Franco morreu, o seu BOE segue vixente (IV): os bens apropiados

Franco e Juan Carlos de Borbón en 1974 tras un Consello de Ministros no pazo de Meirás CC-BY-SA Imaxe: NODO | Montaxe: Praza Pública

50 anos despois da morte do ditador as súas decisións seguen marcando a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto lembramos algunhas, como as apropiacións de bens en beneficio propio

O 20 de novembro de 1975 falecía o ferrolán Francisco Franco Baamonde aos 82 anos. Fanse agora 50 anos da súa morte, pero durante os seus preto de 40 anos de ditadura tomou decisións que seguen a marcar a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto repasamos algunhas delas, publicadas no BOE entre 1936 e 1975, como a de facer unha autoestrada de peaxe entre as principais cidades galegas, outorgar unha concesión de terreos públicos na ría de Pontevedra para construír unha fábrica de celulosa ou autorizar ducias de encoros con dubidosas ou nulas garantías ambientais ou para a poboación afectada. Unhas ocupacións de terras no caso dos encoros que se repetiron durante catro décadas con todo tipo de propiedades privadas que o franquismo decidiu destinar a usos militares ou entregou a empresarios afíns, cando non á propia familia Franco. 

Os herdeiros do ditador gañaron cartos ou aínda os gañan grazas a moitos destes bens, algúns vendidos nas últimas décadas, outros postos á venda máis adiante e varios máis envoltos en causas xudiciais que dirimirán os seus donos reais e lexítimos. 

A praza de Praterías de Santiago durante unha visita de Franco en decembro de 1938, viaxe na que solemnizou a incautación do Pazo de Meirás CC-BY-NC-SA BNE

Porque o espolio que levou a cabo a familia do ditador fascista tras a guerra non se limitou aos cartos da poboación, que tamén. Durante anos, terreos, casas, importante patrimonio artístico ou edificios históricos foron usurpados á cidadanía da época por parte dos Franco, que se lucraron e aínda seguen a lucrarse de todas esas propiedades grazas a unha elite burguesa clave para aquel "macroespolio", tal e como o definiron os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo nunha detallada investigación. O BOE plasmou varias destas apropiacións, que se legalizaron a través da lexislación do réxime, pero non outras moitas. 

O Pazo de Meirás foi só a punta do iceberg do "macroespolio" levado a cabo polos Franco, que usurparon a cidadanía terreos, casas, edificios históricos e importante patrimonio artístico

Babío e Pérez Lourenzo, centrados no caso do Pazo de Meirás pero tamén alén del, explican que foron arredor de 80.000 metros cadrados, por exemplo, os que os Franco ampliaron as súas propiedades fóra dos muros deste inmoble e na propia parroquia de Sada. O caso das Torres —con toda a batalla xudicial para determinar quen é dono dos centos de bens que a familia do ditador gardaba no interior— rematou en decembro de 2020, cando o Estado oficializou a súa expulsión logo de que unha sentenza xudicial en setembro ordenase a reversión ao público do inmoble tras 42 anos de democracia na que os herdeiros dun ditador mantiveron a súa propiedade. Pero hai un lote máis de casos. 

No inventario dos bens de Meirás, por exemplo, atopábanse as esculturas do Mestre Mateo. O pasado mes de xuño, o Tribunal Supremo condenou os Franco a devolvelas ao Concello de Santiago como lexítimo propietario, logo dun procedemento xudicial emprendido en 2017 para recuperar as dúas pezas que foran parte da composición orixinal do Pórtico da Gloria e o consistorio mercara en 1948 ao conde de Ximonde, Santiago Puga, para integralas no "patrimonio artístico da cidade". 

Acabaran en poder do ditador e da súa esposa, Carmen Polo, logo de que esta amosara en 1954 un "interese insistente" nas esculturas ao visitar o Pazo de Raxoi canda o seu marido durante os actos do 25 de xullo, cando acudiran a facer unha ofrenda ao Apóstolo e mais a inaugurar o Hostal dos Reis Católicos. A consorte do xeneral golpista suxeriu "de forma inequívoca que pasasen á súa posesión" e, aínda que non houbo "formalidade ningunha" para facelo, sete anos despois xa apareceron nunha exposición como "cesión" dos Franco, documentara o Concello.

A xustiza determinou en 2020 que o Pazo de Meirás era propiedade do Estado e non dos Franco e en 2025 ordenoulles devolver as esculturas do Mestre Mateo ao Concello de Santiago

Logo dunha longa batalla xudicial, recursos e apelacións varias, o Supremo concluíu que a administración local mercou as pezas e que non hai documentación ningunha que acredite como pasaron a mans dos Franco, polo que "a perda da posesión das estatuas por parte do Concello se produciu por unha vía de feito e non mediante unha actuación administrativa regulada".

