O 'escudo social' reduce a pobreza infantil coas familias monoparentais como reto

Evolución da taxa de pobreza infantil en Galicia e no conxunto do Estado © Montaxe: Praza.gal

A taxa de pobreza infantil en Galicia, que chegou a ser do 30% no ano 2020, caeu no ano 2024 ata o 13,5%

Os indicadores de pobreza hai tempo que veñen sinalando ás familias con menores ao seu cargo -e polo tanto os propios menores- como a parte da sociedade que máis sofre problemas de carencia material na nosa sociedade. Mentres que ata hai un par de décadas esta realidade afectaba máis á poboación de máis idade (ata o ano 2008 as persoas de máis de 65 anos eran quen rexistraban maiores taxas de pobreza en Galicia), a estabilidade das pensións de xubilación semella ter garantido un mellor sostemento vital da terceira idade no noso país.

En cambio, eses mesmos indicadores viñeran sinalando elevadas taxas de pobreza e exclusión nas persoas menores de 25 anos, con taxas moi superiores ás do conxunto da poboación. Porén, a situación semella estar a mellorar dende o ano 2020 (a pandemia de COVID elevou as taxas de pobreza), e fíxoo especialmente no pasado ano 2024, en boa medida grazas ás políticas públicas postas en marcha tanto polo Goberno central como pola Xunta. 

O último informe do Estado da Pobreza en Galicia, elaborado por EAPN Galicia - Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social, destacaba que as medidas do Estado do Benestar evitan que 760.000 persoas entren na pobreza en Galicia, cunha atención especial aos menores e ás súas familias.

Para EAPN Galicia, a mellora é en boa medida resultado das políticas de protección ás familias, tanto as aplicadas a nivel autonómico, como a gratuidade das escolas infantís ou a tarxeta benvida, como as políticas estatais de benestar, comezando pola extensión do Ingreso Mínimo Vital

Así, a taxa de pobreza infantil en Galicia, que chegou a ser do 30% no ano 2020, caeu no ano 2024 ata o 13,5% e a taxa de pobreza severa pasou do 14,5% ao 5% neste tempo. De feito, os datos de 2024 amosan que a poboación máis nova deixou de ser a que sofre máis pobreza en Galicia e mesmo se invertiron as situacións das familias sen menores ao cargo e as familias con menores. No último ano, por primeira vez en bastante tempo as familias con menores semellan presentar menos problemas para chegar a fin de mes.

Malia a mellora dos datos nos últimos anos (en 2024 a pobreza caeu ao seu nivel mínimo en Galicia dende o ano 2008), tamén nos indicadores para infancia e mocidade, 58.000 menores viven aínda en risco de pobreza no noso país, como alertou recentemente un estudo da Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia. Ademais, o 31,2% das familias monoparentais galegas seguen a estar en risco de pobreza, unha porcentaxe que duplica os valores medios do conxunto da sociedade.

Porén, 58.000 menores viven aínda en risco de pobreza no noso país, co 31,2% das familias monoparentais galegas en risco de pobreza, unha porcentaxe que duplica os valores medios do conxunto da sociedade

Para EAPN Galicia, que destaca a evolución positiva dos datos que, "con toda a prudencia, levan ao optimismo", a mellora é en boa medida resultado das políticas de protección ás familias, tanto as aplicadas a nivel autonómico, como a gratuidade das escolas infantís ou a tarxeta benvida, como as políticas estatais de benestar, comezando pola extensión do Ingreso Mínimo Vital.

A entidade chama a manter as políticas postas en marcha e a acrecentalas e melloralas. En concreto, insta á Xunta a modificar a Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV mentres non se transfira ao Goberno galego. Tamén reclama un maior apoio ás familias monoparentais e cambios na política de vivenda, pois o ascenso dos alugueiros converteuse nun problema social de gran magnitude que, neste caso, afecta de forma especial ás familias con menores.

