O Pazo de Meirás, símbolo do poder e do espolio da ditadura, vira en Lugar de Memoria Democrática

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a comisionada para a celebración do programa '50 años en Liberdade', Carmina Gustrán, visitan o Pazo de Meirás xunto con outras autoridades políticas e representantes de entidades © Delegación do Goberno en Galicia

A publicación no BOE do inicio do procedemento para a declaración foi acompañada dun acto no propio Pazo no que participaron o secretario de Estado de Memoria Democrática e a comisionada do programa 50 años en Liberdade

O Pazo de Meirás iniciou este martes, coa publicación no BOE do acordo de incoación do procedemento, o camiño para ser declarado Lugar de Memoria Democrática, unha figura que tamén será aplicada á Illa de San Simón a través dunha declaración que verá a luz o mércores. Son os dous primeiros espazos que en Galicia acadan esta consideración da que xa gozan 31 espazos en todo o Estado.

A incoación de oficio do procedemento a cargo do Goberno do Estado foi presentada en Meirás polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a comisionada para a celebración do programa 50 años en Liberdade, Carmina Gustrán, que participaron nun acto ao que asistiron representantes institucionais e políticos e ao que estaban tamén convidadas as entidades memorialistas que impulsaron o proceso de recuperación do espazo. 

Porén, estas rexeitaron asistir ao evento e optaron por se concentrar na entrada do Pazo amosando a súa crítica á forma en que a Secretaría de Estado de Memoria Democrática iniciou un proceso do que se manifestan "excluídas".

Representantes políticos e de entidades sociais asistiron en Meirás ao acto no que se presentou a declaración do espazo como Lugar de Memoria Democrática © Delegación do Goberno en Galicia

O secretario de Estado destacou que o Pazo "se converteu nun lugar de vitoria da xustiza e dos valores democráticos fronte á impunidade do franquismo" e quixo salientar que "estes avances non poderían ser logrados sen o empuxe constante e a gran mobilización do movemento memorialista galego"

Este martes, en Meirás, o secretario de Estado de Memoria Democrática destacou que o Pazo "se converteu nun lugar de vitoria da xustiza e dos valores democráticos fronte á impunidade do franquismo" e quixo salientar que "estes avances non poderían ser logrados sen o empuxe constante e a gran mobilización do movemento memorialista galego, xunto ás institucións galegas e a administración do Estado, quen lograron a recuperación de Meirás para o patrimonio do Estado no seu momento".

Pola súa banda, a comisionada Carmina Gustrán destacou que as declaracións de Meirás e San Simón "contribuirán a coñecer mellor a vinculación destes dous espazos coa represión franquista, co abuso de poder,  coa intolerancia e coa violencia".

Meirás, centro de poder da ditadura e símbolo do espolio

Carmina Gustrán destacou que as declaracións de Meirás e San Simón "contribuirán a coñecer mellor a vinculación destes dous espazos coa represión franquista, co abuso de poder,  coa intolerancia e coa violencia"

O Pazo de Meirás, en Sada, representa como poucos lugares a maneira de proceder do réxime franquista. O espazo non só foi un centro de poder político da ditadura, especialmente durante os veráns que Franco pasaba en Galicia- senón que amosa o xeito en que a familia do ditador espoliou bens da cidadanía para o seu beneficio privado.

O acordo de incoación do procedemento de declaración de Lugar de Memoria Democrática destaca que o Pazo de Meirás foi "sede estival da xefatura do Estado, símbolo referencial da ditadura franquista, centro de poder e ao mesmo tiempo expresión da rapiña do seu novo propietario". Así, lémbrase o carácter "forzoso" das doazóns que a poboación tivo que realizar para a compra e acondicionamento do Pazo e para a ampliación do seu terreo: "mediante técnicas represivas e coactivas desposuíuse aos lexítimos propietarios das leiras lindeiras dos dereitos de explotación destas e efectuáronse apropiacións de recursos públicos e privados, desde estatuas románicas a pilas bautismais, tapices, etc".

Declaracións aos medios do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez © Delegación do Goberno en Galicia

A declaración publicada no BOE destaca que o Pazo de Meirás foi "sede estival da xefatura do Estado, símbolo referencial da ditadura franquista, centro de poder e ao mesmo tiempo expresión da rapiña do seu novo propietario"

Así mesmo, sublíñase que "ao ser utilizado polo ditador como residencia oficial de verán", o Pazo "adquiriu unha función política, de explicación da natureza do franquismo e da represión; unha función simbólica, de representación, e tivo un grande impacto na vida local, incluído o artellamento de redes locais e provinciais do poder franquista".

