O Goberno central inicia a extinción da concesión preconstitucional aínda vixente para executar o último gran encoro do Miño, que se suma á anulación
O 22 de decembro de 1978 aínda quedaba unha semana para que entrase en vigor a Constitución. Aquel día a Dirección General de Obras Hidráulicas asinaba a concesión a Fenosa para construír un gran encoro para produción eléctrica de 26,5 metros de desnivel no treito final do río Miño, entre a localidade galega de Arbo e a portuguesa de Melgaço. A concesión dese Salto de Sela, que tomou o nome desa parroquia de Arbo, fíxose por 75 anos e seguía aínda agora vixente malia que a mobilización veciñal fixo inviable hai tempo tanto o proxecto orixinal como os diversos intentos de retomalo con encoros de inferior tamaño.
Pero é aínda agora cando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil veñen de iniciar, a través da súa publicación o pasado mércores no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o proceso para a extinción definitiva daquela concesión.
O Salto de Sela foi un máis dos diversos proxectos de encoros de produción eléctrica planificados polo franquismo en toda a Península, varios deles, como este, en coordinación con Portugal. O último encoro no río Miño antes da súa desembocadura é actualmente o de Frieira, a uns 80 quilómetros da Guarda e Caminha, pero o réxime aínda quería un máis, vinte quilómetros augas abaixo.
A mobilización veciñal vén de ser relatada no documental 'O Salto', de Adrián González
O proxecto técnico foi presentado por Fenosa en 1974 e catro anos despois recibía a concesión, pero a mobilización veciñal nas dúas beiras do Miño fixo imposible desde un principio a súa materialización. Esa mobilización social vén de ser relatada no documental O Salto, de Adrián González, veciño das Neves, estreado o pasado abril.
En 2000 o Goberno central considerou "irreversible" o impacto que tería o encoro, que mesmo afectaría ao clima da zona e con el á produción vinícola
A loita veciñal alongou o proceso de autorización ambiental do encoro, cuxo impacto foi considerado en 2000 polo Goberno central como “irreversible sobre o medio natural, o medio socioconómico e o patrimonio histórico e cultural”. As augas non só anegarían as históricas pesqueiras do Miño senón que modificarían o clima existente na zona, o que afectaría á produción vinícola desta zona da denominación de orixe Rías Baixas. “O río Miño practicamente só mantén en estado natural os seus últimos oitenta quilómetros, dos que aproximadamente vintetrés quedarían afectados polo encoro de Sela”, dicíase naquela resolución, cuxa negativa ambiental non impediu que nos anos posteriores se intentasen impulsar sen éxito outros tres proxectos de aproveitamento hidroeléctrico menores naquela mesma zona.
Hai un ano tamén se anulou a concesión de 1960 para asolagar parte do Courel cun encoro no río Lor
Agora, máis de catro décadas despois de outorgarse a concesión, o Goberno central inicia o proceso para a súa extinción, paso que a Confederación do Miño-Sil vén impulsando no último ano e medio en todo tipo de concesións de hai décadas, boa parte delas durante a ditadura, que quedaran sen desenvolver. Xunto con esta do Salto de Sela, hai pouco máis dun ano a confederación remataba o proceso de extinción doutra concesión especialmente significativa, a outorgada en 1960 para construír un encoro no río Lor, afluente do Sil, que ía asolagar boa parte do Courel. E en 2012 o Goberno central tamén rexeitaba un novo intento de levar adiante a concesión outorgada en 1951 para construír un cuarto encoro no río Navia que afectaría á recuperación do oso pardo.