Este venres comeza en Redondela o "congreso de baile" +Q Bachata, que o domingo despraza as súas actividades á Illa de San Simón, onde terá lugar ao longo de todo o día unha programación exclusiva para os asistentes VIP e Golden Pass con actividades "formativas e culturais"
Este venres comeza en Redondela a duodécima edición do "congreso de baile" +Q Bachata, que celebra as súas primeiras sesións, venres e sábado, na Escuela Dansarey e na Discoteca La Fábrica. Porén, o domingo despraza as súas actividades á Illa de San Simón, onde terá lugar ao longo de todo o día unha programación exclusiva para os asistentes VIP e Golden Pass con actividades "formativas e culturais".
O evento espertou as críticas do Concello de Redondela, do BNG e de colectivos memorialistas, que lembran a condición da Illa de San Simón de "espazo de memoria", pois o lugar foi durante a Guerra Civil un campo de concentración franquista onde milleiros de presos foron recluídos, con centos de mortes documentadas.
A partir deste mes de agosto, de feito, a Illa de San Simón será declarada Lugar de Memoria Democrática canda o Pazo de Meirás, o que permitirá unha maior protección destes espazos, ademais de afondar na divulgación da súa historia.
En agosto a Illa de San Simón será declarada Lugar de Memoria Democrática, o que permitirá unha maior protección destes espazos, ademais de afondar na divulgación da súa historia
Esta figura, recollida na Lei de Memoria Democrática de 2022, abrangue espazos nos que "se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva" vencellados principalmente á represión da ditadura e á loita contra o franquismo. A declaración como lugar de memoria obriga ás administracións "a asegurar a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización axeitada".
Así mesmo, nos lugares nos que se cometeron crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou onde se realizaron traballos forzosos, como é o caso de San Simón, "se sinalará un punto de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos".
A alcaldesa de Redondela cualificou de "ofensa para centos de familias vítimas da ditadura militar e a represión" a celebración do encontro de bachata na Illa de San Simón
A organización desta actividade na illa para este domingo espertou as críticas da alcaldesa de Redondela, que a cualificou de "ofensa para centos de familias vítimas da ditadura militar e a represión" e considerou "innecesario" que o encontro de bachata se celebre en San Simón.
De igual xeito, Iniciativa Galega pola Memoria cualificou a organización da actividade do congreso de bachata na illa como unha "aldraxe" ás vítimas da represión e solicitou a Xunta "que non autorice este evento xa que se podería desenvolver en calquera outro lugar que non teña a carga simbólica e emocional de San Simón". Así mesmo, a entidade memorialista demandou ao goberno do Estado "que axilice a declaración da Illa como lugar de memoria para impedir estes actos ofensivos para a memoria das vítimas".
Iniciativa Galega pola Memoria cualificou a organización do congreso de bachata na illa como unha "aldraxe" ás vítimas da represión e solicitou a Xunta "que non autorice este evento xa que se podería desenvolver en calquera outro lugar que non teña a carga simbólica e emocional de San Simón"
“Desde a IGM rexeitamos e condenamos estes usos ofensivos para a memoria das vítimas e as súas familias, uns usos que constitúen unha absoluta mercantilización e trivialización dun lugar que debería ser un espazo de respecto, lembranza e homenaxe", sinalou Matías Rodríguez Datorre, voceiro da Iniciativa Galega pola Memoria.
“A ninguén se lle ocorre organizar festivais de bachata nun campo de concentración, nun lugar de tortura ou nun cemiterio. Pois o mesmo criterio se debe utilizar en San Simón, establecendo unhas normas sobre o tipo de actividades permitidas e prohibidas na illa", engadiu.
De igual xeito, María Ortega (BNG), ex-deputada de Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra na anterior lexislatura, instou o ente provincial a "defender a Illa de San Simón fronte a actos frívolos" coma o programado para este domingo. “É preciso que a Deputación se posicione: que diga se está de acordo con actividades frívolas e lucrativas en San Simón ou non, e se non o está, que reclame a cancelación deste acto”, engadiu.
A organización do encontro de bachata defendeu que a actividade programada para o domingo na Illa de San Simón é "un congreso de baile, non unha festa masiva" e que se limita a "actividades culturais e formativas"
Pola súa banda, a organización do encontro de bachata defendeu que a actividade programada para o domingo na Illa de San Simón é "un congreso de baile, non unha festa masiva" e que se limita a "actividades culturais e formativas". Tamén o PP de Redondela sinalou que "apoiamos todas as iniciativas que se leven a cabo neste emblemático lugar sempre que se respecte o conxunto do seu pasado" e máis, engadiu "cando se trata dunha iniciativa promovida por un colectivo de Redondela, como é o caso de Dansarey Escuela de Baile que leva anos paseando con orgullo o nome de Redondela por todo o mundo".
Na Illa de San Simón tamén está prevista, entre o 25 e o 27 de xullo, a celebración do Festival Sinsal San Simón, como vén sendo habitual nos últimos anos.