O texto tamén salienta que entre 1975 e 2020 o Pazo foi "lugar de esquecemento e de reivindicación", pero tamén "símbolo das lagoas do axuste de contas da democracia española co pasado recente, escenario de mobilizacións da sociedade civil pola súa recuperación, novo símbolo do espertar da memoria histórica, e conquista do inmoble para o patrimonio xeral do Estado", detallando o proceso social e xudicial que deu lugar ás sentenzas que anulan por "fraudulento" o contrato de compraventa por parte de Franco que lle permitiu incribir o ben ao seu nome. No ano 2020 o Pazo deixou de ser propiedade da familia Franco e pasou a ser patrimonio do Estado

Pendente dun plan de usos e da súa apertura completa ao público

O Concello de Sada insta a "avanzar na concreción dun plan de usos que concrete as accións permitidas no inmoble" e tamén a súa apertura completa ao público, xa que na actualidade o acceso ó mesmo permanece acoutado ós xardíns

No acto participou tamén a alcaldesa accidental de Sada, Rebeca Mouriño, que subliñou "a importancia deste paso" para consolidar Meirás "como un dos espazos de referencia en España e Europa na divulgación da Memoria Democrática". 

O Concello de Sada insta a todas as administracións a "avanzar na concreción dun plan de usos que concrete as accións permitidas no inmoble" e tamén a súa apertura completa ao público, xa que na actualidade o acceso ó mesmo permanece acoutado ós xardíns. Mouriño agradeceu "o papel dos colectivos e entidades memorialistas na defensa dos valores democráticos que o franquismo intentou laminar".

a comisionada para a celebración do programa 50 años en Liberdade, Carmina Gustrán, © Delegación do Goberno en Galicia

Criíticas de colectivos memorialistas

O anuncio do inicio do procedemento foi recibido con críticas por parte de colectivos de memoria democrática, que se concentraron ás portas do Pazo

O anuncio do inicio do procedemento foi, con todo, recibido con críticas por parte de colectivos de memoria democrática, especialmente os vencellados ao proceso de recuperación do Pazo de Meirás. As entidades acusan o Goberno central de incorrer en "falsidades, incumprimentos e falta de garantías" no proceso e reducen o acto que se realizará este martes en Meirás a "propaganda" e a "un intento de disfrazar como resolución o que na realidade é só un inicio do procedemento, sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria".

A CRMH subliña que o proceso de recuperación do pazo espoliado polos herdeiros do ditador "foi obra do activismo social e memorialista galego, que puxo a investigación, a divulgación e a mobilización ao servizo desta causa". "O Estado pretende agora usurpar este protagonismo con actos baleiros de contido, como xa fixo en 2021 co chamado Protocolo de actuacións, que quedou en papel mollado". 

Un "cambio de relato" e un "acto tramposo", alertan, no que as entidades memorialistas rexeitan "facer de palmeiros", pois "resulta que ficamos excluídas as entidades que iniciamos a loita pola recuperación do Pazo, o mesmo que as asociacións de vítimas directas". Os colectivos asinantes esixen que o Pazo de Meirás sexa declarado Lugar de Memoria Democrática "con garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos".

Entidades memorialistas rexeitaron asistir ao evento e optaron por se concentrar na entrada do Pazo amosando a súa crítica á forma en que a Secretaría de Estado de Memoria Democrática iniciou un proceso do que se manifestan "excluídas"

Que é un Lugar de Memoria Democrática?

Esta figura está recollida na Lei de Memoria Democrática de 2022 e abrangue espazos nos que "se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva" vencellados principalmente á represión da ditadura e á loita contra o franquismo, mais non só. 

A declaración como lugar de memoria obriga ás administracións "a asegurar a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización axeitada" (artigo 52 da lei). No artigo 53, ademais, destácase a obriga das administracións para a "difusión, interpretación e promoción cidadá" dos lugares obxecto de declaración. 

Así mesmo, nos lugares nos que se cometeron crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou onde se realizaron traballos forzosos, como é a Illa de San Simón, "se sinalará un punto de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos".

Concentración convocada este martes ante o Pazo de Meirás por colectivos memorialistas © BNG Oleiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.