De Meirás ás esculturas: cando a política si actúa ante os espolios impunes dos Franco

Veciñanza de Sobrado fai o saúdo fascista ao paso da comitiva de Franco camiño de Meirás (1938) e documentación do Concello de Santiago sobre a compra das esculturas CC-BY-NC-SA Fotos: BNE e Concello de Santiago | Montaxe: Praza.gal

Nos procesos xudiciais iniciados polo Goberno de España e o Concello de Santiago para recuperar o pazo e as pezas do Mestre Mateo os herdeiros do ditador tentaron xogar a carta do desleixo oficial que, durante décadas, existiu sobre os bens acumulados polo xeneral golpista

Hai poucos días o avogado dos netos de Francisco Franco remitiu unha carta ao representante legal do Concello de Santiago. Despois de que o Tribunal supremo os condenase a devolver ao consistorio compostelán as dúas esculturas do Mestre Mateo que o ditador e a súa esposa espoliaran del en 1954, Juan José Aizcorbe -tamén deputado de Vox- transmitiu formalmente que os seus representados teñen "vontade expresa de cumprir de maneira voluntaria e total a condena".

Ante a contundente sentenza do alto tribunal, os Franco veñen asumir a derrota e evitan, neste caso, buscar algunha outra fenda legal para tentar reter as pezas provenientes da composición orixinal do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Finaliza así de vez un litixio que durou oito anos e que comezou cunha decisión política, a que en 2017 tomou o goberno local de Santiago, na altura dirixido por Compostela Aberta, de litigar para recuperar as esculturas unha vez localizada a documentación que acreditaba a súa propiedade pública.

Esculturas de Abraham e Isaac, nunha imaxe incluída no inventario de Meirás CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Dáse a circunstancia de que nesa asunción da derrota o avogado dos netos de Franco convida o Concello de Santiago a coordinar coa Administración Xeral do Estado a recuperación das esculturas. A causa é que se atopan no Pazo de Meirás, que dende finais de 2020 volve ser patrimonio público como resultado dun proceso xudicial produto doutra decisión política, neste caso do Goberno de España, que en 2019 presentou á fin a demanda para recuperar o complexo 82 anos despois de que o xeneral golpista quedase con el.

As esculturas procedentes do Pórtico da Gloria que Franco e a súa esposa levaron de Santiago figuraron no inventario do Pazo de Meirás durante o litixio para recuperalo

En ambos procedementos xudiciais os Franco tentaron xogar unha carta que os propios tribunais admitiron como válida: a do desleixo oficial que, dende a morte do ditador e a restauración da democracia, mantivo na impunidade espolios coma estes. "A reivindicación da propiedade [do Pazo de Meirás] é un evento totalmente novo que se produce agora por vez primeira", evidenciaba en 2021 a sentenza da Audiencia da Coruña que ratificaba o carácter público do ben, pero abría a porta a unha indemnización para os herdeiros.

Porque, evidenciaba o tribunal, os sucesivos gobernos "nunca requiriran" aos Franco "para que entregasen a propiedade dun inmoble que agora se considera de dominio público". "Levan máis de catro décadas utilizando o Pazo de forma pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos", evidenciaban. Así sucedeu sen maior perturbación ata que, durante o Goberno galego de coalición PSdeG-BNG, a Consellería de Cultura abordou a declaración das Torres de Meirás como Ben de Interese Cultural situando por primeira vez no horizonte a súa posible recuperación para o público.

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público no verán de 2021 © Goberno de España

Un dos pasos tras a demanda para recuperar Meirás foi realizar un inventario dos bens acumulados no lugar. O traballo, realizado por persoal técnico de Patrimonio da Xunta, dera conta de case 700 obxectos de valor diverso, entre eles as esculturas que agora vai recuperar o Concello de Santiago. A pugna pola propiedade dos bens do interior de Meirás -entre eles, valiosa documentación-  é outra das derivadas do litixio na que, de igual maneira que no preito principal, os Franco veñen alegando que pasou moito tempo sen que ninguén lles reclamase nada.

Tamén froito de decisións políticas, pero igualmente de décadas de desleixo, é o proceso para tentar aínda en 2025 recuperar a Casa Cornide

Tamén froito de decisións políticas, pero igualmente de décadas de desleixo, é o proceso para tentar a recuperación da Casa Cornide, pola que vén pulando unha sostida mobilización social de colectivos memorialistas. Trátase do edificio da cidade vella da Coruña que fora da familia do historiador, político e ilustrado José Cornide (1734-1803). Foi mercado polo Estado en 1949 para convertelo en conservatorio de música e en 1962 unha poxa controlada por destacados franquistas locais permitiu que acabase nas mans do ditador e a súa esposa, Carmen Polo.

Ao xeito de Meirás, a presión política en sentido amplo propiciou que a Xunta accedese a declarar a Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC), obrigando así os Franco a abrila ao público, precepto legal que -como en Meirás- veñen incumprindo e tentando esquivar por varias vías. Entre elas, suxerir a sinatura dun convenio coma co que a Xunta chegou a achegar uns 50.000 euros para financiar os servizos de seguridade durante ás visitas ao pazo sadense. O obxectivo, vén reiterando o goberno local coruñés, é acabar recuperando a propiedade.

Vista da fachada da Casa Cornide, na cidade vella da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.