O Supremo ratifica que o Pazo de Meirás é público pero tamén que o Estado debe indemnizar os Franco

Fachada do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo confirma que o Pazo de Meirás é un ben público pero tamén que o Estado debe indemnizar os Franco. A Sala Primeira do tribunal desestimou todos os recursos interpostos contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial hai cinco anos respecto da propiedade do inmoble e que "confirma en todos os seus termos".  

O Supremo "confirma en todos os seus termos" a sentenza da Audiencia Provincial de hai cinco anos: o Pazo é do Estado pero hai que indemnizar os Franco

Así, o Tribunal Supremo, nunha sentenza emitida este pasado mércores 11 de marzo, vén de confirmar que o Pazo de Meirás pertence ao Estado, ratificando así a histórica sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña que en setembro de 2020, hai máis dun lustro, ordenou aos Franco devolvelo. A titularidade pública do inmoble fora tamén confirmada cinco meses despois pola Audiencia Provincial que, no entanto, ordenara indemnizar a familia do ditador nunha polémica decisión. 

Agora, o Supremo ratifica aquel ditame da Audiencia Provincial, no que se determinaba que o Pazo era propiedade do Estado, que os irmáns Martínez-Bordiú debían devolvelo pero tamén que tiñan dereito a seren indemnizados polos "gastos necesarios e útiles realizados no inmoble durante o tempo da súa posesión", tal e como resume o gabinete técnico do alto tribunal. 

Imaxes dalgúns dos bens do inventario do Pazo de Meirás CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Ese dereito a indemnización ou liquidación de estado posesorio permitíraselles aos Franco "como posuidores de boa fe" do Pazo, nunha resolución que fora aceptada en primeiro termo polo Goberno de España, que acabou por recorrer para evitar pagar logo da presión de varias asociacións pola memoria histórica. Pero o Supremo recoñece o dereito dos herdeiros do ditador a seren compensados. 

O Supremo ratifica que os herdeiros do ditador teñen dereito a seren indemnizados "como posuidores de boa fe" do Pazo e polos gastos feitos alí desde 1975

Aquela sentenza da Audiencia Provincial condenara a familia do xeneral fascista a desaloxar as propiedades de Meirás, “deixándoas libres e ao dispor do Estado español, con liquidación dos gastos útiles e necesarios”, pero engadiu un matiz relevante: recoñeceulles o dereito a seren resarcidos nos gastos en que incorreron desde 1975 para conservar o edificio, algo que non se aceptara na sentenza de 2020. 

O controvertido ditame da Audiencia, que deu a razón ao Estado no fundamental pero que reforzou algunhas teses dos Franco, deixaba claro tamén que foron a inacción e o desleixo do Estado —en plena democracia e durante máis de 40 anos— en todo o que tivo que ver co Pazo de Meirás o que provocaba que os herdeiros do ditador puidesen ser indemnizados pola administración logo de ver como era aceptado parte do seu recurso.

O ditame da Audiencia, agora ratificado, sinalaba a inacción e o desleixo do Estado en Meirás como clave para que os Franco puidesen ser indemnizados pola administración

"A reivindicación da propiedade [do Pazo de Meirás] é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira", advertiran os xuíces da Audiencia Provincial para xustificar que os Franco non tivesen por que considerar de "mala fe" a súa adquisición —como destacaba a sentenza de primeira instancia— ou nin tan sequera crer que houbese algo irregular nela. Por que ían facelo se gozaron da propiedade do inmoble sen impedimento nin atranco ningún durante case 45 anos tras a morte do ditador? Velaí a cuestión. 

Nesta sentenza, coñecida este xoves, o Supremo aclara que "na demanda" orixinal sobre o Pazo "indicouse expresamente que non se discutía que os herdeiros de Franco fosen posuidores de boa fe e que, polo tanto, unha vez devolta a posesión do pazo, deberían ser indemnizados nos termos previstos para estes casos no Código Civil". "É perfectamente congruente co sostido no informe xurídico que se incorporou ao informe da comisión de expertos creada no Parlamento de Galicia para estudar a viabilidade da reclamación da propiedade do Pazo, que se pronunciou expresa e taxativamente neses termos", aclara a Sala na explicación técnica do ditame. 

Pazo de Meirás © Xunta

O Supremo aclara que a demanda por Meirás xa advertía que non se discutía a posesión en boa fe dos Franco e que tampouco o fixo o informe xurídico da comisión de expertos do Parlamento

Así, o Supremo considera que se na demanda se mantivo esta postura, "non se pode modificar posteriormente para negar a boa fe e o dereito á indemnización previamente recoñecidos". "Os demandados contestaron á demanda confiados nesas afirmacións e un improcedente cambio posterior das pretensións dos demandantes causáballes unha indefensión constitucionalmente proscrita", engade. 

"Ao servizo do Estado"

O Supremo dá agora a que é a última palabra sobre as Torres, que pasaron a mans do Estado logo dun proceso xudicial impulsado pola Avogacía do Estado en Galicia coa demanda presentada no verán de 2019 contra a familia Franco e que contou cun importante apoio social e das entidades de memoria, así como da Xunta e a Deputación da Coruña, ademais dos Concellos da Coruña e Sada. 

Entregadas as chaves ao Estado nun acto histórico en decembro de 2020, a titularidade pública do Pazo de Meirás —ata agora provisional— tornouse definitiva neste venres. Agora, e ante os recursos da familia Franco para recuperar as Torres, o Supremo "confirma a propiedade do Estado" e conclúe que "desde 1938 o Pazo estivo destinado ao servizo da xefatura do Estado, como unha dependencia similar ao Palacio do Pardo, polo que os seus moradores non puideron posuír o predio en concepto de donos, como mínimo ata a década dos anos 90 do século XX, en que deixou de prestarse todo tipo de servizo pola administración". 

O Supremo sinala que os Franco non puideron posuír o Pazo "como donos, como mínimo ata a década dos 90 do século XX"

En definitiva, ante a intención dos herdeiros do ditador de adquirir por usucapión o inmoble, aclara que "non transcorreu o prazo legal de trinta anos para poder adquirir a propiedade por esta vía" xa que antes foi, en realidade, residencia do xefe do Estado. 

Ademais, o Supremo aclara tamén que nos recursos interpostos polo Estado e a familia do ditador "xa non se discutía que os títulos xurídicos nos que se fundara a propiedade de Francisco Franco Bahamonde (doazón e compravenda) eran nulos", senón se a propiedade era do Estado e se os herdeiros do ditador debían ser indemnizados.

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Xa que logo, o que si volveu confirmar o Supremo, como fixo a primeira das sentenzas sobre a titularidade de Meirás, é a nulidade da doazón efectuada en 1938 das Torres, ao demostrar os documentos que a Xunta Pro Pazo —constituída por elites franquistas para sufragar o agasallo—regalou o inmoble ao xefe do Estado, non a Francisco Franco a título persoal. 

Tamén ratifica que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.