"Non queremos que Humberto quede como un asasino. Queremos que quede como o que é: un asasinado"

Flor Baena, irmá de Humberto © http://solidaridadxosehumbertobaena.blogspot.com/

"Papá, mamá: Executaranme mañá. Quérovos dar ánimos. Pensade que eu morro, pero que a vida segue". Deste xeito despedíase de seus pais Xosé Humberto Baena na derradeira carta que lles escribiu. Este sábado 27 será o 39º aniversario dos últimos fusilamentos da ditadura, os de tres militantes do FRAP (ademais de Baena, o tamén vigués José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz), e dous de ETA (Ángel Otaegui e Juan Paredes Manot Txiki). Os últimos asasinatos do franquismo como réxime, resultado dun proceso xudicial acelerado e inzado de irregularidades. Unha suposta demostración de forza dunha ditadura que esmorecía e que sete semanas despois vería morrer o seu líder. Unha mostra de miseria mais. 

Dende o primeiro momento a familia de Xosé Humberto Baena denunciou o inxusto do proceso e loitou, sobre todo dende a caída das estruturas franquistas, para que se reabrise o caso e se recoñecese a inocencia do seu familiar. Nesa loita embarcáronse primeiro os pais de Xosé Humberto e, falecidos eles, continuou a súa irmá Flor. En 2002 levaron o caso ante el Tribunal Constitucional, que se inhibiu. Despois dirixiron os seus esforzos ao ámbito internacional, ao Tribunal dos Dereitos Humanos da Haia e á ONU, que tampouco quixeron actuar.

"A xuíza Servini é unha persoa seria e teimuda, que cando comeza algo chega até o final. E dáme a impresión de que cantos máis obstáculos lle poñen, ela máis se aferra á súa maneira de facer as cousas"

Agora, dende o comezo da querela arxentina contra os crimes da ditadura franquista, a familia Baena colabora coa xuíza María Servini para que os altos cargos do réxime aínda vivos sexan xulgados "Vai moi lento, pero o caso é que vaia", destaca Flor Baena, que di ter "esperanzas" porque "a xuíza Servini é unha persoa seria e teimuda, que cando comeza algo chega até o final. E dáme a impresión de que cantos máis obstáculos lle poñen, ela máis se aferra á súa maneira de facer as cousas". Despois de que a avogada dos Baena viaxase a Arxentina, as presións do Goberno español impedíronlle realizar unha entrevista con Servini vía video conferencia. Porén, está previsto que a xuíza viaxe a España nos vindeiros meses para realizar os contactos pendentes, entre eles, o dos Baena.

Sobre a mesa, un amplo e documentado conxunto de iregularidades no xuízo que determinou a culpabilidade de Xosé Humberto, excesivas mesmo para un tribunal franquista. Flor Baena define a execución do seu irmán como un "asasinato de Estado" e denuncia que "a sentenza estaba ditada de antemán". "Non aceptaron probas de testemuñas presenciais, probas de balística, todas as probas que non coincidían coa súa visión non se puideron presentar", engade. "Pero non queren reabrir o proceso" -di- "Mentres non morran os que estaban antes, e os seus familiares, non se vai facer xustiza. Se cadra eles xa non están no poder, pero están os seus fillos, ou sobriños".

Flor Baena repite que "nós non queremos que ante a historia quede como un asasino. Queremos que quede como o que é, como un asasinado, que é completamente distinto". E relata que "na media hora previa a que o matasen, de seis e media a sete da mañá, cando meu pai e o meu irmán maior puideron estar con el, Humberto pediulles que 'o día de mañá cando os fillos da miña irmá sexan grandes, que lles conten a verdade, que non se avergoñen de min'". "Ao mes seguinte o meu pai escribiu unha carta moi longa, na que explicaba todo o que pasara. E iso quedou certificado para os meus fillos. E eles non viron esa carta até que fixeron 18 anos", engade. E conclúe: “Queremos cumprir coa súa vontade, queremos que todo o mundo saiba que foi inocente”.