É un proceder semellante noutros casos de patrimonio importante do que se apropiaron os Franco, sendo o Pazo de Meirás, as esculturas do Mestre Mateo e a Casa Cornide, na cidade vella da Coruña, os tres símbolos dese "macroespolio". Neste último caso, a familia do ditador vén de decidir abrir o inmoble ao público, tal e como lle obriga a declaración BIC, mentres o Concello iniciou hai xa anos o proceso para reclamar xudicialmente a reversión ao público da propiedade. 

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Educación, tal e como se recolle no BOE do 14 de xaneiro de 1949, o inicio dun proceso preparado e simulado que acabou cos Franco como propietarios, aínda hoxe, dun ben que estaba en mans dunha administración pública, neste caso o Concello da Coruña. 

O BOE do 14 de xaneiro de 1949 recolle a compra da Casa Cornide polo goberno franquista, inicio dun proceso que deu co inmoble nas mans dos Franco logo dunha compravenda simulada

Con Alfonso Molina como alcalde, pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Unha compravenda "simulada"

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda e o pleno de 3 de  xullo de 1962 acorda a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina a operación e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

Un informe xurídico encargado polo Concello á UDC —e que serviu de base para iniciar a reclamación xudicial do inmoble— advertiu da ilegalidade dos procedementos de permuta, poxa pública e posterior venda da Casa Cornide e sinalou a "simulación" na compravenda, nunha estrataxema idéntica á que indicou a xustiza no caso do Pazo de Meirás.

Precisamente, Pedro Barrié de la Maza, dono do Banco Pastor, máximo dirixente da extinta Unión Fenosa ou de Astano e un dos principais financeiros do bando fascista na guerra civil, foi clave en que Franco cumprise cos seus caprichos ou cos da súa dona, así como para que recibise o Pazo de Meirás ou a Casa Cornide en propiedade. Foi partícipe das montaxes que facilitaron a apropiación destes inmobles, só unha parte dos bens que estiveron ou están aínda en mans da familia do ditador tras dubidosas e ilexítimas artimañas para facerse con eles. 

BOE de 1949 que aproba a compra polo Ministerio de Educación da Casa Cornide, que acabou en mans dos Franco CC-BY-SA Praza Pública

Moitos dos terreos adquiridos, por exemplo en Meirás, foron logo vendidos nos 80 e 90, co ditador xa morto, obtendo así os seus herdeiros importantes beneficios. Finalizada a guerra, por exemplo, Franco fai un percorrido por varias localidades da costa próximas a Sada e ordena que se lle compre unha propiedade para construír unha casa. Adquírenlle un terreo en Bastiagueiro (Oleiros) e constrúe unha residencia, todo pagado "con fondos públicos", como indica Carlos Babío. Á morte do ditador, a súa familia vende tamén esta propiedade nunha das mellores zonas do concello de Galicia con maior renda per cápita. Negocio redondo.

Tras a morte do ditador, a familia Franco lucrouse coa venda de terreos usurpados en Sada ou dunha residencia pagada con fondos públicos en Oleiros

E hai moito máis. Só no Pazo de Meirás destacaba a cantidade de pezas arqueolóxicas de importante valor, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos. Así, por exemplo, o Pazo de Bendaña, en Dodro, foi desmantelado para instalar na residencia de verán dos Franco elementos como gravados, figuras da capela e as propias pedras. Mesmo a biblioteca desapareceu. Ademais, dos pazos de Ximode ou Hermida tamén se retiraron diferentes obxectos que acabaron en Sada e en propiedade dos Franco. 

"Trama de favores mutuos"

A maioría de todas estas pezas eran agasallos de diferentes concellos e outras administracións ou adquisicións da muller do ditador, Carmen Polo, coñecida na cidade da Coruña por entrar nas xoierías e acceder a todo canto capricho tiña sen reparo ningún. Entre os regalos para Meirás, fontes de granito dos séculos XVII e XVIII, unha réplica do relevo da praza das Bárbaras na Coruña ou un cruceiro que representaba o Santo dos Croques e que foi usurpado do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. 

Alí, en Meirás, mesmo xurdiron empresas da man do espolio. Pazo de Meirás Produtos da Huerta explotaba leiras expropiadas, producía leite, lúpulo ou madeira. E en Ferrol, o Concello pagou ata 1979 a luz e a auga da casa natal de Francisco Franco. 

En todas estas operacións durante a ditadura, os Franco valíanse da axuda das elites franquistas, especialmente na Coruña e arredores por ter alí a súa residencia de verán. "Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse e aínda se lucran as elites”, explicaba Babío. Porque o espolio non rematou coa morte de Franco e a desaparción do escudo coa aguia no encabezamento do BOE senón que se adentrou varias décadas na democracia.

Esculturas de Abraham e Isaac, nunha imaxe incluída no inventario do Pazo de Meirás CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Podes reler aquí as anteriores entregas desta serie:

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (I): a adxudicación de Audasa

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (II): a concesión de Ence

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (III): os encoros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.