Como acontecera antes na resposta ao recurso dos Franco á sentenza que outorgaba ao Estado a propiedade do Pazo de Meirás, a Audiencia Provincial da Coruña volveu responder a outro recurso da familia --neste caso contra o que nomeou a Administración depositaria dos bens do interior-- asumindo algunhas das teses dos herdeiros do ditador e evidenciando que décadas de desleixo por parte do Goberno central e da Xunta co que acontecía nas Torres ten agora as súas consecuencias e atrancos xurídicos.
A Audiencia da Coruña volve responder a un recurso dos Franco asumindo varias teses dos herdeiros do ditador
O tribunal revoga o auto do xulgado que nomeaba o Estado despositario de todos os mobles e elementos accesorios do Pazo, advírtelle que só reclamou o predio, condénao a indemnizar a familia Franco e anula as medidas cautelares que, segundo din os xuíces, "dexeneraron nunha incautación de todos os bens mobles existentes no interior do Pazo".
A Audiencia, moi dura coa Administración, argumenta que a a titularidade dos bens debía ser obxecto doutro preito xa que non foron reclamados polo Estado na demanda inicial. E lémbralle que España configúrase "como un Estado social e democrático de Dereito" e que a "proclamada igualdade ante a lei non só non distingue, senón que prohibe distinguir". "Non caiamos no que dicimos que rexeitamos", din os maxistrados nun auto moi crítico.
Nel recorda que na sentenza que devolve o Pazo ao Estado non se condenou aos Franco a entregar os mobles existentes e que as medidas cautelares polas que se prohibiu que fosen retirados alertan que deben considerarse do Estado por ser parte dun Ben de Interese Cultural (BIC), polo que "interpreta" que debe tratarse como unha unidade histórica conformada "tanto polo inmoble como polos mobles".
A Audiencia reprocha "que se diga por vía interpretativa" o que a sentenza non explicita. "Non se di que os mobles sexan propiedade do Estado nin nunca se tocou esa cuestión en todo o litixio", aseguran os xuíces, que aclaran que só as estatuas do Mestre Mateo "teñen a consideración de BIC" porque "o resto dos mobles nunca foron declarados ben de interese cultural pola Xunta de Galicia".
Os xuíces lembran que só as estatuas do Mestre Mateo "teñen a consideración BIC" e que o resto dos mobles "nunca foron declarados BIC pola Xunta"
Os maxistrados lembran tamén que a Lei do patrimonio cultural de Galicia non establece ningunha perda de propiedade civil por parte dos titulares dos bens de interese cultural". Con todo, advirte que o Estado, na súa demanda, "non reivindica un BIC como conxunto formado tanto por bens mobles e inmobles" e que "unicamente se demandou, e así se estimou, un dereito de propiedade sobre un predio catastral". "Nin tan sequera se reivindicaron a totalidade dos terreos que forman realmente o Pazo de Meirás", insisten.
A declaración BIC, que si afecta ás estatuas do Mestre Mateo, si pon condicións ao propietario, como o deber de conservación, o acceso ao ben ou a solicitude de autorización para o seu traslado. Desde hai xa meses, o Concello de Sada, tanto en vía xudicial como en administrativa, advertira da necesidade de que a Xunta relacionase aqueles bens mobles que pola súa significancia quedaban asociados á categoría de sitio histórico, na que continente (ben inmoble) e contido (bens mobles) conforman un todo unitario.
O Concello de Sada insiste en pedir "de xeito inmediato e urxente" que a Xunta relacione os bens mobles asociados ao BIC para evitar que os Franco os retiren
Agora, e "unha vez coñecido o lamentable auto da Audiencia Provincial", o Concello demanda á Xunta que "de xeito inmediato e urxente acorde a incoación de expediente de modificación do decreto de declaración BIC do Pazo" para incluír no seu anexo "a relación de bens mobles que quedan asociados á categoría de sitio histórico". Esta incoación, unha vez publicada no DOG, "outorgaría automaticamente aos devanditos bens as debidas cautelas para evitar que os Franco poidan exercitar o dereito de retirada que o desatinado auto lles recoñece".
"Por desgraza, nin o Xulgado no seu momento, nin a Xunta atenderon tal demanda, que agora é mais urxente e necesaria se queremos evitar que os Franco retiren bens mobles de significativa e relevante importancia cultural e patrimonial", di o Concello, que advirte ao Goberno galego de que "despois pode ser tarde". "O Pazo de Meirás quedaría degradado e desvalorizado se retiran os bens mobles do seu interior”, insiste.
“O Estado non incautou nada", respondeu o alcalde de Sada a algún dos termos empregados polos xuíces no auto. "Quen se apropiou de bens durante anos foron os Franco. O Estado de Dereito tamén é a defensa da integridade dun BIC”, asegurou Benito Portela.
Desde a Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou este martes que era "prematura poder facer unha valoración" sobre o auto da Audiencia xa que os servizos xurídicos da Administración galega estábano "a estudar". O presidente Feijóo, pola súa banda, destacou que os xuíces "non poñen en cuestión" a titularidade pública do Estado, pero insta a "dilucidar" se "están reclamados ou non" os bens mobles e accesorios das Torres, unha cuestión que os maxistrados deixan clara no propio texto.
O Bloque exixe á Xunta que "faga valer a protección como BIC do Pazo e non autorice o traslado dos seus bens"
Ademais, desde o BNG, o seu deputado Luís Bará sinalou as "responsabilidades de Xunta e Goberno estatal pola nefasta defensa dos intereses públicos” ao non levar “ata as últimas consecuencias” o que se deriva dos inventarios realizados en Meirás que, segundo incide, “poñen de manifesto a existencia de numerosos bens que forman parte de coleccións reais, de coleccións do Patrimonio Nacional, obras de arte e bens de carácter público”.
O Bloque exixe á Xunta que "faga valer a protección como BIC do Pazo e non autorice o traslado dos seus bens", tras criticar o “tufo franquista” do auto, que se "une ao conxunto de autos deste tribunal que configuran unha auténtica xustiza ao revés”. Segundo Bará, a condición do Pazo como Ben de Interese Cultural na categoría de "sitio histórico" supón a protección integral do continente e do contido.
"Sitio histórico"
Precisamente, e malia non estaren detallados todos os bens no decreto BIC, fontes do equipo da Consellería da Cultura que o elaborou hai máis dunha década aseguran que, precisamente, é a declaración de Meirás como BIC na categoría de "sitio histórico" e non na de "monumento" a que permite que esa protección abranga todas as pezas que forman parte do conxunto. Para a Audiencia, nin o Estado reivindicou un BIC nin, no seu caso, o fixo de forma global incluíndo os bens do interior das Torres.
Entre as pezas inventariadas por técnicos de Patrimonio o pasado mes de decembro, mobles e bens "de índole marcadamente institucional" e que pertenceron á familia real, as "esculturas pétreas" de Abraham e Isaac do Mestre Mateo --polas que o Concello de Santiago mantén unha batalla xudicial cos Franco--, unha bula papal enmarcada, numerosos e valiosos lenzos, unha ánfora fenicia, tallas relixiosas, un sarcófago de pedra, moitos trofeos de caza, bustos, así como innumerables pezas de mobiliario de todo tipo e época. Ademais, un fondo bibliográfico con milleiros de libros, gran cantidade de alfombras ou retablos, entre outros.