Franco morreu, o seu BOE segue vixente (III): os encoros

Franco inaugurando en 1963 o encoro de Belesar, concesión outorgada en 1948 CC-BY-SA Imaxe: NODO | Montaxe: Praza Pública

50 anos despois da morte do ditador as súas decisións seguen marcando a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto lembramos algunhas, como as concesións de encoros nos principais ríos galegos.

O 20 de novembro de 1975 falecía o ferrolán Francisco Franco Baamonde aos 82 anos. Cúmprense agora 50 anos da súa morte, pero durante os seus preto de 40 anos de ditadura tomou decisións que seguen a marcar a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto repasamos algunhas delas, publicadas no BOE entre 1936 e 1975, como a de facer unha autoestrada de peaxe entre as principais cidades galegas, outorgar unha concesión de terreos públicos na ría de Pontevedra para construír unha fábrica de celulosa ou autorizar ducias de encoros con dubidosas ou nulas garantías ambientais ou para a poboación afectada.

Imaxe do NODO da inauguración do encoro de Belesar por Franco en 1963 e BOE do 24 de maio de 1957 con expropiacións CC-BY-SA Imaxe: NODO | Montaxe: Praza Pública

Exemplo paradigmático de como o franquismo foi facendo pantanos por toda a xeografía española foi o de Belesar, no río Miño, anunciado no seu momento como o maior encoro do Estado e que hoxe aínda segue a ser o maior de Galicia por auga embalsada. Os seus dereitos foron outorgados pola ditadura, xunto cos do encoro dos Peares, río abaixo, a Fuerzas Eléctricas del Noroeste (Fenosa), empresa de Pedro Barrié de la Maza, amigo do ditador, en xullo de 1948. E o propio Franco declarou, no BOE do 16 de decembro daquel ano, a urxente execución das obras. 

A Fenosa de Barrié de la Maza, amigo de Franco, foi unha das principais beneficiadas pola campaña da ditadura para construír pantanos por toda a xeografía con dubidosas ou nulas garantías ambientais ou para a poboación

Porén, unha década despois aínda estaban a expropiarse os terreos necesarios, cun procedemento que a veciñanza afectada viviu como un espolio. Ducias de veciños foron expulsados sen apenas compensacións dunha franxa de 50 quilómetros de lonxitude de boas terras de cultivo a ambas as dúas marxes do Miño que foron valoradas como se fosen de secano. Unha expulsión con efectos aínda na memoria colectiva relatada hai unha década no documental Asolagados.

Xunto coas persoas e as terras, baixo as augas de Belesar quedaron tamén bens patrimoniais, como o Castro Candaz, en Chantada, que aínda segue a asomar cando Naturgy, herdeira de Fenosa, así o permite.

Imaxe do NODO da inauguración do encoro de Belesar por Franco en 1963 © NODO

O encoro sería finalmente inaugurado por Franco en 1963, en plena campaña de inauguración de pantanos similares por todo o Estado. Uns anos antes, en 1960, inaugurara o do río Eume, concesión outorgada en 1953 nun dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados, as Fragas do Eume, que naquel momento quedou amputado. Un encoro o do Eume que máis de seis décadas despois segue a evidenciar os procedementos do réxime ditatorial.

A recente sanción de dous millóns de euros a Endesa, a súa concesionaria, pola turbidez que xerou no río en 2020 para "optimizar o rendemento" da súa central eléctrica revelou que o encoro debía contar desde 1967 cunhas Normas de Explotación que regulasen o seu funcionamento. Porén, a empresa non as presentou ata 2006 e seguen sen aprobarse.

Fronte a Belesar ou o Eume, outros lugares si lograron salvarse dos plans franquistas. Pero pasarían anos ata que a legalidade franquista fose superada.

Encoro do Eume durante a súa construción en 1959 CC-BY-NC-SA Juan Miguel Pando Barrero, Archivo Pando, IPCE, Ministerio de Cultura y Deporte

No río Navia, onde hai xa tres encoros, aínda pretendía construírse un cuarto, augas arriba, en Navia de Suarna. Formulado en 1951 con 75 metros de altura, foi elevado en 1956 a 130 metros coa denominación Gran Suarna, e en 1975 aínda sería levado a 150 metros. As obras chegaron a comezar en decembro de 1964 pero a oposición veciñal logrou paralizalas. Porén, o proxecto tentaría revivir varias veces xa durante a democracia ata que en 2012 unha última proposta de 96 metros de altura que afectaría a especies protexidas como o oso pardo foi finalmente desestimada polo Ministerio de Medio Ambiente.

Outros lugares lograrían salvarse dos plans franquistas, pero pasarían anos ata que quedasen arquivados proxectos como os que ían asolagar parte do Courel, Navia de Suarna ou o treito final do Miño

Ata 2018 habería que agardar para poñer fin a outro dereito outorgado pola ditadura para construír outro encoro, no río Lor, que anegaría boa parte do Courel. A concesión, a Saltos del Sil, fora outorgada o 26 de decembro de 1960 e publicada no BOE un mes máis tarde. Esa mesma empresa fixera xa augas abaixo, xa no río Sil, o encoro de San Estevo, considerado daquela o de maior potencia eléctrica de Europa e inaugurado por Franco en 1956.

No río Lor a empresa comezou a executar algúns camiños de acceso, pero novas análises do terreo levaron aos seus enxeñeiros a considerar que a dificultade da execución do encoro era demasiado elevada e o proxecto quedou parado de xeito indefinido. Co tempo, Saltos del Sil foi adquirida por Iberduero, actual Iberdrola, que seguiu a ter os dereitos de concesión ata que esta acabou sendo extinguida en 2018 “por incumprimento dos prazos previstos na concesión”.

Canón do río Lor, no Courel, no que a concesión para un encoro outorgada en 1960 non sería extinguida ata 2018 Dominio Público Google Street View

Tamén no treito final do Miño, entre a localidade galega de Arbo e a portuguesa de Melgaço, contemplaba o franquismo un encoro máis, o denominado Salto de Sela. O proxecto técnico foi presentado por Fenosa en 1974 e catro anos despois, o 22 de decembro de 1978, apenas unha semana antes de que entrase en vigor a Constitución, a Dirección General de Obras Hidráulicas do Goberno de España asinaba a concesión por 75 anos. Unha concesión que non sería extinguida ata setembro de 2021. Outra demostración do poder persistente que ten un BOE aínda que sexa preconstitucional.

Próxima entrega:

Franco morreu, o seu BOE segue vixente (IV): os bens apropiados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.