As visitas a Meirás manteñen a apoloxía do fascismo e cargan contra a exhumación de Franco

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

No pasado mes de maio, unha delegación de varios eurodeputados acudiu ao Pazo de Meirás nunha das visitas guiadas ao inmoble das que desde hai meses se encarga a Fundación Francisco Franco. Querían comprobar se, tal e como se prevía, o percorrido polas Torres tornaba na apoloxía do réxime franquista que prometía a entidade, que advertiu de que empregaría os roteiros para gabar a figura do ditador. Malia ser aquela a versión máis curta e lixeira, precisamente pola presenza de medios e cargos políticos, o guía amosou a súa admiración polo xeneral fascista e deu un peculiar repaso pola Historia. Sen xornalistas nin políticos --e só días antes de que a familia Franco impulsase unha nova manobra especulativa co inmoble-- o itinerario polo Ben de Interese Cultural (BIC) volveu dar aos turistas unha edulcorada, benévola e enxalzadora visión do fascismo. 

Unha das últimas visitas do verán ao Pazo de Meirás insistiu en dar unha visión edulcorada e enxalzadora de Franco e do franquismo

Así o aseguran a Praza.gal varios dos visitantes que desde fóra de Galicia acudiron a unha das últimas visitas guiadas. Aínda que con semellanzas obvias árealizada polos eurodeputados, os viaxeiros puideron atopar xa na capela do Pazo un enorme panel no que a Fundación Francisco Franco alude ao "xenocidio dos católicos españois", censura o "sadismo" e "crueldade" da Fronte Popular e ataca aqueles que pretenden --tal e como aprobou xa o Congreso-- exhumar o corpo de Franco do Valle de los Caídos, que define como "o monumento funerario máis importante erguido pola humanidade no século XX".

Un enorme cartel recibe aos visitantes denunciando o "xenocidio dos católicos" por parte da Fronte Popular e cargando contra quen pretende exhumar a Franco do Valle de los Caídos

"Isto retrotráenos a 1936 e a actos tan execrables como a exhumación e escarnio público das relixiosas do Convento das Salesas de Barcelona", di unha das frases sobre a intención de exhumación do ditador ou de Primo de Rivera nun expositor que non apareceu por ningures durante a visita dos eurodeputados, pero si meses antes. Daquela, a Xunta dixo que instara á Fiscalía a abrir unha investigación por se puidese haber delito por apoloxía do fascismo. Nada se soubo. 

Alí mesmo, ao carón deste cartel, os Franco seguen a presumir das figuras de Abraham e Isaac que formaban parte da Catedral de Santiago e que reclama Compostela. "Algunhas canles de televisión dan información errónea sobre elas porque non eran do Pórtico da Gloria, senón da antiga fachada románica do Obradoiro", explica o guía, membro da Fundación Francisco Franco e histórico ultradereitista coruñés. Segundo explica aos turistas, as estatuas foron "doadas" polo Concello compostelán "ao xefe de Estado". 

Tamén foron doados, seica, "de maneira altruísta e polos veciños" os terreos lindeiros ao Pazo que serviron para aumentar a extensión das propiedades de Franco. Nin unha palabra da represión en plena guerra civil, das colectas forzosas con brigadas de falanxistas ou do espolio documentado. Si houbo detalles, pola contra, da "brillante carreira militar" do ditador, que o levou "a ser con 33 anos o xeneral máis novo de España". 

O guía da Fundación Franco asegura que os terreos lindeiros foron "doados de maneira altruísta" pola veciñanza

Franco é, nas visitas guiadas do Pazo de Meirás, o "Generalísimo" ou o "Caudillo". A guerra civil é a "guerra española" e, por suposto, o bando fascista é "o bando nacional", territorio onde quedou "toda Galicia" ao pouco de comezar o conflito. Os motivos polo que o país foi rapidamente sometido polos golpistas non son explicados. Tampouco a brutal represión sufrida, por exemplo, na comarca onde se asenta o inmoble, cuxa historia é explicada por unha entidade fascista malia ser unha construción declarada BIC e a pesar de que a Xunta promete vixiar que non se vai facer gabanza nin do ditador nin do seu réxime. "A Coruña saíu moi beneficiada porque desde que Franco veu aquí a veranear o ABC dedicáballe unha páxina diaria á cidade", insiste. 

"Se a nós nos consta que se segue a facer apoloxía do fascismo, informaremos á Consellería de Cultura do que ocorre porque é a encargada de velar por que se cumpra a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e quen ten que exercer as medidas legais oportunas", di o alcalde de Sada, Benito Portela, preguntado pola situación. Ademais, advirte de que o Concello "fará o que lle corresponde para evitar que dentro do noso territorio se faga gabanza e se enxalce un réxime ditatorial e a un ditador"

"O Concello fará o que lle corresponde para evitar que dentro do noso territorio se faga apoloxía do fascismo", di o alcalde de Sada

A visita inclúe detalladas referencias a episodios bélicos da guerra civil, á Legión, aos requetés, á Falange ou aos himnos fascistas. Alúdese ao paso dos golpistas das costas africanas a Cádiz e Algeciras "coa primeira axuda que Benito Mussolini fai á España nacional" ou á "marcha sobre Madrid". E aclárase que a aguia que acompañaba o escudo franquista "non é como din en La Sexta". "Quitouse porque España pasou a ser un Estado laico", aclara aos visitantes. Algúns, se cadra esperando aínda algo peor, tomábano a risa ao finalizar o itinerario: "No nos pusieron el 'Cara al sol' ni nada"

Cartel da Fundación Francisco Franco no Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.