O instrutor remata o expediente sancionador certificando que a eléctrica “desatendeu as ordes” que lle deron durante 20 días “con grave risco para a poboación e o ecosistema”
O instrutor do expediente sancionador que Augas de Galicia abriu a finais do pasado ano a Endesa tras os episodios de turbidez rexistrados nas augas do río Eume vén de asinar este luns a proposta de resolución na que establece que a eléctrica é responsable de dúas infraccións moi graves polas que se lle deben impoñer multas de 600.000 e 350.000 euros, ademais dunha indemnización doutros 932.284,45 euros como reparación polos danos causados ao dominio público hidráulico. A proposta de resolución do instrutor sinala que a actuación da empresa debeuse ao seu desexo de “optimizar o rendemento” da súa central hidroeléctrica e que durante 20 días “desatendeu as ordes” que lle deron para corrixir unha situación “con grave risco para a poboación e o ecosistema”.
Tras recibir e desbotar diversas alegacións da empresa, o relato de feitos probados que fai o instrutor comeza o 27 de xullo do pasado ano, cando “Endesa Generación SA modificou o réxime de explotación do encoro sen autorización administrativa”, cun “descenso continuou no réxime de explotación do encoro por debaixo da cota habitual mínima declarada (306 msnm) co fin de optimizar o rendemento enerxético, sen contar coa autorización expresa da Administración Hidráulica, acadando o 5/8/2020 a cota mínima de 301,48 msnm”.
O 27 de xullo Endesa mudou o réxime de explotación do encoro, o 8 de agosto Augas requiriulle que parase e a empresa non o fixo ata o 28 de agosto admitindo xa "turbidez"
O 8 de agosto Augas de Galicia requiriu a Endesa “o cese” da súa actuación e que “por ‘motivos de seguridade’ mantivera a cota mínima de explotación en 306 msnm”. “Non obstante, a concesionaria continuou o proceso de descenso ata o día 28/8/2020 -transcorridos 20 días dende o requirimento- día no que comunica a Augas de Galicia a súa decisión de detelo como consecuencia da aparición de turbidez na cola do encoro”.
O relato dos feitos probados continúa reflectindo como o 5 de outubro Augas de Galicia recibiu unha alerta do 112 “notificando unha importante afección en forma de turbidez e cor localizada no río Eume ao seu paso polos termos municipais de Pontedeume e Monfero, visible ata a súa desembocadura”. Aquela situación provocou protestas da cidadanía e dos partidos da oposición e mesmo a visita o 13 de outubro da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, da que depende Augas de Galicia, que anunciou a apertura dun expediente informativo.
Ao día seguinte Augas de Galicia “acordou a declaración de emerxencia no río Eume, para a realización de actuacións extraordinarias para garantir a subministración de auga á poboación e evitar o perigo para os recursos hídricos e os ecosistemas”, actuacións e danos que a instrución valora en 932.284,45 euros que propón que sexan asumidos por Endesa como indemnización.
O instrutor considera que Endesa incumpriu os artigos da Lei de Augas de Galicia que consideran infraccións graves a "desobediencia ás ordes ou aos requirimentos" e o incumprimento ou omisión dos actos a que estaba obrigada
Ademais, polos feitos relatados o instrutor de Augas de Galicia considera que Endesa debe ser multada con 600.000 euros pola comisión da infracción moi grave tipificada no artigo 85 k) da Lei de Augas de Galicia (“desobediencia ás ordes ou aos requirimentos do persoal de Augas de Galicia no exercicio das funcións que ten encomendadas, así como a obstaculización do devandito exercicio” e con 350.000 euros por outra infracción moi grave tipificada no apartado m) do mesmo artigo da mesma lei (“incumprimento de calquera prohibición establecida nesta lei, na lexislación de augas e de costas e mais nas leis medioambientais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a omisión dos actos a que obrigan”).
Endesa alegou que "a masa de auga non aproveitada na concesión constitúe un activo potencialmente infrautilizado"
A resolución do instrutor recolle e rebate diversas alegacións formuladas por Endesa en defensa da súa decisión unilateral de mudar “o réxime de explotación que realizou durante os 30 últimos anos”. Entre elas, a propia empresa sinalou que “a masa de auga non aproveitada na concesión constitúe un activo potencialmente infrautilizado que é susceptible de mellorar o rendemento do sistema de xeración hidroeléctrica”.