Acordo con matices no Parlamento para ampliar a protección aos bens do interior de Meirás e que os Franco non os leven

Un salón do pazo de Meirás © Mikeli

A Xunta ten as competencias executivas para aprobar declaracións de ben de interese cultural (BIC). Aínda que o Estado non se ocupa de executar estes expedientes dende que, en 1991, unha sentenza unha sentenza do Tribunal Constitucional delimitou con máis precisión as competencias ao respecto, a Xunta descartaba a pasada semana aplicalas sobre os bens que permanecen no interior do pazo de Meirás, non atinxidos pola declaración BIC do edificio. Como o inmoble agora é titularidade do Estado, pediron ao Goberno de España que o fixese.

O PP aceptou aprobar a iniciativa formulada polo BNG, pero introducindo unha emenda que mantén na ambigüidade o destinatario último da petición: substitúe a expresión "incoar" o expediente por "defender a incoación" días despois de pedir que se encargase de facelo o Goberno de España

Esta eventual ampliación da declaración BIC, solicitada polo Concello de Sada e pola oposición parlamentaria galega, sería clave neste momento para, dende o momento mesmo da súa incoación, frear a posibilidade de que os herdeiros do ditador extraian bens do pazo sen control ningún. Isto é, para impedir ou cando menos paliar os efectos da resolución xudicial que, o pasado abril, lles permite retirar obxectos das Torres.

A cuestión chegou este mércores ao Parlamento a través dunha iniciativa do BNG, defendida polo deputado Luís Bará na comisión Institucional. O texto defendido por Bará buscaba pedir directamente á Xunta "incoar de maneira urxente o procedemento para a inclusión no BIC Torres de Meirás", impulsado pola Xunta na etapa do Goberno de coalición PSdeG-BNG, "dos bens mobles que pola súa vinculación no inmoble forman parte inseparábel nel" e, por conseguinte, a "aplicación provisional a estes bens mobles do réxime de protección previsto" para os BIC. Isto é, por exemplo, que non poidan trasladarse sen o visto e prace da Xunta.

Luís Bará, deputado do BNG, defendendo a iniciativa sobre a ampliación do BIC de Meirás CC-BY-NC-SA BNG

O PP aceptou aprobar a iniciativa, pero introducindo previamente unha emenda que mantén na ambigüidade o destinatario último da petición. Así, segundo a iniciativa aprobada por unanimidade (cos votos a prol de PP, BNG e PSdeG), o Parlamento insta a Xunta a "defender a incoación de maneira urxente do procedemento para a inclusión no BIC Torres de Meirás dos bens mobles que pola súa vinculación co inmoble forman parte inseparable del". É dicir, atendendo á literalidade da iniciativa -que en calquera caso, non é vinculante para o Goberno-, o Executivo galego pode dala por cumprida volvendo reclamar ao Goberno de España que o faga.

Bará recalca que a petición do Bloque pasa por que sexa a propia Xunta a que inicie o expediente decontado para "impedir o espolio de máis de 600 bens, incluídos os pertencentes a Emilia Pardo Bazán"

Bará, autor do texto orixinal, recalca que a petición do Bloque pasa por que sexa a propia Xunta a que incoe de inmediato o expediente. Trátase, sinala o parlamentario nacionalista, de "impedir o espolio de máis de 600 bens" por parte dos herdeiros de franco, "incluídos os pertencentes a Emilia Pardo Bazán".

O resto da iniciativa aprobada por unanimidade inclúe varias peticións ao Estado. Entre elas, "impoñer as accións xudiciais pertinentes para defender a titularidade pública" dos bens do interior do Pazo -o Goberno de España afirma que está a traballar xa nesta dirección- e traballar "conxuntamente" co Goberno galego para "impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista". Neste sentido, e neste caso si con maior claridade, o Parlamento pide á Xunta que "advirta á familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.