Ao longo desta semana o Goberno do Estado iniciará os expedientes para declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como lugares de memoria democrática. Este martes levarase a cabo un acto no Pazo de Meirás
Ao longo desta semana o Goberno do Estado iniciará os expedientes para declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como lugares de memoria democrática, dando cumprimento ao anuncio realizado a comezos de ano durante a presentación do programa da iniciativa España en libertad. 50 años. Este martes levarase a cabo un acto no Pazo de Meirás, que terá continuidade con outro evento semellante na Illa de San Simón. Representantes institucionais realizarán tamén unha visita ao vello cárcere de Lugo, que aspira tamén a ser recoñecido nun futuro próximo como lugar de memoria democrática.
O anuncio do inicio do procedemento foi, con todo, recibido con críticas por parte de colectivos de memoria democrática, especialmente os vencellados ao proceso de recuperación do Pazo de Meirás. As entidades acusan o Goberno central de incorrer en "falsidades, incumprimentos e falta de garantías" no proceso e reducen o acto que se realizará este martes en Meirás a "propaganda" e a "un intento de disfrazar como resolución o que na realidade é só un inicio do procedemento, sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria".
A CRMH subliña que o proceso de recuperación do pazo espoliado polos herdeiros do ditador "foi obra do activismo social e memorialista galego". "O Estado pretende agora usurpar este protagonismo con actos baleiros de contido", denuncian
A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) lembra que o 15 de xullo de 2024 presentou a solicitude formal para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, un procedemento que abría un prazo de doce meses para a incoación do proceso, que finalmente caducou, sen que neste tempo -denuncian- se lle facilitase á entidade acceso ao expediente nin se respondese ás súas peticións de información.
A CRMH subliña que o proceso de recuperación do pazo espoliado polos herdeiros do ditador "foi obra do activismo social e memorialista galego, que puxo a investigación, a divulgación e a mobilización ao servizo desta causa". "O Estado pretende agora usurpar este protagonismo con actos baleiros de contido, como xa fixo en 2021 co chamado Protocolo de actuacións, que quedou en papel mollado".
Un "cambio de relato" e un "acto tramposo", alertan, no que as entidades memorialistas rexeitan "facer de palmeiros", pois "resulta que ficamos excluídas as entidades que iniciamos a loita pola recuperación do Pazo, o mesmo que as asociacións de vítimas directas". Os colectivos asinantes esixen que o Pazo de Meirás sexa declarado Lugar de Memoria Democrática "con garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos".
Entidades memorialistas anunciaron o seu rexeitamento a acudir ao acto. A cambio, convocan a unha concentración de protesta ás portas do Pazo de Meirás este martes ás 11.30 horas
Nunha rolda de prensa celebrada na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, representantes da CRMH, pero tamén do Colectivo “19 de Meirás” (que en 2017 ocuparon simbolicamente o Pazo) e de entidades memorialistas do resto de Galicia, anunciaron o seu rexeitamento a acudir a un acto ao que foron convidados -sinalan- o pasado venres. A cambio, as asociacións asinantes dun crítico comunicado convocan a unha concentración de protesta ás portas do Pazo de Meirás este martes ás 11.30 horas. O comunicado conta tamén co apoio dunha decena de entidades memorialistas do resto do Estado.
Máis aló das cuestións de procedementais ou sobre a iniciativa no impulso da declaración, a CRMH e o resto de entidades poñen o foco na necesidade de contar con "compromisos claros e efectivos" sobre os usos do Pazo. Nos últimos meses as entidades de memoria foron moi críticas, por exemplo, co uso da Illa de San Simón para un encontro de bachata ou para o festival Sinsal. Tamén reclaman a súa incorporación ao patrimonio galego a través da súa transferencia á Xunta de Galicia. "O Pazo de Meirás é do pobo galego", subliñaron na rolda de prensa.
Os colectivos asinantes esixen que o Pazo de Meirás sexa declarado Lugar de Memoria Democrática "con garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos".
"Xa lles dixemos noutras ocasións que queriamos máis memoria e menos fotos", sinala a CRMH, que denuncia sucesivos incumprimentos nalgúns dos compromisos adquiridos polo Goberno do Estado. En concreto, advirten que "resulta inaceptábel que o Estado restrinxa as visitas, reducindo días e horarios, e mesmo limitando o acceso a zonas que antes podían verse cando aínda estaban en mans da familia Franco, obrigados a cumprir o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia". Din, por exemplo, que "a visita ao interior das torres foi substituída por visitas aos xardíns, que deberían ter un acceso público normalizado".
As entidades conclúen alertando de que "o proceso de recuperación do Pazo está aínda inconcluso, pendente de decisións xudiciais e con actuacións incomprensíbeis por parte do Estado, como o recoñecemento dun suposto dereito de indemnización á familia Franco"
Para a CRMH, dende o 1975 non houbo en relación co Pazo de Meirás "50 anos de liberdade", en referencia ao programa España en Liberdade. 50 anos, senón "50 anos de impunidade franquista e de blindaxe dos gobernos, tanto galego coma estatal, ao espolio".
As entidades asinantes conclúen alertando de que "o proceso de recuperación do Pazo está aínda inconcluso, pendente de decisións xudiciais e con actuacións incomprensíbeis por parte do Estado, como o recoñecemento dun suposto dereito de indemnización á familia Franco". As entidades asinantes demandan "a recuperación doutras propiedades espoliadas pola familia Franco", como a Casa das Cunchas e a Casa Cornide.
