O 20 de novembro de 1975 falecía o ferrolán Francisco Franco Baamonde aos 82 anos. Cúmprense agora 50 anos da súa morte, pero durante os seus preto de 40 anos de ditadura tomou decisións que seguen a marcar a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto repasamos algunhas delas, como a de facer unha autoestrada de peaxe entre as principais cidades galegas, adxudicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 18 de agosto de 1973. Ou a de entregar terreos públicos na ría de Pontevedra, gañados ao mar, para construír unha fábrica de celulosa, concesión publicada no BOE do 30 de xuño de 1958.
50 anos despois da morte do ditador as súas decisións seguen marcando a Galicia actual. Nas fins de semana de agosto lembramos algunhas, como a de levantar unha celulosa en terreos da ría de Pontevedra outorgados en concesión no BOE do 30 de xuño de 1958.
A decisión de instalar unha fábrica de celulosa en Pontevedra que aproveitase a auga do Lérez e impulsada polo Instituto Nacional de Industria (INI) fora tomada uns anos antes, pero foi o BOE do 30 de xuño de 1958 o que estableceu as condicións da ocupación dos terreos en zona marítimo-terrestre. Fíxoo cunha resolución que xa daba conta de alegacións en contra do proxecto, entre elas da Comandancia de Marina, sinalando esta que a instalación da fábrica nese lugar "produciría un grandísimo prexuízo a toda a zona marisqueira da ría de Pontevedra e que debera sinalarse un lugar de emprazamento máis cara a fóra da ría, en mar aberto onde os seus efectos non fosen tan prexudiciais a un dos medios de vida máis importantes da xente humilde da rexión".
O BOE deixou constancia de posturas contrapostas no réxime polo impacto sobre a ría, pero acabou impoñéndose o Instituto Nacional de Industria pola "achega económica e social representada pola fábrica"
Porén, o INI retrucou que "a utilización do Lérez, aínda que presenta os inconvenientes derivados das características das augas residuais que puideran ser incompatibles coa riqueza marisqueira, é economicamente posible, por ser estes de escasa importancia en relación coa achega económica e social representada pola fábrica e polas industrias que poidan establecerse á sombra desta, sobre todo tendo en conta que é moi pequena a riqueza ostrícola da ría de Pontevedra e que a mexilloeira está en gran proporción montada a flote, o que permitirá, no seu caso, mover as embarcacións".
A decisión do réxime era inamovible e Franco en persoa acabou inaugurando a fábrica en 1963.

Aquela autorización de 1958 para a ocupación do terreo dicía expresamente que se outorgaba "sen prazo limitado", nunha época sen lexislación clara sobre o litoral. Sería a democracia e a Lei de Costas de 1988 a que regularía a premisa constitucional de que o litoral é público e establecería límites ás concesións nesas zonas, tanto das xa outorgadas como das futuras. Así, a concesión de Ence quedou limitada a outros 30 anos, ata 2018.
Pero polo medio sucesivos gobernos do PP mudaron as condicións. En 2001 o Goberno de Aznar privatizou Ence, como tamén faría con Audasa pouco despois. E en 2013, cando se ían achegando as caducidades de numerosas concesións fixadas pola Lei de Costas de 1988, o Goberno de Mariano Rajoy reformou esa norma para permitir prórrogas das mesmas. Ese mesmo ano Ence esgrimiu a reforma legal para solicitar a súa prórroga, que lle foi outorgada en 2016 por 60 anos a partir da solicitude de 2013, isto é, ata 2073.
A concesión franquista foi "sen prazo limitado", coa democracia a Constitución e a Lei de Costas de 1988 fixárona ata 2018 e en 2013 Rajoy reformou a lei e prorrogouna ata 2073
O proceso xudicial iniciado nese momento tivo un primeiro pronunciamento en 2021 da Audiencia Nacional, que considerou nula a prórroga porque o Goberno de España non xustificara que a fábrica deba estar nese lugar, como require a Lei de Costas para permitir ocupacións do litoral. Pero dous anos despois, en 2023, o Tribunal Supremo revogou aquela sentenza previa e avalou a prórroga da concesión considerando que así o permitía a "confusa" reforma da Lei de Costas de Rajoy en 2013. Esa prórroga, dixo o Supremo, só estaba condicionada a un informe favorable en materia ambiental emitido pola Xunta de Feijóo en 2015.
Pero esa sentenza do Supremo foi recorrida polo Concello de Pontevedra ante o Constitucional, que o pasado maio admitiu a trámite a cuestión. E apenas uns días despois de coñecerse a decisión do Supremo a Comisión Europea abría unha investigación a España por impedir a competencia nas concesións litorais a "por exemplo, empresas papeleiras".
Así que aínda está lonxe de rematar a loita xurídica sobre a vixencia dunha concesión cuxa orixe e dereitos primixenios hai que buscalos na decisión da ditadura de ceder terreos estatais para a construción da fábrica. Mentres, a propia Ence admite, nos seus informes anuais, que "segundo os termos de outorgamento da concesión administrativa, ao seu vencemento, as instalacións construídas sobre o terreo reverterán ao Estado ou ben este requirirá o seu desmantelamento".