As bases do plan de usos das Torres de Meirás que adiantou a Xunta pretenden priorizar a figura de Emilia Pardo Bazán sobre a memoria histórica nos futuros proxectos para o Pazo. Se xa Núñez Feijóo deixara claro nas súas declaracións e na primeira reunión coas diferentes administracións para abordar o tema a súa preferencia polo legado da escritora, este venres foi o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen apostou por destacalo e diluír a reivindicación democrática e das vítimas da ditadura.
A Xunta avoga por priorizar a figura de Pardo Bazán no futuro de Meirás e reservar para os xardíns o espazo exclusivo para a memoria histórica
"Para Galicia é máis interesante que sexa o Pazo de Emilia Pardo Bazán e non o Pazo de Franco", dixo Rodríguez, quen avogou por esta "diferenza positiva" en favor da escritora e de quen "construíu impulsou e viviu" no inmoble fronte a "quen o ocupou".
Malia que o resto de administracións implicadas no debate sobre os futuros usos do Pazo --Estado, Concello de Sada e Deputación da Coruña-- avogan por cando menos igualar o peso da memoria histórica ao da escritora, a Xunta insiste en priorizar o legado de Pardo Bazán e en reservar a parte fundamental dedicada ás vítimas da ditadura e á reparación aos "xardíns" e espazos verdes do predio.
Non é esa a idea do Estado, propietario das Torres tras a execución provisional da sentenza xudicial, que aposta por que o público que se achegue a Meirás atope alí "a historia e a verdade do ocorrido, coa presenza de Franco pero con unha ollada propia da memoria democrática". Porque tanto o pasado literario, nobiliario e burgués do inmoble como a súa importancia política e de memoria son claves á hora de valorar a súa importancia.
A declaración BIC de 2008 xa destaca que a importancia do Pazo está "indubidablemente asociada" tanto a Pardo Bazán como a Franco
Así o lembraba xa, hai case doce anos, o decreto 299/2008 do 30 de decembro polo que se declararon Ben de Interese Culturas (BIC), coa categoría de sitio histórico, as Torres de Meirás. Foron os informes claves para a declaración do Pazo como BIC os que destacaron que tanto ou máis importante foi a relevancia que o inmoble ten por ter sido a residencia estival do ditador fascista como a súa orixe como por ser a "recreación arquitectónica" de Pardo Bazán.
Así se le na propia declaración BIC, que destaca que "para os efectos de valorar a oportunidade de proceder á declaración como Ben de Interese Cultural das Torres de Meirás", os informes do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Real Academia Galega de Belas Artes "non consideraron tan decisivos os seus valores arquitectónicos ou artísticos, senón a súa destacada importancia como lugar de memoria, reflexo dun pasado burgués, cosmopolita, nobiliario e político, indubidablemente asociado con dúas personalidades históricas de gran notoriedade".
Refírese, obviamente, á "eminente escritora galega Emilia Pardo Bazán, unha das máis salientables representantes españolas do naturalismo literario, e a figura de Francisco Franco, xefe do Estado español durante 40 anos".
A declaración BIC advirte de que "a memoria histórica impide esquecer a estreita vinculación das Torres coa figura de Franco"
Ademais, a propia declaración BIC advirte que as institucións culturais consultadas "entenden tamén que a memoria histórica impide esquecer a estreita vinculación das Torres de Meirás coa figura de Francisco Franco desde o ano 1939, pois, a partir desta data, o pazo convértese nun referente arquitectónico, acaso na construción máis mediática de toda a etapa franquista, pois foi a residencia estival do xefe do Estado español durante case catro décadas, e alí tiveron lugar numerosos consellos de ministros, visitas de estado, recepcións oficiais e diversos actos, que foron enchendo unha vida histórica que superou sobradamente o marco xeográfico da Galicia de Emilia Pardo Bazán".
Os argumentos da declaración BIC do Pazo, xa que logo, coinciden coa que varias administracións, nomeadamente o Concello de Sada, esgrimen para reclamar que as Torres teñán como base para os seus futuros usos o legado de Emilia Pardo Bazán, pero tamén, e como mínimo á mesma altura, a instauración dun lugar de memoria histórica e de reparación das vítimas do franquismo.
Comisión de seguimento, este martes
O Goberno central convocou para o vindeiro martes a Comisión de Seguimento do Pazo de Meirás, unha xuntanza na que participará tamén o Goberno galego, o Concello de Sada, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. O obxectivo da reunión é definir os detalles dunha "xestión coordinada, participativa e proactiva deste ben de interese histórico e preparar a súa apertura ao público".