"Defende Meirás". É o lema baixo o que diversas entidades memorialistas galegas veñen agrupándose, a xeito de plataforma, para "afirmar a propiedade pública" do Pazo de Meirás, unha vez lograda nos tribunais, e "reivindicar a protección de todos os bens do espazo", tanto do propio edificio como de todo o que contén fronte á "rapina" dos herdeiros de Franco.
"Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou" subliñou o movemento 'Defende Meirás' na primeira marcha tras a sentenza xudicial que ratificou que o pazo é patrimonio público e non dos herdeiros do ditador
Estas foron as liñas mestras por tras da mobilización celebrada este 19 de xuño na contorna do pazo. O Pazo para o pobo e a memoria, reivindicou en torno a un milleiro de persoas que sumaron unha reivindicación máis á reclamación de protección para o histórico recinto e o seu uso principal como espazo de memoria histórica: que o Goberno de España, agora titular do inmoble en virtude do disposto pola Xustiza, permitise esa reivindicación no seu interior.
A plataforma Defende Meirás programara os actos deste sábado para ser celebrados nos xardíns do recinto. Pero non obtivo autorización para facelo por parte do Estado, que finalmente programou a primeira reapertura dos xardíns tras a saída dos Franco para finais deste mes. "Estamos aquí -explicou ante Meirás o investigador Carlos Babío- porque a batalla por Meirás non rematou".
A música das Tanxugueiras e a parodia reivindicativa interpretada por Isabel Risco e Fernando Morán acentuaron o ton festivo dunha marcha que, destaca a propia plataforma, puido celebrarse no exterior do pazo "sen incidentes e con escasa presenza das forzas de seguridade". Alén da celebración pola saída dos Franco, nos actos estivo tamén moi presente a lembranza das vítimas da ditadura máis vencelladas a Meirás, "aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador" ou "tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade". Tamén polas persoas que na contorna "padeceron persecución por ser veciñas e veciños do ditador", ilustrou o historiador Manuel Pérez Lourenzo.
A plataforma lamenta que o Estado non permitise celebrar o acto nos xardíns do Pazo: "Nunha democracia normal, as portas estarían abertas", afirman
Neste contexto, Babío reitera que "dende a última marcha a Meirás mudou algo moi significativo: o Pazo agora é patrimonio do Estado", se ben "o que non mudou é o lado do muro no que temos que manifestarnos" porque "seguimos sen poder entrar". "Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas", lamenta Babío. Alén da xornada reivindicativa deste sábado, os movementos pola memoria histórica subliñan que "de agora en diante, Meirás debe servir para honrar a memoria das vítimas", con independencia "doutras funcións e valores que o conxunto atesoura".
Que a memoria histórica sexa o eixo fundamental dos usos de Meirás e que todos os seus bens sexan protexidos fronte aos intentos dos Franco de quedar con eles é unha reivindicación que ten o apoio dos case 70 colectivos que forman parte da plataforma. Entre eles atópanse formacións políticas como o BNG, Unidas Podemos ou Marea Atlántica. Así, na marcha participaron a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ou o deputado de Podemos no Congreso Antón Gómez-Reino, entre outros cargos. Tamén secundan a iniciativa os principais sindicatos e diversas entidades culturais e de defensa da memoria.