Benito Portela, alcalde de Sada, acode este mércores á reunión que na Delegación do Goberno manterán a vicepresidenta primeira do Goberno central, Carmen Calvo, co presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso; a rexedora da Coruña, Inés Rey; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para debater a xestión e usos do Pazo de Meirás tras a sentenza de primeira instancia que ordena a súa devolución ao Estado. Será na previa dun "día histórico", o da entrega do inmoble ao patrimonio público por parte dos Franco, e logo de se coñecer o inventario dos bens que nas Torres gardaban os herdeiros do ditador, que alegan agora ante a xuíza que a imprecisión sobre os obxectos vinculados ao BIC permitiríalles retiralos, nunha reclamación da que xa advertira o rexedor sadense.
"Hai que decidir canto antes que bens forman parte do BIC; entendemos que un sitio histórico está constituído polo continente e polo contido"
Queixouse aínda esta semana de que o inventario é "incompleto, impreciso e omisivo" ao non asociar os bens á categoría BIC do Pazo...
Os Franco veñen de utilizar nun escrito presentado ante o xulgado precisamente esta eiva. Advirten de que non se aclara que obxectos poden levar ou non porque non se determina cales están vinculados á categoría BIC do inmoble como sitio histórico.
Esa fenda aberta pode provocar que os Franco acaben levando do Pazo obxectos que deberían formar parte do conxunto?
A día de hoxe non porque os Franco non poden mover nada, de forma cautelar, por orde xuidicial, pero hai que decidir canto antes que bens participan do BIC pola súa procedencia, orixe ou función e que, polo tanto, deben permanecer no Pazo. Entendemos que un sitio histórico está constituído polo continente e mais polo contido. Se parte do contido que lle dá valor ao conxunto non permanece no Pazo, poden verse condicionados os seus posibles usos futuros.
"Desde a campaña polo Estatuto do 36 ata o espolio da oligarquía para regalar a Franco un Pazo pasaron só dous anos; logo tardamos 82 en recuperalo"
Que sente o alcalde de Sada logo de tantos anos a poucas horas de que o Pazo sexa devolto polos Franco ao patrimonio público?
É unha medida provisional, pero cando me vexo a poucas horas da entrega do Pazo fágome unha reflexión... Estamos conmemorando este ano o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo ou da Xeración Nós, asistimos a exposicións onde vemos todos os carteis da campaña a prol do Estatuto de 1936, obras de Castelao, de Díaz Pardo, de Camilo Díaz Baliño... E penso no que podería ter sido o noso país se non se chega a producir o golpe militar e a guerra civil. Só dous anos despois daquilo, a oligarquía da zona xuntouse para facer un espolio á cidadanía e regalarlle ao ditador un Pazo. En só dous anos dilapidouse un soño, unha ilusión, e logo tardamos 82 en recuperar as Torres de Meirás. Penso, agora, en que podería ter sido Galicia se aquilo non tivese ocurrido, que sería do país se non tivesen que emigrar ou non fosen represaliados ou fusilados todos aqueles representantes do tecido artístico e cultural; se non sufrísemos aquela eliminación ideolóxica e física.
"A devolución do Pazo debe ser e será o primeiro chanzo dun proceso máis amplo de recuperación de todos os bens que espoliaron os Franco"
É o Pazo de Meirás un dos últimos símbolos daquela etapa negra que, nalgúns aspectos, chega aínda aos nosos días?
Espero que sexa o primeiro símbolo, o primeiro chanzo da recuperación total de todos os bens que foron espoliados polos Franco ao patrimonio público. Entendo que este proceso debe ser e será o primeiro doutro máis amplo de recuperación para que os herdeiros do ditador deixen xa de gozar de todos eses privilexios.
Cando chegou á alcaldía, hai máis de cinco anos, pensou que asistiría á entrega do Pazo por parte dos herdeiros do ditador?
Así como o proceso xudicial vai rápido, o que foi moi lenta foi a acción reivindicatoria para recuperar o Pazo para o patrimonio público. Tardamos moitos anos en facer xustiza, en reclamala. Quizais houbo unha omisión por parte do Goberno de Estado ao non ter presentado a demanda durante moitos anos.
"Tardamos moitos anos en reclamar e facer xustiza, en presentar a demanda para recuperar o Pazo. Quizais houbo omisión por parte do Goberno central"
Desde que chegou a democracia, pasaron máis de 40 anos ata que o Estado reclamou a propiedade do Pazo. Antes, un desleixo que permitiu aos Franco desfrutar e gabarse da súa presenza no inmoble sen impedimento ningún...
Descoñezo as razóns polas cales non se fixo antes nada e igual non se pode valorar, pero tampouco debemos esquecer que aínda en 2017 presentouse unha iniciativa para a recuperación do Pazo que non se aprobou no Parlamento galego, e que en 2018 a demanda foi xa unánime na Cámara. En só un ano, houbo un cambio de opinión que foi determinante porque esa unanimidade das forzas democráticas para reclamar as Torres de Meirás foi o pulo inicial para logo a chegada logo do proceso xudicial. Obviamente, todo chegou tarde, tardamos moitos anos ata que alcanzamos este momento histórico.
A que cre que se debeu ese cambio en moitas posturas en poucos anos ou meses?
Houbo moitas cousas que influíron. Fomos coñecendo noticias sobre os privilexios dos que gozaban os Franco e as persoas que dirixían o réxime, a conciencia social sobre que se cadra non todos eramos iguais foi medrando. Houbo unha conxunción de feitos que axudaron a esa unanimidade que foi determinante e o cambio de goberno en Madrid tamén axudou. Ademais, as investigacións de colectivos da memoria e historiadores foron demostrando as irregularidades no proceso de obtención do Pazo, a nulidade da escritura de compravenda... Todo levou á determinación de que era necesario incorporalo ao patrimonio público.
Tendo en conta a relevancia do acto de entrega, será discreto ou haberá celebración?
Descoñecemos o protocolo e o contido do acto ata que nolo comunique o Estado na reunión. Sabemos que é un día histórico, pero hai que ter moita cautela porque estamos en pandemia e temos unhas restricións que hai que respectar.
"Non debemos esquecer que aínda en 2017 a demanda para a recuperación do Pazo non foi aprobada no Parlamento; en 2018 foi unánime"
O Concello de Sada a xestión compartida do Pazo e engade, ao lugar de memoria histórica democrática e de Pardo Bazán, a posibilidade doutros usos. Cales?
Que o Pazo sexa un lugar de memoria histórica democrática, do que foi o franquismo e a historia do propio Pazo, e tamén de memoria de Pardo Bazán, da súa vida e obra, son dous obxectivos e usos innegociables, deben ser o mínimo común denominador. Respecto doutros usos que se lle poidan dar, sempre deben ser usos dotacionais públicos. Que outros? Estudarémolos, pero temos que mirar o uso turístico que se lle pode dar, por exemplo. En todo caso, creo que debemos ser cautelosos e que debe haber un consenso entre todas as administracións ao xeito do que houbo para conseguir recuperar o Pazo. Por permitir usos a maiores non podemos deteriorar os que debe ter de por si, non por incluír algo máis debemos desvirtuar o contido da memoria democrática e de Emilia Pardo Bazán.