Concesión "extinguida": o BOE fai oficial a fin do encoro que ameazou durante 40 anos o último treito do Miño en estado natural

Imaxes do documental 'O Salto' sobre a mobilización veciñal contra o encoro de Sela no Miño e BOE coa extinción da súa concesión CC-BY-SA Praza Pública

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de rematar o expediente que iniciou hai ano e medio contra a concesión do Salto de Sela que aínda tiña vixente Fenosa desde 1978 e que ía asolagar outros 23 quilómetros de río

“Extinguido”. Esa é a palabra que o Boletín Oficial del Estado (BOE) vén de establecer que figure xunto ao aproveitamento hidroeléctrico outorgado en concesión en 1978 a Fenosa no treito final do río Miño, entre a localidade galega de Arbo e a portuguesa de Melgaço. Un ano e medio despois de iniciar a tramitación do expediente de extinción da concesión do coñecido como Salto de Sela, proxecto paralizado pola contestación social que provocou nas dúas beiras do río, o Goberno central vén de facer oficial no BOE a fin da ameaza dun encoro que ía asolagar 23 dos 80 quilómetros do último treito do Miño en estado natural.

Hai dous anos o documental 'O Salto', de Adrián González, recolleu a historia da mobilización veciñal contra o encoro © Diaño Filmes

O Salto de Sela foi un máis dos diversos proxectos de encoros de produción eléctrica planificados polo franquismo en toda a Península, varios deles en coordinación coa ditadura portuguesa. O último encoro no río Miño antes da súa desembocadura é actualmente o de Frieira, a uns 80 quilómetros da Guarda e Caminha, pero o réxime aínda quería un máis, vinte quilómetros augas abaixo. O proxecto técnico foi presentado por Fenosa en 1974 e catro anos despois, o 22 de decembro de 1978, apenas unha semana antes de que entrase en vigor a Constitución, a Dirección General de Obras Hidráulicas do Goberno de España asinaba a concesión por 75 anos. 

En 2000 o Goberno central considerou "irreversible" o impacto que tería o encoro, que mesmo afectaría ao clima da zona e con el á produción vinícola

Esa concesión, agora declarada “extinguida”, seguía aínda vixente pero non chegou a concretarse en obras -nin conforme ao proxecto orixinal nin cos diversos intentos de executar encoros de inferior tamaño- pola importante mobilización veciñal nas dúas beiras do Miño, unhas protestas que foron lembradas no documental O Salto, de Adrián González, veciño das Neves, estreado hai dous anos. A loita veciñal demorou o proceso de autorización ambiental do encoro, cuxo impacto acabou sendo considerado en 2000 polo Goberno central como “irreversible sobre o medio natural, o medio socioeconómico e o patrimonio histórico e cultural”.

“O río Miño practicamente só mantén en estado natural os seus últimos 80 quilómetros, dos que aproximadamente 23 quedarían afectados polo encoro de Sela”, dicía a declaración de impacto ambiental do proxecto

Segundo estableceu o executivo central hai dúas décadas, as augas non só anegarían as históricas pesqueiras do Miño senón que modificarían o clima existente na zona, o que afectaría á produción vinícola desta zona da denominación de orixe Rías Baixas. “O río Miño practicamente só mantén en estado natural os seus últimos 80 quilómetros, dos que aproximadamente 23 quedarían afectados polo encoro de Sela”, dicíase naquela resolución, cuxa negativa ambiental non impediu que nos anos posteriores se intentasen impulsar sen éxito outros tres proxectos de aproveitamento hidroeléctrico menores naquela mesma zona.

Finalmente foi a principios do pasado ano cando o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, iniciou o proceso para a extinción da concesión. E agora vén de completar a tramitación e declara a extinción da concesión “por caducidade por incumprimento dos prazos establecidos na concesión” nunha resolución ditada polo ministerio o 27 de xullo e publicada no BOE o 27 de agosto.

BOE que extingue a concesión para o Salto de Sela CC-BY-SA Praza Pública

A resolución decide “cancelar a correspondente inscrición no Rexistro de Aproveitamentos, mediante a anotación no asento correspondente do termo ‘extinguido’, indicando a data na que se dita a presente resolución” e arquivar o expediente de modificación de características do aproveitamento orixinal solicitado posteriormente pola concesionaria “ao extinguirse o dereito concesional”.

Hai tres anos tamén se anulou a concesión de 1960 para asolagar parte do Courel cun encoro no río Lor

Hai tres anos a mesma Confederación do Miño-Sil tamén remataba o proceso de extinción doutra concesión especialmente significativa, a outorgada tamén pola ditadura en 1960 para construír un encoro no río Lor, afluente do Sil, que ía asolagar boa parte do Courel. E en 2012 o Goberno central tamén rexeitaba un novo intento de levar adiante a concesión outorgada en 1951 para construír un cuarto encoro no río Navia que afectaría á recuperación do oso pardo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.