 

"Que se saiba a verdade"

"Nós non queremos que ante a historia quede como un asasino. Queremos que quede como o que é, como un asasinado, que é completamente distinto"

Na súa procura da verdade, Flor Baena entrou en contacto coa familia do policía morto en 1975 e de cuxo asasinato culparon a Xosé Humberto, para que participase no documental Septiembre del 75 . "Non quixeron participar"-di- "E non o entendo. Se eles querían xustiza para el, pois non se fixo xustiza, porque o seu asasino non foi condenado, hai un culpable libre. Deberían buscar a xustiza e a verdade".

Tamén lles pediu en varias ocasións a algúns dos compañeiros de Xosé Humberto no FRAP (algúns condenados tamén a morte e indultados, coma Vladimiro Fernandez Tovar, Manuel Blanco Chivite ou Pablo Mayoral) que fixesen público todo o que soubesen sobre o caso. Mesmo afirma que o propio Fernández Tovar lles confesou que “Baena non foi, Baena non estaba alí”. Pero que se negou a dicir quen fora: “De momento non podemos dicir quen foi. Máis adiante”. “Por que máis adiante? A que agardan? Se pasaron 39 anos e o crime está prescrito”, láiase Flor Baena. 

 

Un día de homenaxe e recordo

"Cada vez que teño que andar nos seus papeis, nas súas cartas, pásoo mal. É unha ferida que está aí, solapada, e que sempre se volve abrir. Non puidemos pechar esa ferida"

Este sábado 27, ás 18 horas, o cemiterio vigués de Pereiró acollerá como todos os anos unha homenaxe a Xosé Humberto Baena. Flor di que estas homenaxes resultan "gratificantes" e un "apoio importante para a familia". "Teño que dicir, en honor dos seus compañeiros, persoas que non o coñecían en moitos casos, que todos os anos acoden á homenaxe en Pereiró. Levan flores, bandeiras, cantan a Internacional. E sempre se lembran del. Cando despois de 39 anos se seguen acordando del, creo que é por algo”, afirma.

Porén, o aniversario da súa morte é unha data necesariamente dolorosa, como recoñece: "Cada vez que teño que andar nos seus papeis, nas súas cartas, pásoo mal. É unha ferida que está aí, solapada, e que sempre se volve abrir. Non puidemos pechar esa ferida". "Roubáronnolo. Mesmo soterrárono sen estar nós presentes. A miña familia non volveu ser nunca a mesma dende a morte do meu irmán. A miña nai non volveu cantar, e cantaba moi ben", engade.

"Morreu meu pai, morreu miña nai, e se cadra morro eu antes, pero eu téñolle encomendado á miña filla, que é moi loitadora, que continúe con este traballo"

"Eu non sei se lograrei que se saiba a verdade", di Flor. "Morreu meu pai, morreu miña nai, e se cadra morro eu antes, pero eu téñolle encomendado á miña filla, que é moi loitadora, que continúe con este traballo. Sempre lle digo que siga adiante, até que o consigamos", engade. "Escribinlles a moitos políticos, xuíces, a moitas persoas, pedíndolles que deixasen reabrir o caso. A vicepresidenta Fernández de la Vega respondeume dicindo que me entendía, que fóra unha inxustiza, e ofrecíame mandarme un documento no que o acreditase de forma privada. E eu díxenlle que privado non quería nada", di. E conclúe: "Eu xa sei que o meu irmán era inocente, toda a familia o sabemos, non necesito velo nun papel. Pero si quero que ao igual que naquel momento todos os medios de comunicación dixeron que o meu irmán era un asasino, que agora digan todos que foi un asasinado".

Xosé Humberto Baena Dominio Público http://solidaridadxosehumbertobaena.blogspot.com/
Flor Baena, co seu irmán Dominio Público http://solidaridadxosehumbertobaena.blogspot.com/
Flor Baena, irmá de Humberto © http://solidaridadxosehumbertobaena.blogspot.com/
Homenaxe no cemiterio vigués de Pereiró Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.