O risco de pobreza: unha realidade que pasou da terceira idade á mocidade en dúas décadas

Infancia e mocidade son o grupo de idade que dende hai anos máis sofre a pobreza en Galicia © Montaxe: Xunta / Praza.gal

En 2007 o perfil máis habitual das persoas en risco de pobreza era o dun home ou muller de máis de 65 anos. Dende hai anos a situación é a inversa e a terceira idade é que sofre menos pobreza, que afecta sobre todo a infancia e mocidade

No ano 2007 o perfil máis habitual das persoas que en Galicia vivían en risco de pobreza era o dun home ou muller de máis de 65 anos. O 21% das persoas da terceira idade tiñan ingresos por debaixo do limiar da pobreza, moi por riba da media galega (14,6%) e dos datos das persoas máis novas. 16 anos máis tarde a situación é a inversa e a poboación por riba de 65 anos é que en menor medida ten ingresos por debaixo do limiar da pobreza (10,2%), fronte a unha media do 13,6% e datos da mocidade e da infancia que roldan o 19% en situación de pobreza.

En realidade, así leva sendo un tempo, dende que a Gran Recesión golpeou con forza ás xeracións máis novas, incrementanto o desemprego e reducindo os salarios, mentres que en cambio as pensións foron mantendo máis ou menos o seu poder adquisitivo, asegurando a regularidade dos ingresos para as persoas xubiladas.

A taxa de risco da pobreza descendeu no ano 2023 en todos os grupos de idade, pero na mocidade segue moi por riba dos niveis que se rexistraban antes da Gran Recesión

A taxa de pobreza entre mozos e mozas de 16 a 24 anos chegou ao 25,6% en 2015 e dende entón vén amosando unha progresiva aterraxe, agás no ano 2020 marcado pola pandemia de COVID. O risco da pobreza nas xeracións centrais, entre os 25 e os 65 anos, mantivo unha maior estabilidade e está a piques de retornar á situación pre-crise do ano 2007.

A taxa de risco da pobreza descendeu no ano 2023 en todos os grupos de idade e outros indicadores tamén amosan a redución da pobreza en Galicia. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social (que toma en consideración a carencia de determinados elementos materiais ou a pertenza a fogares con baixa intensidade laboral) tamén descendeu no ano 2023 do 18,14% ao 17,07% e acada o seu mínimo dende o 2010, despois de chegar ao seu máximo en 2012 (23,58%).

A Enquisa estrutural a fogares do IGE amosa, en todo caso, unha mellora en case todos os indicadores económicos para as familias galegas, comezando polos ingresos medios, que aumentaron un 6%

Os últimos datos da Enquisa estrutural a fogares do IGE, correspondentes ao ano 2023 e feitos públicos o pasado venres amosan, en todo caso, unha mellora en case todos os indicadores económicos para as familias galegas. Durante o pasado ano aumentaron de forma importante os ingresos medios dos fogares, que pasaron de 2.548 a 2.698 euros, un aumento do 6% semellante ao rexistrado nos anos 2021 e 2022. A tendencia leva sendo positiva dende o 2016 -coa excepción do 2020 marcado pola COVID-, despois do estancamento provocado pola Gran Recesión entre 2008 e 2015.

Con todo, o 10,5% das familias galegas teñen ingresos inferiores aos mil euros, unha porcentaxe en descenso nos últimos anos, pois en 2019 superaba o 16,5%

En 2023 reduciuse a porcentaxe de persoas que non se pode permitir manter a vivenda cunha temperatura adecuada, un dato que pasa do 17,2% ao 15,1% pero segue a ser alarmantemente alto

Os indicadores de pobreza material (carencia de determinados conceptos) tamén refliten unha mellora xeral, pero ao tempo amosan o mantemento de situacións de pobreza. Así, por exemplo, descende a porcentaxe de persoas que non se poden permitir marchar de vacacións unha semana (pasa do 48 ao 43%) pero a cifra continúa a ser moi elevada.

Tamén se reduce a porcentaxe de persoas que non se pode permitir manter a vivenda cunha temperatura adecuada, un dato que pasa do 17,2% ao 15,1% pero segue a ser alarmantemente alto.

As familias monoparentais son a tipoloxía de fogar que máis sofre a pobreza (no 23,7% dos casos). De igual xeito, hai máis pobreza entre as parellas con fillos (11,8%) que entre as parellas sen fillos (9,9%)

Ademais de afectar máis ás xeracións máis novas, a pobreza golpea máis ás persoas con fillos e fillas ao seu cargo, o que contribúe a incrementar á vez as estatísticas de pobreza na infancia. Así, as familias monoparentais (cunha nai soa -o máis habitual- ou un pai só con crianzas ao seu cargo) son a tipoloxía de fogar que máis sofre a pobreza (no 23,7% dos casos). De igual xeito, hai máis pobreza entre as parellas con fillos (11,8%) que entre as parellas sen fillos (9,9%).

O 31,2% das familias monoparentais galegas atópanse en risco de pobreza ou exclusión social, fronte á media do 17% no conxunto da poboación galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.