, polo momento, os electrodomésticos e os bens que non aparecen no inventario elaborado pola Xunta, agás fondos bibliográficos, alfombras e "elementos textís de todo tipo". 

A Avogacía do Estado, en resposta á demanda da xuíza, propón que os Franco só leven de Meirás os electrodomésticos e os bens que non aparecen no inventario

Así o solicita a Avogacía do Estado nun escrito presentado ante o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña en resposta á solicitude da xuíza, que reclamara unha aclaración sobre os bens que podían retirar os herdeiros do ditador das Torres, declarado patrimonio público por unha sentenza executada provisionalmente á espera da resolución do recurso. 

Pazo de Meirás © Xunta

No escrito, ao que tivo acceso Praza.gal, aclárase que non formarían parte dos bens inventariados "as roupas e os obxectos de uso persoal, nin os enxovais domésticos de uso diario ou habitual no actual funcionamento da vivenda, nin o mobiliiario e os obxectos meramente funcionais que existen nas dependencias de servizo". 

Ademais, a Avogacía do Estado matiza que, "adicionalmente", poderase valorar a entrega dalgún outro ben concreto e mesmo dalgúns bens xa inventariados no caso dunha petición "de forma singularizada" por parte dos Franco e "a medida que fose posible precisar mellor o seu grao de conexión co BIC e cos usos futuros deste". 

A Avogacía do Estado pediu ao Goberno central e á Xunta que achegasen as súas matizacións sobre a proposta, pero o Executivo de Feijóo nin respondeu

Para levar a cabo esta proposta sobre os bens que poden ser retirados pola familia do ditador, aclara a Avogacía do Estado que solicitou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, a Patrimonio Nacional e á Secretaría de Estado de Memoria Democrática que manifestasen as súas "matizacións, precisións ou correccións"

Segundo explica, tanto Patrimonio Nacional como a Secretaría de Estado "manifestaron de forma expresa a súa conformidade" co criterio da Avogacía do Estado, que destaca, no entanto, que a Consellería "non formulou matizacións, precisións ou correccións respecto a esta formulación no prazo no que se lle solicitou que manifestase o seu parecer". Xa que logo, a Xunta non contestou á demanda da Avogacía do Estado mentres si o facían os dous organismos consultados do Goberno central. 

Fotografías e documentos incluídos no inventario de Meirás elaborado por Patrimonio Cultural CC-BY-SA Praza Pública

A xuíza Marta Canales xa acordara unha medida cautelar para decretar o depósito de todos os bens mobles do Pazo, agás aqueles de estrito uso persoal ou que non achegasen nada á significación das Torres como BIC ou aos seus futuros usos. A familia do ditador recorrera aquel auto e alegaba que o decreto que declarou Ben de Interese Cultural o inmoble non incluía ningún anexo sobre os bens, unha aclaración que solicitara, por exemplo, o Concello de Sada para deixar claro que obxectos non poderían ser sacados do interior en ningún caso. 

Ademais, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña emitiu a pasada semana unha dilixencia na que informa da entrega das chaves da vivenda dos gardiáns do Pazo de Meirás, que foi realizada no último día do prazo fixado pola maxistrada. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.