Endesa é condenada a pagar 2 millóns polos danos que causou no Eume en 2020 en beneficio propio

O río Eume, afectado pola turbidez das augas en outubro de 2020, e feitos probados das sancións impostas a Endesa agora ratificadas polo TSXG CC-BY-NC-SA Foto: Colectivo Terra | Montaxe: Praza Pública

O TSXG ratifica que a empresa "desatendeu os requirimentos" que lle fixeron durante 20 días e teimou en mudar o réxime de explotación do encoro para "optimizar o rendemento" da súa central "poñendo en perigo os cidadáns de Pontedeume"

En xullo e agosto de 2020, e malia requirimentos en contra de Augas de Galicia, Endesa mudou o réxime de explotación do encoro que ten no río Eume para “optimizar o rendemento” da súa central hidroeléctrica, obtida cunha concesión franquista de 1953. A súa actuación provocou turbidez nas augas "con grave risco para a poboación e o ecosistema”, segundo Augas de Galicia, que sancionou á empresa con dúas multas de 600.000 e 350.000 euros por dúas infraccións moi graves e cunha indemnización doutros 932.284,45 euros como reparación polos danos causados. 

A empresa recorreu esa sanción ante a xustiza e primeiro un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago, en xaneiro do pasado ano, e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), desestimaron as súas alegacións. A Xustiza ratifica que a empresa "desatendeu os requirimentos" que lle fixeron para deter as súas actuacións e que estas mesmo acabaron "poñendo en perigo os cidadáns do Concello de Pontedeume", onde tivo que ser suspendido o abastecemento de auga.

Relato de feitos probados das sancións de Augas de Galicia a Endesa agora ratificadas polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

Foi a finais de xullo de 2020 cando Endesa iniciou, segundo a inspección de Augas ratificada pola Xustiza, un “descenso continuou no réxime de explotación do encoro por debaixo da cota habitual mínima declarada (306 msnm) co fin de optimizar o rendemento enerxético, sen contar coa autorización expresa da Administración”. O 8 de agosto a Xunta requiriu a Endesa que detivese a súa actuación, pero a empresa "continuou o proceso de descenso ata o día 28/8/2020 -transcorridos 20 días dende o requirimento- día no que comunica a Augas de Galicia a súa decisión de detelo como consecuencia da aparición de turbidez na cola do encoro”. 

Esa turbidez estendeuse nos meses seguintes ata a desembocadura do río obrigando a Augas de Galicia a acordar a mediados de outubro "a declaración de emerxencia no río Eume, para a realización de actuacións extraordinarias para garantir a subministración de auga á poboación e evitar o perigo para os recursos hídricos e os ecosistemas".

No proceso a empresa chegou a esgrimir a súa concesión franquista de 1953 pero tanto Augas de Galicia como a xustiza desbotan que esta permitise rebaixar tanto o nivel de explotación do encoro

Augas de Galicia abriu expediente á empresa, no que esta chegou a alegar que fixera o que fixera porque "a masa de auga non aproveitada na concesión constitúe un activo potencialmente infrautilizado que é susceptible de mellorar o rendemento do sistema de xeración hidroeléctrica”. A empresa mesmo chegou a esgrimir a súa concesión franquista de 1953 como aval para mudar a explotación da presa. Pero tanto Augas como despois o xulgado de Santiago e agora o TSXG desbotaron os seus argumentos. 

A sentenza agora ratificada considera probado que a turbidez da auga do Eume produciuse "cando a empresa decide baixar a cota de explotación por debaixo de límites históricos"

A sentenza agora ratificada considera probado que a turbidez da auga do Eume produciuse "cando a empresa decide baixar a cota de explotación por debaixo de límites históricos" e que nin noutros momentos de precipitacións abondosas ou secas se producira esa situación. 

Endesa argumentou que a Administración demorara a tramitación dunhas normas de explotación do encoro que lle permitirían mudar o seu rendemento, pero o TSXG reitera, como xa fixera antes o xulgado de Santiago e Augas, que "non pode achacarse á Administración ese atraso porque foi a empresa a que non atendeu os requirimentos da Administración hidráulica para que achegara documentación xustificativa da afección da seguridade do encoro co descenso da cota, estudo que se lle requiriu para poder rebaixar a cota mínima de explotación".

Evolución da cota de auga no encoro do Eume na que se aprecia a redución abrupta do verán de 2020 provocada por Endesa, fronte ás caídas máis progresivas doutros anos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Así, a sentenza do TSXG, con data do pasado 26 de febreiro e á que agora vén de acceder Praza.gal, conclúe desestimando todos os argumentos do recurso de apelación de Endesa Generación SA e confirmando as dúas multas de 600.000 e 350.000 euros e os 932.000 euros para a reparación dos danos causados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.