A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña convocou unha marcha desde Sada a Meirás a prol da acción civil para a devolución do Pazo ao patrimonio público. Así o decidiu este pasado martes a entidade xunto con grupos políticos, sindicais e culturais que se reuniron para acordar accións conxuntas para reclamar que se acelere o proceso para recuperar as Torres.
A CRMH, apoiada por diferentes organizacións, convoca unha marcha de Sada a Meirás o vindeiro sábado 10 de novembro
A CRMH, "apoiada por un amplísimo abano de organizacións", reivindicará con esta marcha que "á maior brevidade posible se efectivice a acción cívica do Estado español a prol da devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público". A celebración desta manifestación tería lugar o vindeiro sábado 10 de novembro, con saída do Monumento ás Vítimas do Franquismo do paseo marítimo de Sada ás 12 da mañán para percorrer o camiño ata a porta principal das Torres.
A mobilización reclama que "á maior brevidade posible se efectivice a acción cívica do Estado español a prol da devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público"
"É hora da mobilización popular que leve o Estado español a forzar unha acción civil contra a familia Franco, para que estes teñan claro que o que teñen que facer é devolver o Pazo de Meirás á titularidade pública", di a CRMH, que lembra que hai dous informes xurídico-históricos, ún feito a instancias da Deputación da Coruña e outro do Parlamento de Galicia, "onde se acredita sobradamente que o Pazo de Meirás é un roubo á cidadanía galego por parte do ditador Francisco Franco" e que recorda tamén o "acordo unánime" da Cámara galega que "insta á recuperación do Pazo ao patrimonio público sen nengún tipo de compensación económica á familia Franco".
"Queda suficientemente probada a irregular e ilexítima --por dicilo dalgunha maneira-- propiedade do Pazo por parte da familia Franco", insiste a CRMH, que quere que a marcha sexa "un complemento ás iniciativas institucionais" sobre o Pazo. "Temos o convencimento de que na actualidade en Europa non existe ningún sitio onde se dea unha situación anómala como a que pasa en Galicia, onde unha propiedade roubada ao pobo por parte dun ditador como Franco segue a ser desfrutada polos seus descendentes", ci. "É unha auténtica inxustiza e un anacronismo antidemocrático", rematan.
Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG / © PSdeG
O 'non' do PSOE impide outra declaración do Parlamento a favor da devolución
Os grupos do Parlamento de Galicia fracasaron este martes no intento de lograr unha declaración institucional para reafirmar a petición da Cámara para que o Pazo de Meirás pase a mans do patrimonio público, logo de que se soubese que un neto de Franco pretende vender a unha empresa da súa propiedade a parte da herdanza que lle corresponde para evitar así a acción pública do Estado.
Os grupos do Parlamento fracasaron no intento de pactar unha declaración institucional para reafirmar a petición da Cámara para a devolución do Pazo
BNG e En Marea deixaron clara a súa posición a favor desta declaración e doutras iniciativas para urxir o Estado a que presente a demanda xudicial xa e e vite así calquera "manobra especulativa" que atranque a recuperación do inmoble. O PP, aínda que con algunha diferenza, amosou tamén a súa dispoñibilidade a apoiar a proposta do Bloque, pero o PSdeG manifestouse en contra.
O Bloque propoñía unha declaración institucional que recollese as peticións incluídas na iniciativa unánime aprobada en xullo no Parlamento pero tamén instar o Goberno central que iniciase xa as accións legais porque desde o verán "non consta que se ativase ningunha actuación legal" fronte a unha familia Franco que si "deu pasos coa intención de dificultar esta posibilidade e evitar que se alcance a devolución deste patrimonio".
O PSdeG pide tempo para que o Goberno central leve a cabo as accións legais e denuncia o "interese partidista" da proposta
Foi esta petición directa o que fixo recuar o PSdeG, que aludiu ao "acordo parlamentario, votado en pleno, con acordo de todos os grupos", tal e como dixo o seu portavoz na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga. Por iso, reclama tempo para poder levar a cabo as accións legais. "Non hai razóns que impliquen un novo posicionamento", insistiu o voceiro, que, ademais, advertiu de que un texto institucional como se impulsaba só ten valor "declarativo" e non conta coa mesma forza que unha proposición non de lei. Para os socialistas hai un "interese partidista" detrás desta proposta e sostén que "hai grupos políticos que desexan sumarse á operación de desgaste do Goberno de Pedro Sánchez". "Debemos darlle un tempo de marxe razoable para levar a cabo as accións que implica", rematou.