0 Gardados para despois

A especulación dos Franco con Meirás farta de vez os partidos galegos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A noticia de que un dos netos do ditador Francisco Franco quere vender a parte que herdou do Pazo de Meíras a unha das súas empresas fartou os principais partidos galegos. O BNG impulsou este luns unha declaración institucional que ratifique a postura do Parlamento, que xa por unanimidade reclamara á Xunta o pasado xullo que achegase a documentación necesaria ao Executivo central e que instase a este a iniciar as accións legais para recuperar o inmoble para o patrimonio público. A formación nacionalista pretende un acordo de todos os grupos para que no pleno deste martes oficialice o seu fastío coa actitude dos familiares do xeneral fascista e acelere o proceso para a devolución das Torres. PP e En Marea xa amosaron o seu acordo con urxir de novo ao Executivo central, ao igual que fixeron xa o Concello de Sada e a Deputación da Coruña. O PSdeG non cre que sexa a fórmula máis axeitada e pide tempo para que Sánchez active o proceso de devolución. 

A noticia de que un dos netos de Franco quere vender a parte que herdou de Meíras a unha das súas empresas farta a todos os grupos parlamentarios

Naquela solicitude unánime, PP, PSdeG, En Marea e BNG reclamaron á Xunta "remitir urxentemente" ao Estado o informe elaborado pola Comisión de Expertos do Parlamento que concluíu que a demanialización era a fórmula axeitada para recuperar o inmoble. Con esta documentación, o Goberno central debería realizar as "accións legais" necesarias para reintegrar o Pazo "ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado". 

Agora, o BNG critica a "artimaña legal" que pretende o neto de Franco para paralizar a reversión ao público das Torres, polo que reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez que "active a demanda", unha cuestión que debería ser "prioridade" ante a posición da familia do ditador que, segundo di, "parece que continúa no 36". "Se algo non temos é tempo. Pasan demasiados anos e non podemos permitirnos a pasividade do Goberno central", dixo a portavoz nacional, Ana Pontón, que insta a esa declaración institucional unánime do Parlamento e que se pregunta "a que está a esperar" o Estado para interpor a demanda xudicial. Ante a tardanza, opta por esa "resposta rápida" por parte da Cámara para que se cumpra co xa solicitado en xullo. 

O BNG impulsa unha declaración institucional para urxir o Goberno central a que presente xa a demanda civil que active a recuperación do Pazo

No entanto, e tras a chegada de Pedro Sánhez á Moncloa, ao PSdeG non lle parece "a vía máis adecuada" a activada polo BNG. "Non porque esteamos en contra de volver reiterar (a petición) para que se recupere para o ámbito público",dixo o portavoz Xoaquín Fernández Leiceaga, tras advertir de que realizar unha declaración institucional sería "reducir o nivel de compromiso" da Cámara galega. Ademais, preguntouse se a Xunta trasladara xa toda a documentación necesaria ao Executivo central e insistiu no "recente" da proposición unánime de xullo. Os socialistas piden tempo e cre que o que hai que "esixirlle ao Goberno central é que leve a cabo as demandas do Parlamento".

O PP condena a actitude "absolutamente reprobable" da familia Franco e apoia a proposta do BNG; o PSdeG cre que "non é a vía máis adecuada"

Desde o PP, pola súa banda, criticouse a actitude "absolutamente reprobable" da familia Franco e dixo non ter "ningún inconveniente" en que o Parlamento "se pronuncie no próximo pleno". O portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, destacou que "hai unanimidade no obxectivo" e rexeitou "entrar en carreiras para ver quen ten máis medallas".

"Os herdeiros do ditador manteñen un comportamento incomprensible e irracional só pensando no seu patrimonio con independencia doutras cuestións", criticou Puy, que Por iso, sinalou que "sendo necesario certo tempo" para a tramitación da petición do Parlamento galego, como advertiu o PSdeG, esta situación "non pode levar a facerlle o xogo a quen non entende que o Pazo debe incorporarse a patrimonio público e non ser sometido a especulación patrimonial".

Pola súa banda, desde En Marea, o seu viceportavoz parlamentario Antón Sánchez, mostrouse favorable a apoiar a proposta do BNG. "Todo o que sexa instar a que se cumpra o acordado no Parlamento parécenos positivo", dixo, tras advertir de que "os tempos importan". "A familia Franco non vai quedar parada" á espera de que o Pazo volva ao público, polo que pide actuar para "defenderse ante estas operacións". De feito, recomendou que para evitar os efectos de "manobras" como as do neto de Franco, o Pazo de Meirás "poderíase anotar no rexistro da propiedade".

O alcalde de Sada e En Marea instan o Goberno central a que inscriba xa o Pazo no rexistro da propiedade para "evitar as manobras especulativas" dos Franco

No mesmo sentido se manifestou o alcalde de Sada, Benito Portela, en declaracións a Praza.gal., que "urxe" ao Estado a que "presente canto antes a demanda civil" e a que "anote canto antes o Pazo no rexistro da propiedade para evitar estas manobras especulativas fraudulentas que intentan os Francoa para que non prospere a súa incorporación ao patrimonio público".

Ademais, o rexedor advirte que o Concello denunciaría "calquera manobra especulativa" e lembra que, aínda que o Goberno cental "estará esperando os informes da avogacía do Estado para presentar a demanda", o ditame da Comisión de Expertos do Parlamento de Galicia "é ben claro, conciso, preciso e contundente". "O Pazo de Meirás foi emprgado máis de 30 anos como residencia oficial do xefe de Estado en plena ditadura e non pode deixar de ser patrimonio público nunca", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.