O tribunal entende que todas as pezas dos xardíns e a maioría do interior teñen natureza de bens inmobles porque foron colocadas alí con vontade de permanencia
A Audiencia Provincial da Coruña confirma, nun auto deste xoves feito público este venres, que a gran maioría dos bens reclamados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior do pazo de Meirás forman parte ou pertencen ao inmoble e, polo tanto, non poden ser retirados. As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxos de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos, que se suman ás alfombras de corredor, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia. É sobre o recurso da familia Franco contra aquel auto, reclamando poder retirar máis bens, sobre o que agora se pronuncia a Audiencia.
Porén, os preitos xudiciais arredor de Meirás non rematan, xa que en última instancia e sobre o fondo da cuestión o Supremo segue pendente de resolver os recursos dos Franco contra a sentenza que os deixou sen o pazo e do Estado e demais Administracións -Concellos de Sada e da Coruña e Deputación coruñesa- contra esa mesma sentenza por admitir que a familia ten dereito a unha indemnización polos gastos de mantemento. Tamén segue pendente o preito civil sobre o groso dos bens do Pazo.
A Audiencia da Coruña confirma agora polo tanto en parte a resolución do xulgado de primeira instancia e determina, nun auto contra o que non cabe presentar recurso, que elementos forman parte do pazo e non se poderán retirar. Deste xeito acolle parcialmente a cuestión incidental formulada pola Administración Xeral do Estado, á que se adheriron a Xunta e os concellos da Coruña e Sada, e decreta que practicamente todos os bens reclamados pola familia Franco permanezan no inmoble.
Do mesmo xeito que o xulgado de primeira instancia, os maxistrados determinan que os bens sobre os que existe discusión, fóra dos que lle permitiu retirar, adquiriron a condición e natureza de inmobles por incorporación, por destino ou por ambos.
A Audiencia di que “o xardín do pazo de Meirás sería un simple xardín perdendo a súa propia idiosincrasia e contido” sen os elementos que reclamaban os Franco
A Audiencia conclúe que todos os bens existentes no exterior do pazo teñen natureza de bens inmobles por destino, pois salienta que “o xardín do pazo de Meirás sería un simple xardín” sen eses elementos mobles, “perdendo a súa propia idiosincrasia e contido”. O tribunal destaca que “non consta que tales bens se introducisen no pazo con posterioridade á morte de Francisco Franco”, á vez que indica que “moitos deles estaban en vida de Emilia Pardo Bazán”. Ademais, destaca que un historiador manifestou durante a proba testifical practicada que “a maioría dos devanditos elementos xa estaban no pazo en 1938 e practicamente todos o estaban no ano 1975”.
A maior parte dos elementos interiores discutidos atópanse no altar maior da capela. A Audiencia recalca que é “impensable un retablo sen imaxes, cando ademais está historicamente acreditado que o mesmo é do século XVII ou principios do XVIII, colocado en tempos da condesa de Pardo Bazán”. Dos elementos que a familia Franco reclama do interior do pazo de Meirás, a Audiencia permite retirar os cinco mencionados. O auto, ditado na fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmoble é propiedade do Estado, é firme, pois contra el non cabe presentar recurso.