A empresa foi sancionada por Augas de Galicia por modificar en 2020 o réxime de explotación do encoro para “optimizar o rendemento” da súa central “con grave risco para a poboación e o ecosistema”
En xullo e agosto de 2020, e malia un requirimento en contra de Augas de Galicia, Endesa mudou o réxime de explotación do encoro que ten no río Eume para “optimizar o rendemento” da súa central hidroeléctrica. Provocou turbidez nas augas “con grave risco para a poboación e o ecosistema”, segundo Augas de Galicia, que sancionou á empresa con dúas multas de 600.000 e 350.000 euros por dúas infraccións moi graves e cunha indemnización doutros 932.284,45 euros como reparación polos danos causados. Ano e medio máis tarde, en plena crise enerxética e cos prezos da electricidade disparados, a empresa vén de recorrer esa sanción ante un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago.
A sanción a Endesa polos danos ao Eume producidos no verán de 2020 está a ter un percorrido administrativo e xudicial máis demorado que o efecto inmediato que segundo Augas de Galicia a empresa quería obter na súa produción eléctrica.
Segundo o ente público da Xunta, o 27 de xullo de 2020 Endesa iniciou un “descenso continuou no réxime de explotación do encoro por debaixo da cota habitual mínima declarada (306 msnm) co fin de optimizar o rendemento enerxético, sen contar coa autorización expresa da Administración”. Unha actuación que realizou malia que "o título concesional non habilita a Endesa para explotar o encoro ao seu libre albedrío co fin de maximizar a produción hidroeléctrica", segundo lle reprochou Augas de Galicia.
No proceso sancionador a empresa chegou a esgrimir a súa concesión franquista de 1953, pero Augas de Galicia respondeulle que non a habilitaba "para explotar o encoro ao seu libre albedrío co fin de maximizar a produción hidroeléctrica"
O 8 de agosto a Xunta requiriu a Endesa “o cese” da súa actuación, pero a empresa “continuou o proceso de descenso ata o día 28/8/2020 -transcorridos 20 días dende o requirimento- día no que comunica a Augas de Galicia a súa decisión de detelo como consecuencia da aparición de turbidez na cola do encoro”. Esa turbidez estendeuse nos meses seguintes ata a desembocadura do río obrigando a Augas de Galicia a acordar a mediados de outubro “a declaración de emerxencia no río Eume, para a realización de actuacións extraordinarias para garantir a subministración de auga á poboación e evitar o perigo para os recursos hídricos e os ecosistemas”.
Augas de Galicia abriu expediente á empresa, no que esta chegou a alegar que fixera o que fixera porque “a masa de auga non aproveitada na concesión constitúe un activo potencialmente infrautilizado que é susceptible de mellorar o rendemento do sistema de xeración hidroeléctrica”. A empresa mesmo chegou a esgrimir a súa concesión franquista de 1953 como aval para mudar a explotación da presa. Pero o instrutor desbotou os seus argumentos e rematou o expediente en maio do ano de 2021 propoñendo as anteditas multas de 600.000 e 350.000 euros e a indemnización para reparar o dano por outros 932.000 euros.
O Consello Reitor de Augas de Galicia non resolvería o proceso sancionador ata o 21 de setembro, e a súa resolución non se notificou á empresa ata o 4 de outubro. Contra ela interpuxo Endesa un recurso contencioso-administrativo, proceso xudicial no que aínda agora o xulgado está a citar ás posibles partes interesadas para que comparezan na causa se así o consideran.