A familia Franco presume de pazo de Meirás nas revistas do corazón. Hola! vén de publicar unha portada onde a neta do ditador, Carmen Martínez-Bordíu, posa na entrada da que fora residencia de Emilia Pardo-Bazán -posteriormente roubada ao pobo de Sada polo franquismo- para "anunciar a súa ruptura" nunha "exclusiva" na que o medio destaca a súa entrada "por primeira vez" na "histórica casa familiar".
Non é Martínez-Bordíu a única membro da familia do ditador a que ocupa nestes días de agosto o pazo sadense, que adoita ser utilizado como refuxio de vacacións tanto polo seu fillo, Luis Alfonso de Borbón, como pola súa familia e numerosos amigos, que enchen o inmoble durante case todo o mes. Case todo menos, segundo se aclara no teléfono no que se reserva praza para as escasas visitas guiadas permitidas, nos últimos catro días, coincidindo coas datas nas que o clan dos Franco acordou coa Xunta facilitar a entrada do público.
"Poucos espazos se poden ver xa do pazo", aclaran desde o teléfono de reservas, onde se asegura que vai "máis xentuza a estragalo que a visitalo"
Segundo o responsable de organizar estas visitas, xa non quedan prazas para o percorrido guiado deses últimos catro días de agosto, aínda que advirte de que "poucos espazos se poden ver xa" do pazo. "Vén máis xentuza a estragalo que a visitalo", argumenta quen asegura tamén que xa non se pode acceder á planta superior nin a unha das bibliotecas.
Porque malia ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e tras determinarse a súa apertura ao público hai xa tres anos, a familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa lei que a obriga a abrir o inmoble cando menos catro días ao mes. Foi hai trece meses cando os herdeiros do ditador facilitaron un calendario de visitas e logo de que reclamasen á Xunta que sufragase os gastos de seguridade, como así fixo durante ben tempo, e de organización. Pero o Goberno de Núñez Feijóo, que nun principio parecía disposto, dixo "non ter intención" de pagarlles a seguridade.
A Xunta gastara máis de 50.000 euros en pagarlles a seguridade do pazo aos Franco
Antes, e desde que o pazo se declarou BIC, os convenios non só se limitaron a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas", tal e como afirmaba a Xunta. Ademais disto, tres acordos entre o Goberno galego e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas. O primeiro destes convenios, asinado para poñer en marcha as visitas ás que obrigaba a declaración do pazo como BIC que promovera o bipartito, implicou un gasto de 9.513 euros para pagar un servizo de seguridade privada aínda que, admitía daquela a propia Xunta, a Lei de Patrmonio Cultural non "obrigaba" a facer tal achega económica.
En agosto de 2011 Cultura pactaba cos Franco unha addenda ao convenio inicial que implicaba sumarlle 23.000 euros para a mesma finalidade. Como informou Praza Pública, na primavera de 2012 saía á luz un terceiro acordo, desta volta por importe de 21.200 euros, polo que a Xunta seguía asumindo os gastos derivados da seguridade e dos guías das visitas. En total, polo tanto, o gasto ascendeu a 53.713 euros que saíron do erario e non do peto dos Franco.
"O pazo segue a estar totalmente controlado pola familia Franco e as visitas son escasas", din desde a CRMH
Manuel Monge, membro e ex presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), asegura que o pazo, malia a presión cidadá e as peticións para que se convertese nun espazo "de memoria e paz" para o pobo, "segue a estar totalmente controlado pola familia Franco". Ademais, quéixase das xestións das visitas que, segundo aclara e contradicindo a información que se achega desde o teléfono de reservas, "son escasas e están case paralizadas". "Mesmo a hostalería da zona se queixa porque o que podía ser unha fonte de ingresos pola chegada de visitantes, non é tal", aclara.
"En ningún país europeo pasaría isto; imaxinemos os herdeiros de Hitler ou Mussolini presumindo de propiedades nas revistas"
Non obstante, Monge vai máis aló e volve censurar a ostentación e fachenda coa que a familia Franco presume dunhas propiedades "conseguidas a través da expropiación de fincas ou roubos das nóminas dos traballadores". "Séguese sen rachar co franquismo porque nin os gobernos do PP nin os do PSOE foron quen de acabar con isto. En ningún país europeo se podería dar esta situación; imaxinemos os herdeiros de Mussolini ou Hitler presumindo de casas ou pazos nas portadas das revistas", explica quen lembra que o pazo de Cornide, na cidade da Coruña, está nunha situación semellante e tamén é empregado pola familia do ditador para pasar varios días no verán. "É un claro incumprimento do espírito da Lei de Memoria Histórica", insiste.