Doutra volta, o Concello de Sada advirte á Xunta das queixas polos incumprimentos da familia Franco respecto do réxime de visitas ao Pazo de Meirás, ao que están obrigados pola consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) do inmoble. O goberno sadense trasladou á Dirección Xeral de Patrimonio as “numerosas” reclamacións que realizan as persoas interesadas en visitar as Torres, tanto as feitas por escrito como referencias ao importante número de queixas que chegan tamén por teléfono.
O Concello de Sada traslada á Xunta as "numerosas" queixas de persoas que atopan atrancos para visitar o Pazo malia a obriga que os Franco teñen de abrir o inmoble ao público
O Concello de Sada reclama á Xunta que tome “as medidas oportunas” e que se manteña “vixilante” ante os posibles incumprimentos da lei do patrimonio cultural de Galicia que levan a cabo os Franco, con atrancos que se repiten cada pouco –especialmente en época estival– desde hai anos.
No verán de 2017, a familia Franco xa foi multada pola Xunta con 4.500 euros por incumprir a súa obriga de permitir visitas ao recinto catro días ao mes, tal e como impón a condición de BIC do Pazo. A contía non esgotara o máximo previsto na lei para sancións por ese tipo de incumprimentos, que se consideran leves e oscilan entre os 300 e os 6.000 euros.
Agora, o Concello de Sada advirte, segundo as queixas recibidas, de que o teléfono para realizar as reservas deixa de ser atendido en moitas ocasións nos meses de xullo e agosto, cando máis demanda hai, ou remite a un buzón de voz. Tamén hai denuncias sobre a imposibilidade de acceder ao Pazo malia ter cita acordada. De feito, o contestador do teléfono facilitado para reservar praza advirte de que as peticións non serán atendidas neste mes “por vacacións” e remite a un enderezo electrónico.
As visitas son xestionadas desde 2017 pola Fundación Francisco Franco, que asegura ter aínda prazas dispoñibles para visitas en agosto
No entanto, este diario comprobou como un responsable de reservar visitas, xestionadas desde hai máis de dous anos pola Fundación Francisco Franco, devolveu as infrutuosas chamadas de horas antes para asegurar que había algunha praza dispoñible para este venres, o 23 e o último de mes.
A que fora residencia de Emilia Parzo Bazán ten que ser aberta ao público por ser un BIC, categoría que adquiriu por un decreto promulgado en decembro de 2008, resultado dun procedemento ralentizado xudicialmente polos Franco, que o levaron aos tribunais en media decena de ocasións.
O artigo 48 da lei do patrimonio cultural de Galicia aclara que os propietarios de BIC “permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente”. Na propia páxina web de Turismo da Xunta dedicada ao Pazo de Meirás aclárase que en agosto son catro días os establecidos para as visitas (os dous primeiros e os dous últimos de cada mes), pero nun horario que supón tan só tres horas por xornada: de 11 a 12.30 pola mañá e de 15 a 16.30 polas tardes.
“Moitos de todos estes problemas arranxaríanse se a xestión das visitas ao Pazo fose levada a cabo polo Concello, como así solicitamos á Xunta hai xa tempo”
Ao outro lado do teléfono indicado na mesma web a Fundación Francisco Franco aclara que ese horario non é o aplicado. “Facíase así cando a familia veraneaba no Pazo pero desde que morreu a duquesa [refírese a Carmen Franco] xa non veñen; xa o ano pasado se fixo así”. Desde o Concello, o alcalde de Sada asegura que aínda no verán de 2018 a familia do ditador mudou de forma unilateral os horarios, que acabaron por centrarse nos dous primeiros e nos dous últimos días de agosto.
“Moitos de todos estes problemas arranxaríanse se a xestión das visitas ao Pazo fose levada a cabo polo Concello, como así solicitamos á Xunta hai xa tempo”, asegura Benito Portela, alcalde de Sada, respecto do feito de que sexa unha entidade profascista e franquista quen o faga. “A maioría das queixas chégannos a nós porque os visitantes pensan que é a administración local quen se encarga do roteiro polo inmoble”, insiste o rexedor sobre as Torres, que seguen á venda por 8 millóns de euros nunha inmobiliaria.
Ademais, e aínda que a sanción por incumprir o réxime de visitas foi considerada leve pola Xunta no pasado, o que supón un máximo de 6.000 euros de sanción, o Concello de Sada advirte ao Goberno galego que a “reincidencia na comisión das infraccións”, tal e como recolle literalmente a lei do patrimonio cultural, é unha das “circunstancias que agravan a responsabilidade das persoas ou entidades infractoras”.
O pleno de Sada aproba comparecer no proceso xudicial pero o PP non vota
Desde 2017, é a Fundación Francisco Franco quen xestiona as visitas ao inmoble, onde se continúa a facer apoloxía do franquismo ou, como mínimo, a omitir os crimes da ditadura e o carácter represor e autoritario do seu réxime. Hai menos dun ano, nunha das últimas visitas do verán, varias persoas puideron atopar xa na capela do Pazo un enorme panel no que a Fundación aludía ao "xenocidio dos católicos españois", censuraba o "sadismo" e "crueldade" da Fronte Popular e atacaba aqueles que pretenden exhumar o corpo do ditador do Valle de los Caídos, que define como "o monumento funerario máis importante erguido pola humanidade no século XX". Mesmo meses antes, unha visita guiada a varios eurodeputados acabou nunha oda ao franquismo.
As novas advertencias do Concello de Sada sobre posibles incumprimentos do réxime de visitas chegan tan só unhas semanas despois de que o Estado decidise presentar unha demanda contra os Franco para recuperar o Pazo para o público tras dar cun documento clave que demostraría a compra fraudulenta levada a cabo tras a guerra civil. No pleno deste pasado martes na localidade sadense aprobouse que a administración local se incorpore ao proceso cos votos a favor de todos os grupos agás do PP, que se negou a votar argumentando falta de información. No Parlamento galego, a portavoz popular en Sada si votou a favor dunha iniciativa semellante en relación á Xunta. Ademais, a fundación Galiza Sempre medita tamén comparecer no procedemento xudicial.