EAPN insta á Xunta a modificar a Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV mentres non se transfira ao Goberno galego. Tamén reclama un maior apoio ás familias monoparentais

A posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, malia todas as eivas que arrastra dende a súa posta en marcha, con dificultades burocráticas que están a limitar o seu alcance, está a supor unha axuda fundamental para moitas familias con menores con problemas. Como mostra, un dato. A RISGA chegou a beneficiar un máximo de 10.761 persoas (2016), mentres que as distintas prestacións do IMV chegan a 94.202 persoas (outubro de 2025). Hai que ter en conta, iso si, que máis dun terzo desas persoas beneficiarias reciben unicamente o Complemento de Axuda para a Infancia (CAPI), que xa existía e que ademais ten unha contía moi inferior, algo máis de cen euros ao mes.

En dous de cada tres fogares que perciben as axudas do IMV en Galicia hai menores de idade, un total de 21.662, que representan ao redor do 10% dos fogares con menores

En calquera caso, está claro que o Ingreso Mínimo Vital está a supor un beneficio moi importante para moitas familias, especialmente para as familias con menores. Aí están os últimos datos galegos: máis de 35 mil prestacións, que chegan a máis de 94 mil persoas beneficiarias, cunha achega mensual media de 482 euros. 

Dúas de cada tres titulares son mulleres e en dous de cada tres fogares que reciben as axudas hai menores de idade, un total de 21.662, que representan ao redor do 10% dos fogares con menores de 16 anos en Galicia. Ademais, case un de cada cinco fogares que reciben o IMV son familias monoparentais.

UNICEF España propuxo hai uns días a posta en marcha dunha prestación universal á infancia, progresiva, de 100 euros, que reduciría o número de menores en situación de probreza nun 11%

Recentemente UNICEF España propuxo a través dun informe a posta en marcha dunha prestación universal á infancia, progresiva, de 100 euros. O documento alertaba de que a taxa de pobreza infantil no conxunto do Estado español (moi superior á galega) é a máis elevada da Unión Europea. "É o momento de actuar. Non facelo non só ten consecuencias directas na vida de miles de nenos, nenas e adolescentes; tamén ten un enorme custo para o país e acrecenta a vergoña de estar á cola da UE. Sabemos que medidas funcionan, polo que esta situación non debería prolongarse máis", sinalou Gustavo Suárez-Pertierra, presidente de UNICEF España.

Nos cálculos realizados por UNICEF, a prestación universal por crianza reduciría o número de menores en situación de probreza nun 11%. O custo de implantala sería de 3.500 millóns de euros netos segundo os cálculos, unha contía reducida debido a que incluiría a transformación das deducións actuais que teñen as persoas con fillos a cargo que fan a declaración da renda.

A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclama melloras na renda garantida de cidadanía, un Plan de apoio ás familias monoparentais e políticas de vivenda digna e accesible, así como reforzar o acceso a bolsas comedor e actividades de lecer vinculadas aos comedores escolares

"As prestacións universais progresivas son máis eficaces en reducir a pobreza infantil, garanten o acceso de quen máis as necesitan, vivan onde vivan, e reducen a estigmatización, ademais de previr a pobreza e recoñecer o esforzo das familias", defende UNICEF.

"Non podemos conformarnos" coa mellora dos datos ou con que sexan máis positivos que no resto do Estado, salientaba recentemente a Plataforma de Infancia, sinalando que "persisten retos importantes". Por exemplo, Galicia supera a media do Estado en fogares que non poden permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano (36,7% fronte ao 35,6% en España). Tamén se incrementou en case dous puntos a porcentaxe de familias que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, aínda que segue por debaixo da media estatal (5,1% fronte ao 6,9%).

"Non podemos conformarnos" coa mellora dos datos ou con que sexan máis positivos que no resto do Estado, salientaba recentemente a Plataforma de Infancia

A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclama melloras na renda garantida de cidadanía, un Plan de apoio ás familias monoparentais e políticas de vivenda digna e accesible, así como reforzar o acceso a bolsas comedor e actividades de lecer vinculadas aos comedores escolares. Ademais, demanda que se destine un mínimo do 5% dos fondos do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) á loita contra a pobreza infantil, garantindo recursos estables para políticas de infancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.