A finais da década dos 60 do pasado século proxectouse a construción dun grande encoro no río Miño ao seu polas comarcas do Condado e A Paradanta: o Salto de Sela. O encoro transfronteirizo, impulsado EDP- Energias de Portugal, S.A, e Unión Fenosa con grandes apoios das ditaduras española e portuguesa, tería unha lonxitude de 22 quilómetros e suporía o asolagamento de grandes zonas dos concellos galegos de Crecente, Arbo e As Neves, e de Melgaço e Moncão. As augas non só rematarían con ricas terras de cultivo, senón tamén hábitats naturais de grande importancia e poderían poñer en risco a produción de albariño.
O proxecto espertou unha grande oposición social dende o seu inicio, aínda en pleno réxime ditatorial nos dous países. E tamén as administracións locais das comarcas afectadas adoptaron unha decidida posición de rexeitamento. Houbo manifestacións nunha e noutra beira do Miño, cunha gran participación de grupos ecoloxistas, colectivos culturais e políticos e de grupos de pescadores, tamén moi prexudicados por unha actuación que podía rematar coas poboacións de salmóns ou lampreas no río.
Agora un documental recolle a historia deste proxecto e das protestas na súa contra, relatando como a mobilización social foi quen de paralizar a construción do encoro despois de máis de 30 anos de loita. O Salto foi realizado por un mozo das Neves, Adrián González, recente graduado en Comunicación Audiovisual e autor de outras obras como a reportaxe As Neves Zona 0 (2017) ou as curtametraxes Mans Mortas (2016) e Castelos de Fame (2015).
O filme foi xa estreado o pasado mes de abril na localidade e o vindeiro venres 9 de agosto será presentado publicamente na Casa da Auga de Vide (As Neves). A proxección será ao aire libre no patio interior da Casa da Auga, antigo reitoral convertido nun museo dedicado a auga; coorganizado coa Comunidade de Montes de Vide e contará con Taquilla Inversa, abonando a entrada ao final do acto e de forma voluntaria, ao igual que o importe.
O filme formou parte do Traballo Fin de Grado de Adrián González e agora, unha vez presentado ante o tribunal, comezará unha serie de presentacións en diferentes lugares de Galicia. Á estrea do pasado mes de abril acudiran un cento de persoas, entre eles algúns dos protagonistas desta loita, destacando a intervención de Rui Solheiro, expresidente da Cámara Municipal de Melgaço (1982-2013) e principal opositor na marxe portuguesa.